Unha vez máis, e con renovados folgos tras varias décadas de innumerábeis vaticinios falidos, anúnciase o colapso inminente das pensións públicas co argumento de que a sustentabilidade do sistema de repartición é unha cuestión estritamente demográfica. Hai cada vez máis pensionistas e menos activos. O envellecemento da poboación vai ir aumentando a ratio entre perceptores e cotizantes até que o sistema sexa simplemente inviábel porque os empregados non darán pagado tantas pensións. Este é o argumento, tan aparentemente evidente. E tan falso.
Porque o argumento esquece mencionar un par de detalliños para explicar a diminución das cotizacións. Por exemplo, o desaproveitamento do potencial demográfico por mor do paro, do traballo precario e a tempo parcial, das horas extraordinarias impagadas, da economía informal ou da emigración; o baixísimo salario medio, que, por primeira vez desde a Segunda Guerra Mundial, non sobe co crecemento económico, e que non só lamina as cotizacións, senón que, xunto co “axuste” dos cadros de persoal, desincentiva o investimento empresarial no aumento da produtividade a través de cambios tecnolóxicos e organizativos; a non rendibilización social da progresión da produtividade; ou o feito de que os inmigrantes tamén sosteñen o sistema. O consenso keynesiano das tres décadas posteriores á Segunda Guerra Mundial foi dinamitado: quen fala hoxe en serio das políticas de pleno emprego e da redistribución da renda e da riqueza?
En consecuencia, unha lexión de expertos lánzanse prestos a recomendar a necesidade dun novo aumento da idade de xubilación e dun recorte drástico das prestacións, xa per se moi baixas; e de paso predican as bondades dos plans individuais de pensión, malia a súa ineficiencia e malia os españois estaren entre os europeos que menos dan aforrado. Nin unha palabra sobre a esixencia de que aumenten as rendas do traballo en detrimento das do capital; sobre a urxencia dunha reforma integral que iguale a nosa presión fiscal á media europea, teña un efecto redistribuidor e garanta a suficiencia do sistema; sobre a nosa xigantesca fraude fiscal; sobre o imprescindíbel aumento substancial do gasto destinado a financiar as políticas públicas de benestar; sobre o suculento negocio que supoñen os plans privados de capitalización; ou sobre a subvención pública destes plans (vía incentivos fiscais), gabada precisamente por quen adoita bradar contra as subvencións.
E mentres tanto, neste debate en que se manexan conceptos como factor de sustentabilidade (vinculado á evolución da esperanza de vida) ou contas nocionais (este aínda sen aplicar ao noso sistema de repartición), cuxo uso apunta invariabelmente cara a unha baixada das prestacións, vaise perdendo a perspectiva. Cómpre lembrarmos que as pensións son un salario diferido que, atendendo criterios sociais, redistribúe entre a poboación pasiva unha parte das rendas xeradas na actividade económica. Cómpre sermos dignos herdeiros desta conquista social que non é menos importante que a xornada laboral de oito horas. Trátase pois da sustentabilidade social, da cohesión e da solidariedade interxeracional, da asignación equitativa dos recursos. E trátase tamén, por certo, dun dereito derivado dun mandato constitucional. Por que será que ningún vixía do noso sacrosanto ordenamento xurídico menciona xamais o artigo 50 da lei fundamental, que fala de “pensións axeitadas” e “actualizadas” e de “suficiencia económica”?
Se dos expertos depende, o paro estrutural e mais a degradación salvaxe do mundo laboral van ter no futuro unha consecuencia terríbel: unha cantidade enorme de vellos pobres. Xa nestes momentos, o importe da metade das pensións está por debaixo do limiar da pobreza. A diminución da renda da cidadanía xubilada vai provocar unha baixada brutal do consumo. E esta contracción da demanda repercutirá no crecemento do PIB e do emprego. Daquela veremos quizais como os expertos sen escrúpulos inventan novos argumentos. Imaxinemos este: os baby boomers son unha xeración moi numerosa que, pola contra, non amosou precisamente un desbordante entusiasmo reprodutivo; agora, cando se achega o momento da súa xubilación, reclaman –que desvergoña!– que sexa a pouca xente nova que hai a que pague as súas onerosas pensións. Sería outra manipulación elitista que causaría terror entre a cidadanía e poría en perigo as bases da nosa convivencia democrática. Pero dá igual: o caso é alimentar a mentira de que o sistema de repartición está ferido de morte. Puro clasismo e pura irresponsabilidade.
Publicidade