Cando Gesualdo Bufalino cantaba*

A Maurizio Polsinelli

No ano mil novecentos oitenta e catro e ao dia seguinte de que Biscuter cantara el vino que tiene Asunción, ni es claro, ni es tinto, ni tiene color, Pepe Carvalho, coa pouca lucidez que conservaba, dixo que o dia primeiro de ano debía estar prohibido e que o ano debía comezar o vinte e un de marzo. Verdade obxectiva.  Máis tamén debía estar prohibido os luns, pero sobre todo os luns que chove en Santiago e tes que agocharte na biblioteca Ánxel Casal para que non se te molle a bolsa de tea na que gardas os Diarios de Walter Scott e a merenda para a túa filla. Que te molles ti non ten importancia pero que se mollen frases coma “Creo que  embelecía os seus amores considerablemente e que en moitos aspectos era le fanfarrón de vices qu´iln´avait pas” e o plátano de Canarias e o ovo Kinder si que é un problema. 

Un verdadeiro problema!.

Aínda que toda regra ten a súa excepción. Este luns, o día 11 de abril, non ten que estar prohibido. Non só polo balbordo producido pola detención dun conferenciante que nos tempos nos que segundo Antonio Piñeiro o Duplex era o mar de brazos, mans, copas, fosforescencia e frivolidade fascinaba a unha parte dos estudantes, os que non contemplaban con envexa (“da boa”) os paseos de Uxio Novoyneira do brazo de Miguel Anxo Fernán Vello polo Franco, senón tamén porque descubriches, que podes conectar nun texto nomes que aparentemente nada teñen que ver e que o final todos conflúen nun mesmo océano. LITERATURA. Carmen Penim, Félix Romeo, Lucía Peaguda, Maurizio Polsinelli, The Velvet Underground, Pepe Carvalho, 2nafronteira, Marcel Schowb, The Kills, Uxío Novoyneira, Miguel Anxo Fernán Vello Gezá Csáth, Pane, Katia Mann e Gesualdo Bufalino.

O resultado do teu descubrimento é que trocaches ao chegar a casa o inicio do relato que estabas a escribir Meu pai é avogado, en Ourense, e a miña nai, unha muller moi fermosa. Eu fun, en realidade, unha especie de apéndice […], por Gústame Pane e 2nafronteira e a cita de Gesualdo Bufalino Stop, paso e pecho, retorno a felicidade do silencio. Non me gusta Katia Mann e o inicio das súa memorias Meu pai era profesor de Matemáticas na Universidade de Munich, a miña nai, unha muller moi fermosa. Eu fun, na realidade, unha especie de apéndice […].
Por unha vez, coma Walter Kennedy, fun cabaleiro de fortuna e aínda así, coma Pepe Carvalho tras resolver o crime de Ginés Larios Pérez, non teño máis remedio que ir a un balneario. Marienbad?. Baden Baden?. Brijoni?. Noordwijk aan Zee? A Toxa?. Por suposto, A Toxa. Habitación 311**.

Nota bene:

https://www.youtube.com/watch?v=zs7kIATJb_o
** Sempre evito nos hoteis a habitación 224. Vade retro Raymond Roussel!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.