Carta aberta á Conselleira de Medio Rural: Arderon as Fragas do Eume

Señora Conselleira: Escríbolle a vostede, pero o mesmo lle podía escribir ao señor Conselleiro que leva asuntos de medio ambiente, mais como tamén é o de Economía e Industria, cousa esta última que non me casa moito co medio ambiente, vouno deixar para outra ocasión. Ao señor presidente xa lle escribín estoutro día e aínda non me contestou, entendo que ha estar ocupado e non llo tomo a mal. De seguro que xa se decata por que lle escribo: polo lume nas Fragas. Por certo, houbo quen me afeou que nos lumes do 2006 non lle escribise ao presidente Touriño, e vou aproveitar esta carta para responderlle. De primeiras tiña pensado facelo, pero cando vin a foto do señor Feijoo coa mangueira xa me pareceu que estaba o asunto amañado e non facía falta a miña carta.

Tanto ten que pretendan minimizalo, porque aínda que a extensión ardida fose moito máis pequena, en ardido Pasa da Vella e o tramo entre a Ventureira e o Parrote, gran parte da fraga auténtica, a milenaria, a xenuína está desaparecida

Pero imos ao serio do conto. Verá, digan o que digan, o desastre é enorme. Tanto ten que pretendan minimizalo, porque aínda que a extensión ardida fose moito máis pequena, en ardido Pasa da Vella e o tramo entre a Ventureira e o Parrote, gran parte da fraga auténtica, a milenaria, a xenuína está desaparecida. Poden quedar zonas de aparencia de fraga, pero, coma o Calixtinus, o auténtico despareceu, por moito que quede unha copia. E os responsábeis son os que puxeron lume e mais vostedes que, na súa ignorancia do que isto era, fixeron desleixo da debida protección e coidado.

Os responsábeis son os que puxeron lume e mais vostedes que, na súa ignorancia do que isto era, fixeron desleixo da debida protección e coidado

E agora? Porque agora haberá que planificar como se vai proceder nas Fragas do Eume despois de ardidas. Haberá que tomar medidas ben tomadas, porque non vale calquera cousa, e pódense cometer máis erros ben grosos e, os máis deles, irreparábeis. Imos ver algunhas cousas que deberán ter en conta se non queren agrandar a desfeita. Son todas nacidas do sentidiño, por tanto poderían ocorrérselle a vostede sen necesidade de que eu llas diga, pero aínda así, aí van:

1. Como vostede ben sabe, o prioritario e o que todos os técnicos din, é frear a erosión con ramallas palla ou o que sexa; semella ben lóxico, até, en paz estea, miña nai poñería papeis de xornal, e sementar herba que enraíce axiña. Pero hai que saber que sería o mellor en cada lugar coa súa estratexia. Non todo é o mesmo. Para isto hai que botar man de voluntarios... E antes que chova!  Aí está a chave das noces.

Hai que botar man de voluntarios... E antes que chova!  Aí está a chave das noces

2. Non se trata dun monte de explotación forestal. Trátase dun espazo especialmente delicado e altamente sensíbel ás actuacións adoito comúns no que entendemos que cabe no sintagma “monte galego”. Por tanto, hai que tratalo fóra dos protocolos comúns de monte ardido, tala pronta, subhasta da madeira e replantación.

3. A madeira alí ardida non pode ser tratada do mesmo xeito que se trata calquera eucaliptal ardido. Aínda que moita dela sexa eucalipto (e hai que plantexar xa o futuro sen eucaliptos), non vale iso de cortar, vender e sacar o antes posíbel para que non seque ou podreza, porque entón perde valor. Se podrece que podreza, alí non poden actuar tractores, camións nin maquinaria da industria madereira, que por onde pasan deixan máis mal có propio incendio. Haberá que cortar á man e sacar, se é o caso, que os técnicos o deben dicir, sen abrir pistas nin facer grandes desfeitas

O chan das Fragas é de tanta ou máis importancia ca a masa arbórea ardida e debe ser preservado de novas agresións. E este chan ardido non debe ser pisado innecesariamente

4. O chan das Fragas é de tanta ou máis importancia ca a masa arbórea ardida e debe ser preservado de novas agresións. E este chan ardido non debe ser pisado innecesariamente.

 

5. As Fragas do Eume acaban de seren descubertas, por mor deste desgrazado suceso, por millóns de persoas que nada sabían da súa existencia. A tendencia gregaria do espécime turístico pode producir una avalancha de visitantes que ocasionaría danos irreparábeis se os deixan ceibos pola fraga. Poden resultar peores có cabalo de Atila, aquel que onde pisaba non volvía medrar a herba. Convén contrólalos e ordenalos, traelos á corda curta e o que salga do camiño... Hai que facerlles saber o antes posíbel que se vai limitar de xeito importante o acceso ao parque para as visitas, polo menos até que os técnicos e especialistas determinen o estado no que quedaron as Fragas no tocante ao seu chan, á súa flora, á súa fauna, aos acuíferos... e a todo canto sexa sensíbel á presenza humana descontrolada.

As Fragas do Eume acaban de seren descubertas, por mor deste desgrazado suceso, por millóns de persoas que nada sabían da súa existencia. A tendencia gregaria do espécime turístico pode producir una avalancha de visitantes que ocasionaría danos irreparábeis se os deixan ceibos pola fraga

6. Só baixo a estrita dirección e supervisión dos máis cualificados especialistas (botánicos, zoólogos, ecólogos, edafólogos, enxeñeiros forestais, etc.) se deberá elaborar un plano completo, detallado, temporizado, orzamentado e aprobado no Parlamento de Galicia para a actuación nas Fragas do Eume despois do incendio.

7. E esta última é moi importante, desde logo nada menos que calquera das anteriores. Baixo ningún concepto, nin por subvención nin indemnización nin venda de madeira nin nada de nada, debe producir este lamentábel suceso un só euro para ninguén, agás os que traballaron en extinguilo. Os incendios só deben producir pena, desgraza e lamento para todos, en caso contrario estamos a alimentalos indirectamente. Creariamos incendiarios pagados.

Atentamente,

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.