Desde o ano 2012 a manifestación do 11 de Setembro, día nacional de Cataluña, é a de maior participación ininterrompida de toda Europa. En números absolutos. E proporcionalmente a equiparación con zonas xeográficas próximas é moi chocante. Para facernos unha idea, é coma se no reino de España realizásese unha manifestación cunha participación de entre 3,7 e 7,4 millóns segundo tomemos as cantidades de medio millón ou o millón enteiro no caso catalán. A do ano 2019 congregou a máis de medio millón, segundo a garda urbana, e noutros anos a cifra pasou folgadamente do millón. Aínda se descontásemos algúns centos de miles, incluso algún millón, por razóns de distancia xeográfica do lugar onde se realizase esta hipotética manifestación no reino de España (en Cataluña realízanse as concentracións en Barcelona a bastante máis de 100 quilómetros de moitas localidades) acadas os 4, 5, 6 ó 7 millóns é algo que está lonxe da realidade. Para gardar as proporcións.
Este 11-S era o segundo da resistencia antirepresiva. Boa parte da poboación partidaria do dereito á autodeterminación, ao redor do 80% segundo repetidas enquisas, e máis aínda o 50% da poboación, punto arriba ou abaixo, que está a favor da independencia, ten asumido que a situación política catalá é moi diferente á vivida entre 2012 e 2017. Se os 11-S daqueles anos foron de alegría e euforia —en moitos casos completamente infundada, e en non poucos alentados por uns políticos que fomentaban o “independentismo máxico”, coma se diante non houbese, como lembrou varias veces Josep Fontana nos últimos anos da súa vida, un estado con exército, sistema xudicial e ganas de reprimir—, os de 2018 e 2019 foron de aceptación de que a resistencia debe ser longa e a loita antirepresiva esixe fondo. É perfectamente lexítimo, como fixo especialmente a prensa española monárquica, manter que este 11-S tivo unha asistencia dun 40% menos que o ano anterior —o que, sexa dito de paso, supón aceptar que o ano pasado foi dun millón, cantidade moi remisa a ser recoñecida pola mesma prensa no seu momento—, como o é constatar que 600.000 persoas nunha situación nada eufórica como era a de anos anteriores, non é unha cantidade que se poida desprezar.
Pero tamén é constatable que este 11-S reflicte que foise aposentando unha certa convicción: as grandes manifestacións seguen sendo necesarias, pero os gobernos españois (onte do PP, hoxe do PSOE[1], os dous tradicionais partidos dinásticos) as seguirá menosprezando. E, segue esta convicción, deben facerse outras moitas cousas ademais da habitual manifestación de masas do 11-S.
E outra convicción máis ou menos estendida: as eleccións tampouco bastarán. Imaxinemos algo que é imposible de darse na realidade: que todos os deputados e deputadas cataláns fosen partidarios do dereito á autodeterminación porque case o 100% da poboación fose. Nunhas eleccións para as Cortes españolas, representaría 48 deputados (de 350) e 24 senadores e senadoras (de 265). Moi poucas forzas. Pero a situación ben distinta é que a monarquía puidese aguantar a resistencia continua non xa do 100% senón do 80% da poboación de Cataluña a favor do dereito de autodeterminación (o de “todos os cataláns” é pura demagoxia e non das máis sofisticadas como o propio Sánchez sabe dabondo). E aquí radica unha das diferenzas importantes. A parte da poboación que apoia o independentismo nalgunha das súas múltiples expresións política é unha parte importante pero parcial da poboación soberanista, e é a que se mobilizou estes anos. A poboación soberanista pero non independentista permaneceu en gran parte pasiva. É a diferenza entre o 50% e o 80%. Que o lema elixido pola ANC (Assemblea Nacional Catalá) para a manifestación deste 11- S fose “Obxectivo independencia” seguramente non foi o máis idóneo para motivar aos sectores soberanistas non independentistas.
