Fai un tempo que escoitei o testemuño dun orfo pai e nai durante a Guerra Civil española. Fora un neno nado no medio da contenda e que desde a morte dos seus proxenitores foi acollido pola súa avoa, quen nunca lle quixo contar a verdade do que lles ocorreu, por medo e preocupación, para salvagardar a vida do seu neto e a súa propia. A avoa, a súa única familia, non podía arriscarse a que a contase e que, debido a iso, puidesen ser perseguidos polas novas forzas vivas do franquismo. Por ese motivo, o pequeno converteuse nun mozo que ignoraba o seu pasado.
Aquel neno, descoécedor, como moitos daquela xeración, do sucedido e nado nese período de violencia, pasou de xogar a ser soldado con armas de xoguete a afiliarse a Falange e portar pistolas de verdade. Desfilaba polo pobo xunto con outros afiliados da Frente de Juventudes, ataviados coa súa camisa azul, provocando o terror dos seus veciños. Imaxínome que sería unha forma de diversión e unha forma de realzar a súa masculinidade, nun período fundamental no seu crecemento vital e nunha sociedade patriarcal –e que promocionaba o machismo–. Querería, como os seus compañeiros, demostrar a súa virilidade, unha palabra moi en boga durante a posguerra.
Con todo, un día, lembraba na entrevista coa voz entrecortada, un tendeiro que fora amigo do seu pai agarrouno do ombreiro cando o viu pasear uniformado de falanxista diante do seu establecemento. Pechou a porta, para que ninguén os escoitase, e contoulle algo que lle xeou o sangue, unhas palabras que nunca esquecería e que repetiu de memoria, coma se estivese a suceder mentres o entrevistaba: “Sabes quen foi o teu pai?”. Aquel raparigo que presumía de valentía, subitamente medorento ao comprobar o profundo enfado do dono da tenda, limitouse a escoitar. O home contoulle que o seu pai fora un alto dirixente político da localidade que loitara polos dereitos dos traballadores. Con rabia e bágoas nos ollos ao lembrar ao seu compañeiro morto, seguiu falando e explicoulle como faleceron os seus pais: asasinados polos mesmos que lucían unha camisa como a que el vestía. O mozo foi sen dicir nada, impactado pola noticia, e a continuación esixiulle á súa avoa que lle contase a verdade. Ela derrubouse e relatoulle o asasinato dos seus pais. Acto seguido, tirou o seu uniforme de Falange, afastouse daquela cuadrilla de “amigos” e cambiou a súa maneira de pensar. Coñecer a historia da súa familia converteuno nun antifranquista convencido e mudou por completo a súa cosmovisión.
"Como conxunto, descoñecemos o noso pasado e, por iso, algúns partidos políticos como VOX e o Partido Popular utilizan de maneira indebida esa linguaxe guerracivilista"
Esta historia pode trasladarse ao que lle sucede actualmente á democracia española e, por extensión, a gran parte da sociedade. Como conxunto, descoñecemos o noso pasado e, por iso, algúns partidos políticos como VOX e o Partido Popular utilizan de maneira indebida esa linguaxe guerracivilista. Que unha organización política escolla un slogan tan simple como “Liberdade ou Comunismo”, máis propio da década dos anos trinta, debería avergoñarnos a todos os cidadáns do Estado. Retirar as honras e estatuas a Largo Caballero e a Indalecio Prieto baixo argumentos partidistas e afastados da historia (recoméndolles a biografía de Largo Caballero de Julio Aróstegui) debería ruborizarnos. Non aprobar medidas de axuda ao pequeno comercio, á hostalería e aos autónomos, pero manter os bares abertos no medio da maior crise sanitaria, social e política que viviu a sociedade contemporánea é simplemente un insulto. Usar as vítimas de ETA ou áas vítimas de COVID é simplemente repugnante. Empregar a xenofobia e a mentira como arma política, é vomitivo. Non sei se VOX e o Partido Popular coñecen ou non a nosa historia, pero o que está claro é que están a manipular a sociedade para que, como o protagonista do relato narrado, usemos o mesmo uniforme que os nosos verdugos sen nós, como sociedade, sabelo.
