Cada vez máis endebedados

Contra toda outra lóxica macroeconómica que non sexa a de favorecer as grandes ganancias da banca, os fondos de investimento e as empresas monopolistas as políticas impulsadas dende os principais poderes públicos europeos (Consello, Comisión, BCE) fronte a crise sistémica, teñen como efecto fiscal o incremento exponencial das débedas públicas e privadas. Están así creando unha bomba de reloxería que ameaza, mais cedo que tarde, cunha nova crise aínda que seguramente mais forte que a actual e que a de 2008. Sorprende tanta irresponsabilidade. Irresponsabilidade por que a nova crise sistémica pide a berros un grande i excepcional esforzo fiscal por parte dos poderes públicos. Un esforzo fiscal que non obstante non debera teren como efecto un endebedamento público e privado tan elevado como o que se vai producir.

Un endebedamento no que o BCE ten unha grande responsabilidade. A súa estratexia monetaria de compra masiva de activos públicos e privados (a "quantitative easing ou expansión cuantitativa", tan eloxiada no seu día) está sendo un absoluto fracaso en tanto en canto facilitar o crédito a quen mais o precisa (familias e empresas non financeiras). O mesmo sucede en relación aos estados do sur e as súas administracións públicas. Como xa temos subliñado nestas mesmas páxinas os principais beneficiarios destas políticas de abundancia de liquidez son os axentes financeiros (grande banca e fondos de investimento) e as grandes empresas monopolistas que utilizan esta abandoxa liquidez para fins que nada teñen que ver coas necesidades actuais das economías e as sociedades europeas. Esta estratexia ten ademais outro efecto perverso de consecuencias incalculables dada a dimensión que está acadando: xera mais débeda (pública e privada). Antes de que estourara a nova recesión económica a débeda pública global da Unión Europea equivalía 79,5% do PIB, 86,3% na Eurozona e 98,8% en España. Cifras que permiten afirmar que a débeda pública europea estase facendo impagable. Pero non menor problema presenta a débeda privada tanto dos fogares (58% do PIB na eurozona, 57,4% en España) coma das empresas non financeiras (76,6% e 73,9%). Unhas cifras que se dispararon co gallo da pandemia e así, por caso, a débeda pública española está no 117,2% do PIB (case 20 puntos mais) e segundo os cálculos mais fiables o incremento na UE será superior aos 10 puntos do PIB. Un balance que pon en evidencia como a débeda (pública e privada) resulta seren practicamente o único mecanismo que as autoridades públicas europeas empregan para xerar riqueza.

Como proba do anterior temos o Plan de Reconstrución aprobado pola Comisión Europea que tamén vai supor un incremento complementario das débedas pois, por caso, este organismo ven de anunciar que recorrerá a poxas de bonos para colocar parte da débeda con que financiará o seu fondo de recuperación do coronavirus. Mecanismos todos eles que benefician enormemente a grande banca xa que canta mais débeda mais ganancia para os bancos

Unha estratexia que podía seren facilmente substituida por outra que non suporía incrementos na débeda, especialmente para as familias, as empresas non financeiras e os estados. Por caso, que o BCE (Banco Central Europa) lles prestara directamente e sen xuros a estes axentes. Un mecanismo que no caso de estados como España se podería complementar con unha reforma fiscal que grave en función da riqueza.

Apostar polo primeiro camiño, como fan as autoridades europeas, supón que familias, empresas non financeiras e estados esteamos cada vez mais endebedados. Unha situación que rematará inevitablemente nunha crise das débedas tal que impedirá saír da crise sistémica: as economías non poden medrar exclusivamente en base a que medre a débeda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.