O medre dos estados de opinión que miran o fenómeno migratorio con desconfianza ou como un perigo de cara ao mantemento do status da poboación "autóctona", tamén chegou aos limites xeográficos galegos
O curso político galego comezou con algo imprevisto e, ao mesmo tempo, significativo: o PP -utilizando dun xeito unilateral a "Federación Española de Municipios e Provincias"- convocou concentracións en diversas cidades e vilas do territorio galego para protestar pola actuación do goberno do Estado ante a crise rexistrada en Ceuta. Estas mobilizacións foron apoiadas expresamente por Vox aínda que, como é sabido, carece de presenza nos concellos e no Parlamento do noso País.
Ademais de constatar que ambos partidos non tiveron o mesmo comportamento cando ocorreu a grave traxedia da DINA na Comunidade Valenciana (porque unha cousa é realizar minutos de silencio diante das sedes institucionais e outra moi diferente promover convocatorias como as celebradas o pasado 2 de Setembro), a decisión tomada polo PPdG -coa participación directa de Alfonso Rueda no acto da praza coruñesa de María Pita- suscita unha pregunta pertinente: estamos só ante o cumprimento disciplinado dunha orde emanada dende a sede da rúa Génova ou hai algunha motivación adicional, especificamente conectada coa situación pola que atravesa o escenario político galego?
A prioridade do actual executivo galego é utilizar a crise desatada na cidade ceutí -sen ofrecer compromisos concretos para facilitar o traslado dos migrantes vulnerábeis- para tratar de cortocircuitar un eventual medre de Vox nas vindeiras citas electorais
O medre dos estados de opinión que miran o fenómeno migratorio con desconfianza ou como un perigo de cara ao mantemento do status da poboación "autóctona", tamén chegou aos limites xeográficos galegos. A pesar do papel residual de Vox na vida institucional e da teórica capacidade de comprensión presente nunha boa parte do corpo social do noso País por mor da realidade emigrante vivida por moitos milleiros de persoas nas décadas pasadas, están agromando preocupantes expresións públicas de xenofobia e racismo, tal e como se puideron percibir nalgunhas das recentes concentracións promovidas polo PP. Xa que logo, os dirixentes galegos deste partido están interpelados directamente: se non fan uso da súa indiscutíbel autoridade institucional para enfrontar o medre dese clima antidemocrático estarán contraendo unha grave responsabilidade por semellante pasividade. É moi significativo comprobar como o presidente Rueda preferiu non asistir ao Consello ordinario do goberno que preside para estar presente nun acto programado polo seu partido en Madrid para seguir facendo campaña electoral coa situación de Ceuta.
Nin as consecuencias do novo modelo financiamento autonómico que se está tramitando, nin os crónicos déficits que padece a sanidade pública, nin os graves problemas sinalados polo recente informe PISA precisamente cando comeza o novo curso educativo: a prioridade do actual executivo galego é utilizar a crise desatada na cidade ceutí -sen ofrecer compromisos concretos para facilitar o traslado dos migrantes vulnerábeis- para tratar de cortocircuitar un eventual medre de Vox nas vindeiras citas electorais. Teñen motivos de preocupación os dirixentes do PPdG a respecto do perigo que pode representar para eles o partido de Abascal? Se temos en conta a fortaleza exhibida no pasado e no presente pola organización que administra a Xunta a resposta tería que ser claramente negativa. Pero dada a tendencia dominante que se manifesta no Estado español e noutros países europeos non se pode descartar a hipótese dunha presenza futura de Vox nalgúns concellos e na Cámara do Hórreo. Moito mais se, como se está constatando, os responsábeis do PPdG están contribuíndo á "normalización" da ultradereita fascista sen establecer unha nidia diferenciación crítica naquelas materias mais decisivas na definición da identidade política de cada formación.
Se despois das vindeiras eleccións galegas o partido que encabeza Rueda necesitase o complemento aritmético dos poucos deputados que obtivese Vox, a situación resultaría certamente mais incómoda da que veñen desfrutando nos últimos 40 anos
Se despois das vindeiras eleccións galegas (previstas, como moi tarde, para Febreiro de 2028) o partido que encabeza Rueda necesitase o complemento aritmético dos poucos deputados que obtivese Vox, a situación resultaría certamente mais incómoda da que veñen desfrutando nos últimos 40 anos. Os exemplos que estamos vendo en Andalucía, Comunidade Valenciana, Aragón, Extremadura ou Castela e León sinalan uns precedentes do que podería pasar aquí: presenza da ultradereita no Executivo e reaxustes naquelas políticas mais vinculadas coa identidade nacional galega. O caso de "Democracia Ourensana" sería, certamente, diferente: o eventual prezo do grupo de Jácome resultaría menos problemático para A. Rueda. Estaría acoutado territorialmente e tería unha concreta dimensión crematística.
Sexa cal sexa a data desa futura cita coas urnas, a única garantía para viabilizar unha mudanza política en San Caetano estaría na obtención dun mínimo de 38 escanos por parte das forzas que hoxe conforman a oposición parlamentaria.