Catro razóns para manifestarse contra a mina de Corcoesto

Este domingo a cidade de Carballo acollerá presumiblemente a maior mobilización pública celebrada ata o de agora contra o proxecto mineiro da empresa canadense Edgewater. A Plataforma Salvemos Cabana contra a minaría tóxica na Costa da Morte e Galicia apoia de xeito solidario e apolítico as reivindicacións dos outros catro grupos que loitan activamente na nosa bisbarra e arredores para frear esta iniciativa irracional e inxusta coas futuras xeracións: a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, tamén de Cabana, a Plataforma Contraminate de Laxe, a AAVV de Cereo en Coristanco e o grupo de acción de Santa Comba.

As razóns para manifestar a nosa oposición á reapertura da mina en Cabana de Bergantiños son amplas, pero poden resumirse nas seguintes:

(1) Tal como está definido, o proxecto mineiro de Corcoesto é unha auténtica bomba de reloxaría ambiental. Tan só a posibilidade de rotura das balsas mineiras e dun accidente a grande escala no Esteiro do río Anllóns, que podería provocar un desastre que superando ao de Aznalcóllar (Andalucía) en 1998, xa o desautoriza. Non hai beneficio económico que poida compensar a devastación ecolóxica dun dos entornos máis fermosos e espectaculares do norte da Península Ibérica.

(2) O uso do cianuro de socio en inmensas cantidades para separar o ouro da rocha, a razón de 546.000 kg por ano, multiplica en Corcoesto a problemática asociada a todos os procesos da minaría a ceo aberto, que está considerada como a actividade industrial máis contaminante. Este elemento foi definido na resolución do Parlamento Europeo do ano 2010 sobre o seu uso en tecnoloxías mineiras como "un dos principais contaminantes e que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente". O cianuro que pretende empregarse para o proxecto mineiro de Corcoesto ten que ser transportado por estrada en zonas de alto nivel de densidade poboacional e o risco dun accidente con vítimas mortais sempre estará presente. A empresa, ademáis, négase por sistema a constituír un seguro de responsabilidade civil que cubra o peor accidente que poida acontecer, cuantificado xa por diversas organizacións entre os 300 e 350 millóns de euros.

(3) Se hai unha razón primordial que fai inviable a iniciativa de Edgewater, son os impactos sobre a saúde humana, tanto a dos propios traballadores da empresa como das poboacións afectadas polo proxecto mineiro nun radio de impacto de vinte a trinta quilómetros. A dispersión do po derivado das cinco megadetonacións semanais, que inclúe elementos químicos moi prexudiciais e levanta do leito rochoso perigosos metais pesados, xerará un problema permanente de contaminación en solos e augas, e a presenza ambiental de partículas non visibles pero si respirables que poden derivar no aumento das afeccións respiratorias agudas e crónicas na poboación. Asimesmo, os elevados niveis de arsénico procedentes da antiga explotación británica de galería de 1910, que está vertendo 850 kg./ano ao Esteiro do Anllóns, poderían verse multiplicados coa remoción e pulverizado do leito rochoso, rico en arsenoripita. O arsénico, como todo o mundo sabe, é un veneno mortal fonte de cancro e outras moitas enfermidades.

(4) A nivel económico, a mina de Corcoesto non é pan para hoxe, pero si fame para mañá, pois o teórico impacto positivo dos 271 empregos prometidos pola empresa se dilúe ao coñecer o número de postos de traballo que se está a poñer en perigo no sector primario. Segundo cifras oficiais, tan só no sector agrario, 2.714 persoas. Agricultura, gandaría, pesca, marisqueo e máis alá turismo e sector servizos. É a sostibilidade presente e futura de toda unha bisbarra a que está en xogo a cambio de maximizar as contas de resultados duns poucos investidores internacionais na bolsa de Toronto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.