Chiringuitos

Unha acción simbólica contra a violencia machista © Marcha Mundial das Mulleres

Penso na analoxía que podemos atopar nos deportes de risco. Penso nesas mortes que se dan por fallos nos sistemas de comprobación dos equipos. Curioso que na violencia de xénero estes erros, que saibamos, quedan en nada para quen toma as decisións.

Esta semana pasada, saiu a noticia de que as unidades de valoración integral de violencia de xénero de Andalucía pasan a estar en mans dun partido político que nega a existencia da violencia de xénero. Segundo leis estatais non poden eliminar estes “chiringuitos ideolóxicos” como eles mesmos demoniman, mais que gran potencia de aniquilación hai en estar en disposición de desmantelar algo dende dentro.

Nos últimos días houbo un (outro) asasinato de violencia de xénero 24 horas despois de que, neste caso unha xuíza, decretase que todas as probas (por exemplo, que previamente nunha malleira lle rompera os dentes) non eran abondas para demostrar que a vítima estaba en risco. En xullo deste mesmo ano, un home que quedou en liberdade despois de quebrantar a orde de afastamento e de amenazar directamente á vítima nas dependencias da policía, asasínaa , tamén en menos de 24 horas, na praza da vila onde vivían.

Hai un sistema político que non está á altura. Hai un sistema xudicial que fará cumprir leis (interpretables) mais non fai xustiza. Penso na analoxía que podemos atopar nos deportes de risco. Penso nesas mortes que se dan por fallos nos sistemas de comprobación dos equipos, por estaren estes en mal estado, por un mal calibrado na valoración de risco das situacións ou por falta de formación das persoas que ofrecen estas actividades. De darse algún erro na cadea, estas persoas teñen que responder ante a lei, porque este erro levou á perda dunha vida. Curioso que na violencia de xénero estes erros, que saibamos, quedan en nada para quen toma as decisións.

Para aclararme como é o proceso de decisión, consulto o cuestionario VPR (Valoración policial de riesgo de violencia contra la vítima) que é un dos instrumentos empregados para facer unha medir o risco. Son dezaseis ítems que hai que valorar (a vítima, o agresor (!?!?), unha testemuña ou por informes) nunha escala que vai dende “non se sabe”, “non se dá”, “baixa”, “media”, “alta” e “extrema”. Penso na subxectividade que teñen estes termos: cantas veces teñen que darse as situacións para colocalas nun punto ou noutro dese baremo? Penso en que as mulleres que son vítimas fácilmente estean baixo os efectos do trauma: dende ter lagoas de memoria até narrativas de minimización (que foron as que a levaron a sobrevivir nesas relacións). Penso neses primeiros axentes de identificación sen a formación e os procesos de reflexión axeitados para ser quen de ter en conta todo o anterior.

Vexo preciso baixar á terra o que é terreal: as vidas ou a potencialidade de que nolas quiten. Porque as palabras poden ser moi interpretables en función de quen as emita, do contexto e de quen as reciba. Non vou pór todos, mais algúns dos ítems do VPR son: “se profiren ameazas ou plans dirixidos a causar dano físico/psíquico á vítima”; “ haxa un incremento e/ou repetición de episodios ou ameazas de violencia”, que se faga “uso de armas ou obxectos contra a víctima”, que haxa “incumplimento de disposicións xudiciais cautelares”. Tendo en conta que na marioría de casos de violencia de xénero, mesmo sen chegar a denunciarse, danse estes feitos, ter chegado até aí paréceme grave dabondo. Tanto por frecuencia (a maioría de mulleres aguantan anos este tipo de conductas antes de dar o paso de denunciar) como por intensidade.

Son das que pensa que todo na vida é política. Neste caso a política pode ser a postura que se teña en relación á violencia de xénero, mais non a existencia desta. A violencia de xénero son datos: denuncias (a punta do iceberg das violencias reais, pois as estimacións oficiais som que o 75% de mulleres decide non denunciar a parellas ou exparellas por violencias físicas ou sexuais. Das psicolóxicas nin aparecen datos), número de mulleres asasinadas (1377 dende o 1 de xaneiro de 2003 até agosto de 2026; 68 crianzas menores de idade asasinadas por violencia vicaria dende o 2013 até agora). Nestas cifras hay persoas e historias de todas as cores políticas. Porque a violencia de xénero non é unha cuestión ideolóxica, nin de clase, nin de estrato social. Porque hai maltratadores e asasinos máis ou menos ricos, de maior ou menor formación académica, de ideas máis ou menos conservadoras, de maior ou menor idade. Porque non todas as mulleres que denuncian “son feminazis que queren vinganza”. Porque as que denuncian, e as que non poden/queren facelo, son mulleres que teñen medo, que temen pola súa integridade física até o punto de que lle quiten (non de perder) a vida. Porque son mulleres que previamente intentaron pór límites e buscar a seguridade por si mesmas. Pero que se decatan de que hai unha estructura de poder social que ampara e lexitima aos seus maltratadores/agresores, e que eses esforzos individuais son insuficientes. De aí, deciden pedir axuda a un sistema de por si pouco amable que claramente está fallando. Un sistema xudicial, pericial ou policial que non está a altura. Porque xa nos primeiros pasos o propio sistema polo protocolo a seguir e mesmo polas persoas que se encargan de facelo cumprir, pode darse unha revictimización. Porque aquí non collen as medias tintas, porque cando hai unha vida en risco e te vas meter a quirófano, non che vale que a profesional estea máis ou menos formada no tema.

Segundo as cifras anteriores queda claro que os recursos que hai son insuficientes e/ou que hai persoas que fan un mal uso deles. Se volvo ao comezo deste escrito, queda en evidencia o risco que supón para as nosas vidas, que o sistema se desmantele dende dentro. Non falar de algo, non rexistralo, non indica que desapareza. O único que se consegue coa invisibilización e perpeturar a lexitimidade de que isto sega acontecendo. E isto que segue acontecendo é que nos están asasinando polo feito, únicamente, de ser mulleres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.