Causas da desigualdade laboral por razón de xénero

Hai unhas xornadas (o 22 de febreiro) celebrouse o día pola igualdade salarial. Con motivo de tal efemérides tanto o movemento sindical galego como distintas organizacións sociais e políticas editaron diferentes comunicados que poñen en evidencia como en Galicia non so estamos moi lonxe de tal obxectivo senón que cada día que pasa afastámonos mais do mesmo. Un afastamento que ten entre as maiores damnificadas ás mulleres. 

O día polo igualdade salarial foi creado pola Comisión Europea co gallo de lembrarnos a todos que a pesares de seren, dende o ano 1919, un dereito recoñecido pola OIT (Organización Internacional do Traballo) ao día de hoxe non so non se cumpre senón que, cada día que pasa, estamos mais lonxe de cumprilo.

En Galicia, segundo fontes sindicais, esa fenda chega ao 23%. Unha fenda que parece agrandarse co transcurso dos anos: 22% no 2018. Un agravio que, no caso das mulleres galegas, non so existe cos homes galegos senón que están entre as mulleres dos pobos de España con menor salario e maior lenda salarial de xénero (22% de media). Unha diferencia salarial que ten entre as súas causas unha crecente discriminación retributiva e unha meirande precariedade laboral. Compre, xa que logo, remarcar que esta desigualdade salarial non deriva exclusivamente dunha maior precariedade laboral, que si existe, senón dunha crecente discriminación retributiva xa que ao igual traballo non se corresponde igual salario. 

Discriminación retributiva que se evidencia cando observamos que esta desigualdade existe en tódolos tramos de idade i en tódolos sectores produtivos e sexa cal sexa o nivel de cualificación. As mulleres cobran peores salarios só pola razón de seren mulleres. Unha realidade que en España, ademais, se agrava segundo que comunidade autónoma: Galicia, xunto con Canarias, Extremadura e Murcia ten o dubidoso honor de ser punteira en discriminación salarial i en non cumprir un dereito, a igualdade salarial, recoñecido pola OIT. Estamos, xa que logo, diante dunha desigualdade que non ten base científica senón causas políticas.

Unha discriminación salarial por razón de xénero que se acompaña dunha non menor discriminación no emprego. As mulleres galegas (49,1% taxa de ocupación) teñen moitos mais dificultades que os homes (57,6%) para atopar traballo, incluso que a media das mulleres en España (53,5%): non teñen, xa que logo, as mesmas oportunidades de incorporarse ao mundo laboral. Ao tempo tamén lles resulta mais difícil conservalo emprego (13,3% de desemprego fronte ao 10,3%).

Entre as causas políticas desta desigualdade por razón de xénero, que realmente é unha desigualdade de clase, unha auténtica explotación, está a debilidade tanto do movemento sindical (favorecida polas últimas reformas laborais neoliberais) como dos movementos feministas. Non menor importancia ten a non suficiente atención que os partidos políticos de esquerdas lle prestan a esta desigualdade de clase, uns por mor de terse aliñado coas políticas neoliberais e outros pola súa debilidade política e orgánica. Si ben resulta indiscutible que en Galicia, como na maioría dos pobos de España, tanto o movemento sindical como os movementos feministas teñen protagonizado grandes mobilizacións en contra da desigualdade de xénero (lémbrense as últimas manifestacións do 8M) estas mobilizacións non atoparon, ao día de hoxe, unha resposta positiva por parte dos últimos gobernos nin tampouco, todo hai que dicilo, pola clase empresarial.

O argumento que ámbalas dúas elites utilizan para xustificar esta desigualdade laboral apóiase maiormente en razóns biolóxicas: embarazo e maternidade. Un argumento extremadamente conservador, moi influído pola igrexa católica, que asigna as labores de maternidade exclusivamente as mulleres pero que non resiste o contraste coas evidencias. Si resulta que Galicia é unha das comunidades españolas con maior discriminación laboral (salarios i emprego) por razón de xénero debería seren, segundo eses argumentos, por que é tamén unha das comunidades españolas con maior taxa de fertilidade e maior número de fillos por parella. Cousa que, como ben sabemos, non sucede en absoluto pois Galicia ten unha das taxas de fertilidade (0,9) mais baixas de España (1,3 de media), situándose a nivel europeo entre as comunidades con un menor número de nacementos por muller. Evidencias empíricas e científicas que tiran por terra o argumento biolóxico con que se intenta xustificar a discriminación laboral por razón de xénero.

Si nun artigo anterior neste mesmo medio subliñaba que o emprego era o maior problema macroeconómico de Galicia agora sinalo que a desigualdade laboral por razón de xénero é un dos maiores problemas sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.