Desde hai uns anos, cada vez que saio á rúa, aumenta a miña perplexidade ante certas condutas sociais que me parecen, cando menos, dignas de estudo; refírome á consolidación nos espazos públicos dunha nova tribo urbana formada por individuos que se desprazan pola vida pendurados da correa dunha mascota, unidos para sempre nunha relación simbiótica
Desde hai uns anos, cada vez que saio á rúa, aumenta a miña perplexidade ante certas condutas sociais que me parecen, cando menos, dignas de estudo; refírome á consolidación nos espazos públicos dunha nova tribo urbana formada por individuos que se desprazan pola vida pendurados da correa dunha mascota, unidos para sempre nunha relación simbiótica, na que a parte humana aporta bolsa para os excrementos e a parte canina un menear de rabo que se entende agradecido. Son a tribo dog friendly, supostamente tolerante e amigable, e cun estilo de vida onde o can se converte non só en amigo fiel, senón en ónfalos existencial.
Lonxe de min calquera intención de negar os profundos vínculos de afecto que se poden establecer con outras especies, e seguro que abundan os estudos científicos que demostran os beneficios desta relación de convivencia entre humanos e animais, pero teño a impresión de que o tema se nos está indo un chisco das mans, pois da empatía animalista estamos a pasar a unha idolatría canina con trazos relixiosos, onde o Canis Lupus Familiaris pasou a ser un deus absoluto e os seus supostos donos, sacerdotes dunha perpetua adoración.
Dirán vostedes que xa noutras épocas existiron lazos emocionais moi intensos entre persoas e animais de compañía, aínda que nunca levaban implícitos un trato igualitario entre especies. Na miña infancia, nun ámbito próximo á aldea, distinguíase tres tipos de cans: os de caza, os de palleiro e os atados por unha cadea a un tarambollo. Obviamente, existía o maltrato animal, e a loita por desterralo só pode entenderse como un progreso da nosa conciencia ética. Pero daquela un can, por moi riquiño que fose, non deixaba de ser unha criatura que cumpría unha función complementaria nas nosas vidas e un ser humano, mentres non se demostrase o contrario, unha persoa, un igual, un semellante.
Pero o mundo evoluciona, seica para mellor. As rúas peonís das nosas vilas e cidades énchense de paseantes coas súas mascotas a ocuparen terrazas, parques e xardíns sen preguntar sobre as posibles molestias que causan aos non adheridos á seita; os hoteis habilitan espazos para que os cans gocen de spa e menú degustación; as cadeliñas tipo folerpa de neve visten chuvasqueiros de marca e complementos de moda; os seus menús de hipermercado parecen deseñados por un dietista de prestixio, que lles controla os niveis de microbioma e flora intestinal. E, por suposto, as carrachas pasaron a ser unha praga doutrora, pois os cans, como cidadanía de pleno dereito, dispoñen de clínica especializada e perruquería onde lles fan a permanente e, se fai falta, a pedicura.
Neste contexto, resulta inquietante escoitar persoas adultas que se recoñecen en público como papás e mamás das súas mascotas e que, levando ata as últimas consecuencias o vínculo afectivo, as tratan como se fosen auténticos bebés: abríganos no colo para os protexeren do frío, mércanlles carriños con capota para lles evitar a fatiga das viaxes e, o peor de todo, finxen que dialogan con eles nunha especie de escenas dramatizadas onde anticipan as respostas do coitado animaliño aos seus agarimosos requerimentos. Nin sequera Shakespeare se atreveu a tanto cos seus monólogos.
Gustaríame pensar que aínda é posible establecer un punto intermedio de equilibrio entre encerrar de por vida un can dentro dun galpón ou agasallalo coma un tirano de catro patas
E o epítome máis revelador deste modelo de conduta vese na actual tendencia dos establecementos hoteleiros que venden exclusividade: cada vez son máis os que presumen dun trato preferente cara aos animais de compañía ao tempo que limitan o acceso de crianzas ás súas instalacións. Desertamos das nenas e nenos da especie homo sapiens e, en troques, elevamos os cans á categoría de ídolos con dereitos inalienables. Non lles sorprenda que calquera día destes se organicen bautismos e funerais na súa honra, ou festas de aniversario, aínda que é probable que isto xa estea a suceder arestora, pois o capitalismo sempre converte os afectos en negocio.
En fin, desculpen este desafogo, non estritamente subxectivo, pois os datos apuntan que nos diriximos cara a unha Galicia futura moito máis dog friendly que cow friendly. E, polo ben da convivencia, gustaríame pensar que aínda é posible establecer un punto intermedio de equilibrio entre encerrar de por vida un can dentro dun galpón ou agasallalo coma un tirano de catro patas. E permitan que agora me vaia observar desde a ventá o paporroibo que pousa sempre nunha póla do xardín. Porque mesmo os que carecemos de animal de compañía, somos quen de admirar a beleza dun paxariño que non coñece gaiola.