Despois da derrota laborista, Ken Loach presentou en Bologna o seu último filme, Sorry We Missed You. Alí declarou que foron as eleccións máis terríbeis da historia británica. O Labour propugnaba unha banca pública, a nacionalización de empresas eléctricas, a reversión das compañías privatizadas por Tatcher, o reforzo do sistema sanitario.
A contestación do poder foi violenta e salvaxe. Xeraron odio contra o líder, Jeremy Corbyn. Sendo un home de paz acusárono de racista e terrorista. O desprezo polas propostas foi visceral, sen concesións para o debate.
Loach di que era só un programa de progreso. Non é verdade. Postulaba nada menos que a limitación do poder económico desde as instancias do estado, o sometemento das grandes corporacións ao interese das maiorías, a regulación do mercado. Un cambio revolucionario. Nada visto desde o remate da Segunda Guerra Mundial.
O que resta do imperio inglés pode discutir se permanece en Europa ou se funda o Singapur atlántico. Pode negociar que Escocia e Irlanda do norte fiquen ou marchen. O que está radicalmente prohibido é inventar un novo modelo socialista no corazón xeográfico do sistema, un contrapoder destinado a ser referencia universal. Esa é a nai do año.