Carta aberta a un alcalde único

Se todo vai como se prevé, este sábado 13 de xuño haste converter no novo alcalde de Compostela. Quero con estas liñas convidarte a considerar varias cuestións, de cara ao teu mandato. Precisamente a primeira delas ten que ver coa etimoloxía desa palabra: agardo que desde o grupo de Compostela Aberta tendades unha man aos outros grupos municipais, non para facer o que vós ou eles queiran, senón para facer o que manden as e os composteláns. Xa sabes que a democracia directa é para min a única digna de ser considerada verdadeira democracia, e tes xente en C.A. que comparten ideas no mesmo sentido, así que se debería notar na vosa práctica de goberno. A xente quere —e é quen de— decidir todo o que lle afecta. E na medida en que llelo permitades facendo que sexa o povo quem mais ordene, estou convencido de que ides asegurar a continuidade do voso proxecto para a cidade.

Pero o principal motivo da miña carta non é a teima pola democracia real xa, senón lembrarche que ti es un alcalde diferente a todos os demais que vai gobernar os diversos municipios do Estado Español. Ti es único porque fuches o primeiro rexedor local en todo o Estado (cando estabas á fronte da corporación municipal en Teo, ano 2009) en recoñecer que existe un problema chamado Peak Oil ou Teito da extracción mundial de petróleo e que iso nos expón, a todas as persoas que habitamos nas sociedades industrializadas, a unhas consecuencias devastadoras. Agora tócache, polo tanto, unha enorme responsabilidade: ser o primeiro alcalde dunha capital na Europa en converter a súa cidade nun modelo de adaptación a ese inminente novo estadio post-enerxía-fósil da humanidade.

Sabemos que en Teo finalmente pouco ou nada se fixo máis alá daquela declaración, ou polo menos nada que chegara ao noso coñecemento, aínda que —se cadra— no nacemento de iniciativas coma o banco de alimentos ou o mercado labrego si tivera algo que ver esa conciencia do Peak Oil e co plan de medidas que en xuño de 2013 vos fixéramos chegar nunha das nosas xuntanzas. En calquera caso asumimos a nosa parte de culpa os que promovemos aquela declaración, pois ti amosácheste sempre disposto a acompañar pero requirías unha iniciativa local que partise das propias organizacións sociais, e da que desde Véspera de Nada fomos incapaces. Este é un erro que agora estamos tentando corrixir en diversos lugares do país, como por exemplo no tamén veciño concello de Ames, mediante grupos que actúen a nivel local como interlocutores do goberno municipal e das diversas forzas políticas e movementos sociais, que traballen tanto na concienciación como na transformación práctica destas localidades cara a un modo de vida menos dependente do petróleo e máis resiliente fronte a este colapso histórico en cuxas primeiras etapas nos atopamos.

Esperamos que ti tamén tomaras nota do que se puido facer e non se fixo en Teo, para evitar que pase o mesmo en Compostela, e que aquí e agora si que haxa avances concretos e palpables no camiño a unha maior resiliencia social e económica fronte a este colapso enerxético en cerne. Non nos podemos permitir máis demoras nin máis indecisións, Martiño.

Así, por exemplo, gustaríame verte axiña practicar co exemplo cobrando parte do teu salario como alcalde nunha moeda local (aínda que no voso programa non vos atrevérades a dicir que as iades crear ou promover desde o concello e vos limitárades a propor a divulgación das xa existentes, que non é que sexa pouco pero resulta escaso visto o visto noutros lugares) como fai o alcalde de Bristol. E, por suposto, que a xente puidese pagar parte dos impostos e taxas municipais con esa moeda. Iso, como exemplo de actuacións decididas no terreo da resiliencia económica. Noutras áreas habíame gustar verte/vervos enchendo Compostela de hortas urbanas, espazos verdes produtivos, bosques comestibles en toda a contorna, pero que vaian moito máis aló do testemuñal,  e se cheguen a converter en fonte de sustento para unha parte considerable da súa veciñanza.

Ou peatonalizando o Ensanche, substituíndo —tanto nas áreas urbanas coma nas rurais— mobilidade privada dependente do petróleo (isto é: coches) por mobilidade pública colectiva movida con enerxías alternativas e locais; e por suposto a bicicleta, unindo por carril bici co Milladoiro e outros núcleos urbanos da bisbarra, etc. Ah, e non quero deixar pasar a ocasión, no tema comarcal, de che mencionar que se avanzades en ideas como a da fusión de concellos, sexa cun criterio de aforro enerxético e racionalidade, e apostando decididamente por devolver soberanía a cada barrio, a cada núcleo urbano, a cada parroquia rural: é dicir, máis ca fusionar as entidades grandes, confederar as unidades máis pequenas. Iso sería o coherente co futuro de relocalización pospetróleo que nos agarda.

Tamén me gustaría ver, omnipresentes polas rúas da cidade, campañas que promovan o necesario cambio cultural, non só na mobilidade, senón no consumo, no traballo, no lecer, en todo o noso modo de vida, pois se precisamos nada menos que mudar de civilización, a cultura e os valores sociais van ser un eixo transcedental, como xa debes ter en mente tras ler a nosa Guía para o descenso enerxético. Ou que repensases cousas que di a prensa que dixeches durante a pasada campaña acerca da terminal de mercadorías do aeroporto, porque, como ben sabes, a aviación comercial vai ser das primeiras vítimas do devalar da enerxía fósil. Ogallá che preocupe máis a extensión de mercados locais (de produtoras/es locais) por todos os barrios e parroquias e menos as grandes infraestruturas deste mundo industrializado que está a agoniar. Ou estudar de que produtos críticos vai ir carecendo a xente de Compostela a medida que o transporte internacional se encareza, primeiramente, para despois se ir reducindo a niveis pre-mundialización. Ou pensar a mellor maneira de divulgar a gravidade da situación que temos xa enriba a cada un dos diversos sectores sociais, desde os colexios á universidade, pasando por asociacións veciñais ou culturais, comercios, empresas e todas e cada unha das persoas que viven e traballan na capital do noso país.