Ante unha situación así, que dúbida cabe que deben buscarse alianzas con forzas políticas españolas que defenden, aínda que sexa coa boca pequena, o dereito de autodeterminación. Descartada calquera veleidade armada, como parece moi razoable facelo por moitos motivos políticos e morais, non queda outra que a resistencia prolongada e gañar aliados fóra de Cataluña.
E aquí o debate sobre unilateralismo e acordo pactado é inevitable, pero tampouco tan insalvable como ata o de agora parecen defender os partidarios de cada unha destas posicións. Goberno, exército, poder xudicial e demais institucións da monarquía historicamente negadoras da soberanía de Cataluña dificilmente admitirán a negociación do que importa, o referendo de autodeterminación, se en Cataluña non hai unha resistencia masiva e constante, e evidentemente esta situación pode tomar moi diversas formas, que poña en auténticos problemas a estas institucións. Problemas internos e externos, dentro das fronteiras do reino e fóra delas. A legalidade vixente que se tenta cambiar parcialmente debe ser tamén importunada e contestada. Ou é concebible unha loita contra determinada legalidade que non supoña una certa desobediencia á devandita legalidade? A magnitude desta desobediencia depende, unha vez máis, da magnitude das forzas que a apoian. O sufraxio universal, unha das moitas conquistas do movemento obreiro, non se conseguiu respectando a legalidade do sufraxio censitario; o dereito de folga conseguiuse contra a legalidade vixente da prohibición do dereito de folga; o dereito ao aborto conseguiuse contra a legalidade vixente da prohibición do aborto, etc. A mobilización e a negociación ou o acordo, aínda que sexa parcial, foron historicamente xuntos nestes exemplos e outros que poderían engadirse.
Soamente cando unha das partes é moi desproporcionadamente forte pode impoñer as súas condicións á outra parte se está neutralizada. E o estado monárquico español é indubidablemente máis forte en forzas represivas que a mobilización catalá pola autodeterminación, pero a resistencia popular ten cambiado en multitude de ocasións esta desproporción de forzas. A represión pura e dura non se pode aguantar indefinidamente. O goberno e as distintas institucións españolas están a facer o cálculo de que o proceso de resistencia pola autodeterminación se debilite notablemente. É unha aposta que vén de longo —lembran o soufflé que sempre había de desinflarse en pouco tempo?—. É unha hipótese que como todas as que merezan o nome de tal pode verificarse no futuro. Pode dar no branco. Pero tamén pode resultar errada. Iso tamén o saben os que realizan a “hipótese do enfraquecemento”.
Poucas horas antes deste 11-S, Óscar Camps, director de Open Arms, e Carola Rackete, a capitá de barco que desafiou ao xenófobo italiano Salvini, foron premiados coa Medalla de Honra do Parlamento de Cataluña. Feito que pasou moi desapercibido no reino de España máis aló de Cataluña. Cando o adestrador de futbol Pep Guardiola dirixiuse a eles no mesmo acto pediulles: “En alta mar, rescatar non é un permiso, senón un deber e unha obriga”. Carola Rackete, que sabe o que é desafiar determinadas leis, declarou: “Sabemos que as leis son un acordo social e poden cambiar cando cambia a sociedade, como ocorreu co escravismo e o sufraxio universal; as leis non determinan o que é moralmente correcto.” Outra mostra sobre o desafío ás leis e a xustiza de facelo en determinados casos.
«Durante sete anos consecutivos, oito contando coa Diada de 2019, que, previsiblemente será similar, máis dun millón de cidadáns, con formatos diversos, saíron á rúa para expresar que non consideraban aceptable a fórmula "inventada" en 1978 para a integración das "nacionalidades" no Estado, consistente no pacto entre o Parlamento da "nacionalidade" e as Cortes Xerais e a celebración dun referendo sobre o contido do devandito pacto. O Estatut vixente non é o que se pactou entre o Parlament e as Cortes Xerais e foi referendado polos cidadáns de Catalunya, senón que é o Estatuto que o PP impuxo a través do Tribunal Constitucional.»