A propaganda que se empregou na campaña electoral de Madrid, e que tamén se puxo en marcha en Cataluña, Galicia e nas eleccións xerais, é idéntica á do Bloque Nacional na campaña electoral dos comicios de febreiro de 1936 e coa que continuaron na guerra civil. O que pretende a dereita é restar lexitimidade ao rival (que nunca debe ser inimigo) político, tachándoo de comunista, afirmando que están en contra da liberdade, da democracia e da Constitución ou que apoian a violencia. Volve, dalgún modo, o discurso básico dos “bos” contra os “malos”, da “liberdade” contra a “opresión”, da “España contra a antiEspaña”. Con estas técnicas, propias da década dos anos trinta e corenta do século XX, buscan sancionar calquera tipo de proposta que proceda do resto de partidos. O PSOE, Más Madrid, Podemos, PACMA ou, mesmo, Cidadanos están fóra do marco que cualificarían como “bo”, “desexable” ou “lexítimo” que eles estableceron e aseguran representar. Todo o que está fóra deste constructo imaxinario está desprezado de orixe e é daniño para a sociedade, segundo a seu argumentario. É nefasto, un erro e moi perigoso recaer neste tipo de confrontación, non só porque estamos no medio da maior crise que viviu a nosa xeración, senón porque nunca se debe facer política dese modo.
"Os partidos de dereita parece que non coñecen a historia de España. Alguén debe quitarlles esa venda imaxinaria para que se dean conta de que poden defender ideas conservadoras ou liberais, pero desde o respecto demócratico"
Por que sucede isto? Porque os partidos de dereita parece que non coñecen a historia de España. Alguén debe quitarlles esa venda imaxinaria para que se dean conta de que poden defender ideas conservadoras ou liberais, pero desde o respecto demócratico. Estar ao tanto do pasado serviralles para facer unha política electoral diferente, con ánimo de propoñer accións en favor da cidadanía, e non a que algúns cualifican de trumpista. Ao contrario que moitos analistas políticos, como historiador non lle dou tanta importancia ao tipo de política despregada polo republicano Donald Trump e o seu paso polo Goberno estadounidense. Non inventou nada. A súa política propagandística foi a mesma do fascismo nos anos vinte, trinta e corenta do século XX e que, naquel tempo, tan bo resultado lanzou. Todo o que non estaba dentro dos seus marcos de pensamento non só estaba equivocado, senón que atacaba directamente os intereses da nación ou dos cidadáns.
A dereita española, se quere ser moderna, debe abandonar esa forma de facer política para que exista un diálogo no que non se expoña a política como unha dicotomía entre bos e malos"
A dereita española, se quere ser moderna, debe abandonar esa forma de facer política para que exista un diálogo no que non se expoña a política como unha dicotomía entre bos e malos, e aceptar que todas as propostas poden ser válidas, respectadas e debatidas. As da señora Ayuso son tan lícitas como as do señor Iglesias ou as da señora García: é a cidadanía a que elixe libremente que modelo quere para a súa comunidade autónoma. Con todo, na política de comunicación do PP, o Goberno do Estado, o señor Gabilondo, a señora García e o señor Iglesias foron en si mesmos considerados como un ataque en potencia e un posible desastre para Madrid e para iso que tanto e tan mal invocan, que é España.
A dereita española creceu en democracia, como o mozo da historia, sen (querer) saber o seu pasado. Deben saber toda a historia para perfilar unha política útil para o cidadán, para informar sobre os diferentes puntos de vista e para que todos se respecten entre si. É o que necesita o país para fortalecerse. Moitas veces non fan falta grandes reformas institucionais, senón cambios na maneira de facer política. Así poderase crear unha cultura democrática de respecto. En pleno século XXI non debería facer falta dicir que hai que ser antifascista. Ser demócrata é suficiente, na súa definición están tamén incluídos todos os “anti” demócratas (incluído, por suposto o “antifascismo”), pero, sobre todo, as palabras respecto e liberdade co seu verdadeiro significado, non un manipulado.