Canto dano en tan pouco tempo...

Angel Currás, colega, profesor de instituto, tiña fama de ser un home tranquilo, prudente, sensato e responsable. Noutras palabras, pouco político... Quizais por iso parecía a persoa máis axeitada para tapar os excesos -coñecidos- do seu predecesor como Alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa, avogado, hoxe condenado por fraude fiscal, din que numerario do Opus, unha aposta persoal de Alberto Núñez Feijóo para a capital de Galicia e que gañou a maioría absoluta, para sorpresa del mesmo, por unha ducia de votos.

Na cidade todo o mundo sabía quen era Conde Roa, algúns dicían Roña, polos seus negocios inmobiliarios, actividade profesional e unha vida persoal pouco acorde coa imaxe de congregante que quería dar

Na cidade todo o mundo sabía quen era Conde Roa, algúns dicían Roña, polos seus negocios inmobiliarios, actividade profesional e unha vida persoal pouco acorde coa imaxe de congregante que quería dar. Tamén no PP local o sabían. Na oposición comentábase que Gerardo e a súa lista viñeran para forrarse. Con todo, ninguén podía imaxinar que a peripecia do PP en Santiago, en tan pouco tempo, dera para tanto.

E a realidade política superou á ficción do mellor fabulador. O concelleiro Ángel Espadas, man dereita de Conde, azoute do botellón, unha das armas propagandísticas da campaña electoral, foi cazado borracho e durmido diante dun semáforo a altas horas da madrugada. Como xefe de gabinete do alcalde seguiu controlando os tecemanexes municipais, os servizos, as relacións coas empresas municipais privatizadas e rematou en prisión.

Cando o propio Alcalde, Conde Roa, foi descuberto e condenado por fraude fiscal no marco das investigacións da chamada Operación Pokemon, tivo que dimitir, despois de moitas voltas, pero aínda gañou tempo e poder como para botarlle un pulso (e gañarllo) ó seu mentor, ó Presidente da Xunta de Galicia impoñendo mesmo o seu sucesor, a aquel profesor de instituto, nada político, pero que non tivo reparos en pasar por diante de quen fose para facerse co bastón de mando. E Paula Prado tivo que botarse a un lado. Por aceptalo, con moita resignación cristiá, foi recompensada coa portavocía na cámara galega. Outra vez a intervención do Presidente.

Mais as investigacións da policía xudicial seguiron e destaparon conversas telefónicas que evidenciaban non só as tremendas leas internas na familia compostelán do PP e do concello, senón o funcionamento apodrecido e as relacións viciadas coas empresas que contrataban servizos municipais, o dos "regalos de la hostia", as facturas infladas, colocacións irregulares, ameazas... e demais métodos mafiosos que chamuscaron tamén a carreira política da ex portavoz parlamentaria do PP, Paula Prado.

A fotografía de toda a Xunta de Goberno do Concello de Santiago de Compostela no banco dos acusados nos xulgados de Fontiñas abriu portadas e telexornais, e tiveron que irse, logo de ser condenados e inhabilitados por un xuíz, foi nese momento cando tiveron que asumir, conxuntamente, responsabilidades políticas e xurídicas, faltaría máis!.

A fotografía de toda a Xunta de Goberno do Concello de Santiago de Compostela no banco dos acusados nos xulgados de Fontiñas abriu portadas e telexornais

E o Presidente da Xunta de Galicia, mentor de Conde Roa, cómplice na súa substitución por Angel Currás, promotor de Paula Prado no Pazo do Hórreo, non só foi quen de aguantar ate a condena en firme de toda unha Xunta de Goberno, senón que permitiu que o Alcalde manobrara para perpetuarse no poder estando dobremente imputado, mesmo ate o instante en que pretendía anunciar publicamente o seu novo equipo conformado por persoas non electas e escollidas da sua corda. Neste tirapuxa final, Currás tivo que ceder. Nas súas palabras de despedida dixo que non foi unha renuncia, non foi un cese, non foi unha dimisión, simplemente, unha renovación, unha solución excepcional para unha situación excepcional. Que grande Currás!, e segue de concelleiro. Un estrambote final propio do peor soneto.

Pero as cousas que poden empeorar, empeoran, dicía o Murphy. E a historia aínda está por concluír, para desgraza da cidadanía compostelán.

Co obxectivo de impedir a convocatoria de eleccións anticipadas dilataron todo o que podían esta podremia ate que xa legalmente non se podía recorrer á consulta popular pois queda menos dun ano para as locais de 2015

Co obxectivo de impedir a convocatoria de eleccións anticipadas dilataron todo o que podían esta podremia ate que xa legalmente non se podía recorrer á consulta popular pois queda menos dun ano para as locais de 2015. E botaron man dunha modificación legal pensada para Euskadi que permite cubrir as vacantes con persoas mesmo non electas, toma democracia!!!.

E nomearon alcalde o último da lista, pola cara, outro dedazo de Feijóo, ó actual conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, o da mina de Corcoestro, o do fracking, o que acredita obras non realizadas, Don Limpo, para pasar o pano en Compostela e empezar xa, con tempo, a precampaña das municipais de maio do ano que ven...

Polo medio, toda unha lexislatura para esquecer, un concello paralizado, internamente desmoralizado, unha cidade atónita, a marca Compostela polo chan

Polo medio, toda unha lexislatura para esquecer, un concello paralizado, internamente desmoralizado, unha cidade atónita, a marca Compostela polo chan, Santiago de Corruptela como exemplo de democracia autoritaria, de liortas de poder, de condutas mafiosas, de podremia e asco. Canto dano en tan pouco tempo.

O monarca cando menos dixo aquilo de "Perdón, me he equivocado, no volverá a ocurrir". Aquí, como non os corramos a votos, son quen de seguir. Si o lograran a responsabilidade sería toda nosa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.