Non son palabras ditas ou escritas por unha persoa partidaria da independencia de Cataluña. Nin moito menos. Foron escritas polo catedrático sevillano de Dereito Constitucional Pérez Royo dous días antes deste 11-S. A sentenza contra os presos e presas políticos cataláns espérase que se faga pública —porque decidida son moitos os que en Cataluña pensan que xa o era antes do xuízo— en breve. Tamén se espera que sexa moi dura. Calquera cousa que non sexa a absolución, considerarase inxusta por unha gran parte da poboación catalá, non soamente a independentista. Recentemente, nunha entrevista Xavier Domènech, antigo dirixente de En Catalunya Podem declaraba: “A sentenza é das máis bestas que viviría este país”. E a continuación, referíndose ás máis que probables eleccións españolas e catalás nos próximos meses:
«Estas eleccións deberían ser o gran plebiscito sobre a amnistía, que é un concepto cun significado historicamente importante: durante o antifranquismo, non se reclamaba o indulto, senón a amnistía, que é o recoñecemento de que non había delito. Isto converteuse no gran eixo de mobilización de masas, porque era unha reivindicación defensiva pero, ao mesmo tempo, a súa aprobación cambiaba o marco político-. Agora é o que une máis o conxunto da sociedade catalá, e, se hai unha gran vitoria en Cataluña, sitúa claramente a gobernabilidade de España en mans diso. Creo que os primeiros que tomen esta bandeira serán os que acertarán as eleccións.»
A situación económica non apunta precisamente a un horizonte luminoso, como o mesmo presidente do Banco Central Europeo declarou o día despois do 11-S. Ata un político como Felipe González declarou que a xente non soportaría outra crise económica. Os custodios do réxime están preocupados. Cunha sentenza que causará indignación non soamente en Cataluña, cunha situación económica que será choiva sobre terreo moi mollado[2], cunhas eleccións en perspectiva que poden ser explosivas…hai motivos para que os gardiáns do réxime do 78 estean preocupados. Un réxime cuxos dous dos seus grandes alicerces son a monarquía borbónica e a unidade indisoluble da nación española. É dicir, un réxime que se construíu contra calquera veleidade republicana e contra tamén o dereito á autodeterminación. Defendeuse moitas veces en SinPermiso: a represión legal e política da loita pola autodeterminación catalá terá, xa está a ter en realidade, consecuencias para as liberdades democráticas non tan só en Cataluña senón en todo o reino de España. Esta é a razón principal que a resistencia ante esta represión, unha compoñente da cal será a loita pola amnistía dos presos políticos e os exiliados, non soamente sexa un “asunto catalán”. As próximas semanas serán decisivas.
Notas
[1] A portavoz do Partido Socialista de Cataluña, Eva Granados, declarou recentemente: “Non debe ser a cidadanía quen dirima unha cuestión tan importante como a autodeterminación”. Este é o nivel. Nivel que está en consonancia con declaracións tipo Albert Rivera de que o 11-S é unha manifestación de odio e coas de Pedro Sánchez sobre que hai que resolver o “clima de convivencia en Cataluña” e que o 11-S ten que ser de “todos os cataláns” (imaxínanse? Republicanos e borbónicos unidos nun acto: pura maxia). Innecesario é apuntar declaracións adicionais de dirixentes do PP ou doutros do PSOE ou de Ciudadanos porque as anteriores son unha mostra suficiente, e non precisamente da peor e máis desfavorable aos declarantes, sobre o nivel intelectual e político de determinadas forzas políticas cando tratan da realidade catalá.
[2] Para a poboación non rica. Nos últimos anos houbo un incremento de ricos no reino de España. Efectivamente, “O patrimonio dos ricos dispárase en máis de 130.000 millóns de euros e increméntase un 24,5% no primeiros catro anos de 'brotes verdes' mentres as mellora das rendas dos fogares non alcanza o 9% e a taxa de pobreza permanece practicamente conxelada para seguir afectando a máis da quinta parte das familias.” https:/www.publico.es/economia/impuesto-patrimonio-aumenta%20desigualdad-fortunas-crecen-triple-renta-familias.html