Caciqueando... Herbón non será BIC, nen tampouco un proxecto social

Se alguén non o remedia, en moi pouco tempo, coa calada administrativa por resposta, o Convento Franciscano de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, non será declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Non sei se existen precedentes dun caso como este pero o asunto fede, particularmente, coa decisión franciscana de pechar e trasladar ós dous frades que alí quedaban.

O asunto fede, particularmente, coa decisión franciscana de pechar e trasladar ós dous frades que alí quedaban

Como moitas persoas saben, en 2011, o Seminario Galego de Educación para a Paz, xunto con outras entidades, promovemos a declaración BIC para Herbón. Inicialmente todo foron parabéns e apoios. En Patrimonio da Xunta de Galicia, no Concello de Padrón, no Mº de Fomento e na Orde Franciscana. Todos -aparentemente- estabamos de acordo. Non había dúbida algunha. Tratábase, en esencia, de recoñecer e protexer os valores históricos, artísticos, culturais e medio ambientais duns magníficos espazos amurallados, de 48.000 metros cadrados, con varios edificios, claustros e igrexa, un conxunto que se remonta a nada menos que ó s.XIV.

Pretendiamos tamén acceder a distintas liñas de financiamento, entre elas, á do Mº de Fomento, con cargo ó 1% cultural para, desta maneira, restaurar unha parte dos edificios, co obxecto de poñer en marcha o que chamamos Lar da Paz, un Centro Internacional pola Paz, base dun futuro Espazo-Museo, similar a Baketik no Mosteiro de Arántzazu, en Euskadi, ou o Museo da Paz de Gernika.

Había en Herbón outras magníficas iniciativas socias coincidentes e complementarias, coas que compartimos proxecto común

Había en Herbón outras magníficas iniciativas socias coincidentes e complementarias, coas que compartimos proxecto común, como son, a creación dunha Casa de Acollida para nenos en situación de risco social (Viravolta), un Centro de Estudios Xacobeos e un Albergue de Peregrinos (xa en funcionamento e promovido pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago), a Sociedade de Estudios Irienses, AMIPA, ou Sementar.

O arquitecto Pedro de Llano fixo un proxecto restaurador extraordinario. E con toda a documentación xustificatoria presentamos a solicitude de BIC para Herbón nese ano 2011 en Patrimonio da Xunta de Galicia, unha condición imprescindible para acceder ó citado 1% cultural do Mº de Fomento. Patrimonio deulle o visto bo con entusiasmo e iniciouse a tramitación do expediente sen problema algún. Solicitáronse informes complementarios a diversos organismos, entre eles, ó Consello da Cultura Galega, que o apoiou. Tamén a USC manifestouse nos mesmos termos, favorablemente, e a Universidade de A Coruña.

Algúns veciños, alarmados irresponsablemente polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira (PP), empezaron a reconsiderar que o BIC atentaba contra dos seus plans porque, na súa opinión, dificultaría a propia existencia de invernadoiros de pementos

Sen embargo, o que fora un camiño de rosas institucional, tornouse -de súpeto- nun inferno de presións e manipulacións. Algúns veciños, alarmados irresponsablemente polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira (PP) e por algún funcionario municipal interesado, logo de manifestar o seu apoio publicamente, empezaron a reconsiderar que o BIC atentaba contra dos seus plans porque, na súa opinión, dificultaría a propia existencia de invernadoiros de pementos arredor do recinto amurallado de Herbón, a posibles futuras construcións, ó Plan Xeral e a operacións inmobiliarias previstas. O grao de presión foi especialmente duro no lugar de Herbón, para co convento e o seu Prior, Roberto Freire, entusiasta defensor do proxecto común citado.

O Alcalde, Fernández Angueira, converteuse no principal antagonista desta película horrenda. Dirixe teimudo as súas presións contra Patrimonio e a Comisión Provincial quen terían que ditaminar sobre o BIC, en última instancia. Alerta de graves conflitos no lugar, de división social extrema (alimentada previamente). Mesmo presenta alegacións fora de prazo e usa todas as súas influencias internas no PP. Visita en diversas ocasións San Caetano (os funcionarios non daban creto a tanta insistencia). Tamén á Comisión Provincial de Patrimonio. O seu obxectivo final: dinamitar o BIC para Herbón, paralizalo definitivamente.

Contra todo prognóstico, a Comisión Provincial cedeu ás presións e manifestouse contrario ó BIC cun único voto particular en contra

E o que todo parecía favorable, torceuse. Patrimonio foi incapaz de resolver negativamente o expediente na anterior lexislatura. A verdade, resultaba moi chocante coa súa actitude anterior favorable. Mais, contra todo prognóstico, a Comisión Provincial cedeu ás presións e manifestouse contrario ó BIC cun único voto particular en contra, moi valente, o do representante da Universidade de A Coruña, Carlos Amoedo. E desde aquela impúxose o silencio. A decisión estaba tomada. Tan só quedaba esperar e esgotar os prazos. Silencio administrativo negativo. Herbón quedaría sen BIC. Así, caladamente. Batalla gañada. Caciquismo de manual.

En moi pouco tempo, se ninguén o remedia, os intereses particulares de algúns, os de sempre, prevalecerán sobre o ben común

En moi pouco tempo, se ninguén o remedia, os intereses particulares de algúns, os de sempre, prevalecerán sobre o ben común. Como tantas veces.

Dixemos daquela que, mais cedo que tarde, porque non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo, saberiamos, de verdade, que había detrás de todas estas presións e o futuro que algúns tiñan reservado para o Convento de Santo Antonio de Herbón e a súa contorna. Libre xa da pérfida declaración de Ben de Interese Cultural... E o papel que cada quen xogou neste fiasco. Porque algúns si que temos memoria...

Dixemos daquela que, mais cedo que tarde, saberiamos, de verdade, que había detrás de todas estas presións e o futuro que algúns tiñan reservado para o Convento de Santo Antonio de Herbón e a súa contorna

A penúltima escena desta impresentable película ven ser o traslado ó Cebreiro do Prior de Herbón, Roberto Freire, e o paso da casa de Herbón a depender directamente da comunidade franciscana de Santiago de Compostela. As presións, finalmente, deron resultado. A cadea sempre rompe polo espazo máis feble.

Mais recorreremos. E, si fose necesario, iniciaremos as accións legais oportunas. Creo que Francisco, hoxe, en relación con Herbón, non podería dicir, paz e ben. Quizais só "que mágoa!!!"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.