Nun artigo anterior neste mesmo medio subliñaba que na actual situación na que converxen unha emerxencia sanitaria provocada por un virus descoñecido e unha recesión económica froito dunha crise sistémica o que se precisa é un reforzamento do público con unha política fiscal moi potente.
Sucede sempre que cando se fala de aplicar políticas fiscais potentes saltan as alarmas, procedentes de diferentes círculos, preguntando “con que recursos?”. Pregunta que ten unha moi fácil resposta: hai recursos dabondo, do que se trata é de poñelos ao servizo das necesidades da sociedade. Necesidades agora marcadas pola gravidade dunha conxuntura na que o efecto dobre dunha pandemia e unha recesión económica van provocar unha crise económica de tal gravidade que moitos a comparan polo seu impacto co Grande Recesión (2008) aínda que teñan naturezas distintas. Unha crise que ademais de afectar a vida e a saúde das persoas está paralizando tanto as canles de distribución como as liñas de produción. Unha parálise que, segundo cálculos da Comisión Europea, vai provocar unha caída da produción (PIB) sen precedentes inmediatos (-7,7% na eurozona, -9,4% en España) e que se dispare o desemprego (9,6% na eurozona, 18,9% en España).
Cinxíndonos ao caso español, que é extensible a Galicia, os recursos públicos para unha política fiscal moi potente poden proceder de dúas vías. A vía da reforma fiscal aínda pendente e a vía do BCE.
Tanto na moción de censura triunfante (2018) como nas campañas electorais posteriores (2019) os partidos que compoñen o actual goberno español (PSOE e UP) defenderon a necesidade dunha reforma fiscal que, cando menos, nos situara a nivel medio europeo o que permitiría incrementalos ingresos fiscais de forma notable. Segundo as fontes mais fiables, por caso GESTHA, ter en España unha presión fiscal equivalente a media na zona euro permitiría incrementalos ingresos fiscais anuais en 76.000 millóns de euros (3.500 en Galicia). Uns incrementos que procederían maiormente de dúas vías: 1. Redución a niveis medios europeos da elevada fraude fiscal, 2. Equiparación do trato fiscal entre as rendas do traballo e as do capital. Trátase, a pesar diso, dun cálculo modesto xa que existen outras vías complementarias polas que sería posible incrementalos ingresos fiscais (un imposto as grandes fortunas, una taxa as transaccións financeiras a curto, un gravame as actividades contaminantes....).
Asemade a eurozona (UEM) conta con relevantes instrumentos propios de financiamento como, por caso, o Banco Central Europeo (BCE) que si ten como obxectivo principal “mantela estabilidade de prezos” (art. 105.1ª da C.E.) tamén ten outros tal que “apoiar as políticas económicas xerais da UE co gallo de contribuír a realización dos obxectivos comunitarios”. Que obxectivo comunitario pode ser neste intre mais importante que protexela vida e a saúde dos cidadáns europeos diante da pandemia?.
Nunha conxuntura da gravidade e a excepcionalidade da actual o Banco Central Europeo, como brazo executor da política monetaria da UEM, debe acudir en apoio dos estados europeos quen precisan con urxencia de axuda financeira para facer fronte ao impacto da pandemia. Un financiamento que debe seren directo (como, por caso, fan a Reserva Federal e o Banco de Inglaterra) e non ao través da banca privada, como veu sucedendo con tódalas axudas aprobadas ata agora, pois como mostran as experiencias está vía leva a que se encareza o financiamento e disparen as débedas públicas. Algo que de continuar sería demoledor para os estados europeos mais endebedados como, por caso, sucede con España. Dirase que o BCE, por mandato constitucional (Art. 123 da C.E.), ten prohibido financiar directamente aos estados. E certo que existe ese mandato constitucional pero non é menos certo que o BCE se o ten saltado cando así o considerou oportuno e que hai precedentes moi significativos.
Cando estalou a crise financeira (2008) o BCE, xunto con outras institucións públicas relevantes como o FMI e a CE, acudiu apresurado ao rescate da banca europea. Segundo as fontes mais fiables (EUROSTAT) o orzamento público destinado a tal fin superou os 800.000 millóns de euros. Para España aprobáronse 175.000 millóns (a cantidade mais elevada só por detrás de Alamana: 225.000). Outro caso pasou no ano 2015 cando, co gallo de loitar contra a inflación e salvar ao sacrosanto euro, o BCE puxo en marcha un programa de compras masivas de bonos de débeda pública aos estados da eurozona. (unha media mensual de 60.000 millóns de euros durante un período de catro anos: 2015-2018). Diante destes precedentes, cabe preguntarse se a situación actual non xustifica tamén unha actuación extraordinaria do Banco Central Europeo incluso agora con máis motivo dado que están en xogo a vida e a saúde de millóns de cidadáns europeos. Por caso, ademais das axudas directas por que o BCE non pode comprar débeda soberana dos estados europeos e transformala en débeda a longo prazo ou perpetua?. Por que non poñer en marcha outras vías financeiras que son coñecidas e non supoñen débeda?
Hai diñeiro dabondo en Europa, i en España, para atender as necesidades actuais provocadas pola pandemia e a recesión económica sen que teña que supoñer para os estados europeos mais débeda pública. O único que fai falla e vontade política de facelo. Por caso, non houbo no seu día vontade política para reformalas constitucionais nacionais e poñer os intereses da banca por riba dos intereses de tódolos cidadáns?