Ademais, se o facedes con forza e abertamente (sen disimulos medoñentos como o de vestir medidas pospetróleo co disfrace ambiental), imaxina por un intre o eco que podería chegar a ter a nivel internacional que a cidade de destino do Camiño de Prisciliano (perdón, do galileo Yaqob bar Zibhdi, alias Sant'Iago) se converter nun referente desa mudanza civilizatoria que se precisa en todo o mundo, e que se incorporen á peregrinación espiritual-relixiosa novos conceptos que requiren un espallamento urxente a nivel internacional, como o Peak Oil, a relocalización, o decrecemento, a resiliencia, a economía poscrecemento, a mudanza civilizatoria...

Lamentaría moitísimo que perdeses de vista, pola voráxine da política do día a día, que che vai tocar ser alcalde desta emblemática cidade durante os que probablemente han ser os catro anos máis decisivos na Historia da Humanidade (e non o digo eu, senón o Manifesto Derradeira Chamada, que ti tamén asinaches o ano pasado, e que espero non esqueceras). E permíteme que, lembrando precisamente ese manifesto e á vista da túa recente asistencia a unha conferencia de Vincenç Navarro, te convide a que repases o enfrontamento deste economista socialdemócrata-neokeynesián precisamente cos postulados do propio manifesto que asinaches, e a que lle prestes polo menos a mesma atención ao que vai contar unha persoa cunha perspectiva radicalmente oposta á de Navarro, o vindeiro luns 15 de xuño na facultade de Filosofía da túa nova cidade. Esta persoa é Luis González Reyes e presentará unha obra que considero imprescindible para entender o pasado, o presente e o futuro da nosa especie desde unha ollada integral antropolóxica-económica-política-enerxética: En la espiral de la energía. Ademais é un home con ideas moi concretas sobre como abordar o necesario decrecemento desde a praxe política municipal coa óptica do ecoloxismo social. Anótao na túa axenda, fai o favor: é ás 20 h do vindeiro luns. Gostaría de te ver alí, por coherencia coa túa sinatura do manifesto, e para que non vaia pensar ninguén que prestas máis ouvidos a ese vello neokeynesianismo ancorado en imposibles crecementos impulsados polos poderes públicos, e —xa que logo— non só inútil senón mesmo perigoso.

Hai moito por sachar desde o concello, Martiño. Nós fixemos o posible por apuntarvos unha extensa batería de ideas, pero ti tes xente no teu propio equipo ben capaz de poñelas en marcha e de engadir outras igualmente útiles e interesantes para a urxente transformación que precisamos. Aínda que resulta innegable que as candidaturas alternativas que tiñades máis opcións de gañar fostes as máis tímidas recollendo expresamente nos vosos programas de goberno medidas que lles chamasen ás cousas polo seu nome e que sacasen ao primeiro plano un colapso difícil de vender electoralmente: non hai máis ca comparar o voso programa e mais o da Marea Atlántica —xente tamén que coñece de sobra o problema do Peak Oil— co da Marea de Vigo, por exemplo, que recolleu o 100% das medidas propostas por Véspera de Nada. Ben sabemos que é máis doado ser radical e arriscado cando tes poucas posibilidades de gañar, e por iso non me parece tan grave a ausencia ou presencia discreta do problema nos vosos programas. O grave sería que, unha vez coas rendas do goberno municipal nas vosas mans, non désedes a radical viraxe de dirección que cómpre dar, estivera ou non explicitada nun programa electoral.

E remato xa a miña carta, Martiño, cun medo ...e unha esperanza. Resultoume un tanto estarrecedor ver que presentaches a túa candidatura onde a casa de Ánxel Casal, porque non podo deixar de relacionar o que lle pasou a el coa ameaza de que este proceso de colapso civilizatorio nos leve de novo a algunha caste de fascismo asasino. Cando xa non queda para todos, sabes ti ben que os hai que non dubidarán en eliminar aos que lles supoñan un atranco na súa rapina dos restos deste mundo de exuberancia material que se esborralla irremediablemente. Así que non podes permitirte pecar de tímido á hora de vacinar á xente sobre o que nos vén, porque sería cederlles a iniciativa a este tipo de ideoloxías, que se acubillan nas sombras asomando cada vez con máis descaro as súas maquilladas facianas. Diciades no voso programa que queriades tomar consciencia “sen alarmismo” do “esgotamento progresivo do modelo de crecemento económico capitalista actual, baseado no consumo de enerxías fósiles”, para avanzardes na transformación de Compostela nunha cidade pospetróleo. Eu pídoche que non poñas a venda antes ca ferida, que a xente non é tan parva como ás veces tendemos a pensar, e que se explicades ben a gravidade do que nos vai tocar vivir, non vos van acusar de “alarmistas”: hano comprender, hánvolo agradecer e ides xerar así unha inmunidade contra os cantos de serea asasinos da insolidariedade totalitaria. No voso programa propoñiades que Compostela liderase “unha transición cara a sociedade pospetróleo”. Vaiche tocar a ti, Martiño, ser ese líder, o que ten a responsabilidade do pioneiro de marcar o camiño. E se o fas con coherencia e valor, vas contar nese camiño co apoio de máis xente da que cres.

Moitos azos, Martiño!

Atentamente, Casdeiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.