Caballero

CC-BY-SA Iñaki Murua

O trato diferente a mulleres e homes agudízase co tempo en lugar de remitir. Percíbese por pouca atención que se lle poña, a diferencia. 

Se está no supermercado a caixeira énchelle a bolsa coas cousas que comprou. Á señora que vén detrás, terá que facelo ela soa. Se a señora pregunta por que a ela non lle fai o mesmo, a resposta da caixeira é: Son tan torpes que tardan moito en facelo. Prefiro facerllo eu para axilizar. É tamén a razón da ama de casa para ocuparse ela de todo. Do que deducimos que a ignorancia masculina en certos mesteres, favorécelle. Mentres que a ignorancia feminina noutros, desfavorécenos. Se el é torpe é un Adán. Se é despistado é que ten moitas cousas na cabeza, un exceso de preocupacións. 

A rúa é súa. Vai polo seu camiño. Desde que me decatei, e non deixo a miña man, indo pola dereita, encóntrome con homes sorprendidos case chocando comigo. Indica que están afeitos a que lle deixen o sitio. Son cousas que parecen insignificantes, pero non o son.

Comprobamos que se as mesas dun bar están cheas, é normal que a camareira ou camareiro se dirixa primeiro onde hai un home. 

Se imos ao cuarto de baño, o normal é que o primeiro sexa de homes; se están enfrontados, o da dereita é masculino; e se hai que subir, o de arriba é o da muller. Fíxense. Na cidade en que vivo só hai dous (onde eu entrase) que contradín a norma. 

A linguaxe é determinante. Un home, desde que asoma pola porta dun establecemento é un caballero, tanto se vai só ou acompañado. Caballero ten aquí unha mesa, aínda que vaia acompañado por unha ou máis mulleres. As mulleres non son damas. Tampouco se lles chama señoras cando aparecen na porta. Botamos de menos non estar en Francia, onde, como fórmula, é madame ou, para varias, mesdames. Aquí é Que toma o caballero? Para as mulleres: Que va a tomar ou Que lle poño? Iso cando non din Gracias Guapa! O de guapa é tratamento habitual, mesmo tratándose dunha señora maior. Por que non lle chamas guapo ao caballero?, pregunteille a un camareiro o outro día. 

A diferencia de trato é alarmante. O do caballero está cada vez máis estendido. Non só na hostelería, senón no comercio en xeral. Entra paralelamente ao castellano. É considerado fino.

Lembro hai uns anos, nun comercio de calcetíns no centro da cidade, comprei un par. Na caixa estaba unha rapaza que probablemente viñera de fora. Ao pagar, quixo venderme máis e díxome: Tendrá usted un caballero en casa? Non o puiden evitar. A miña gargallada escoitouse na rúa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.