Clausurar os medos

Canta verdade somos capaces de soportar ? (F.Nietzsche)

Non teño medo ao reintegracionismo. Ao contrario, considéroo coma un espazo mental necesario para que Galicia se sitúe no mundo rompendo o cascarón do auto-illamento e observándose dende dentro e dende fora de si mesma, do mesmo xeito que fan os suxeitos colectivos que adquiren progresivamente unha maior solidez no seu ser e estar no mundo.

Considerar que a lingua é a partícula elemental da identidade dun pobo - ou mesmo que esta pode facerse intelixible dende discursos totais – paréceme caer nun excesivo filoloxismo

Porén, considerar que a lingua é a partícula elemental da identidade dun pobo - ou mesmo que esta pode facerse intelixible dende discursos totais – paréceme caer nun excesivo filoloxismo que, ademais, remata case sempre por encherse de perfumadas metafísicas identitarias dende a política institucional.

E dígoo eu, precisamente, que aínda sufro dun suposto anacronismo – sic - estético que xa hai tempo que me persuade do seguinte, a saber: que volver pensar o romanticismo como reacción estética e ética ás consecuencias sociais e ecolóxicas da cristalización do capitalismo industrial, non estaría nada mal, non, sobre todo se facemos algo de hixiene filosófica sobre o nacionalismo cultural e a ideoloxía patriarcal que o foi enchendo historicamente de merdiña, e que volver a pensar a ilustración como reacción ética, estética e epistémica a unha sociedade que concibe ás persoas en tanto que medios para producir valor de cambio monetario en tódalas súas actividades, mesmo nas mentais, e non fins en sí mesmas, con dignidade ética e moral de seu, tampouco estaría nada mal, non.

Volver pensar o romanticismo como reacción estética e ética ás consecuencias sociais e ecolóxicas da cristalización do capitalismo industrial, non estaría nada mal, non, sobre todo se facemos algo de hixiene filosófica sobre o nacionalismo cultural e a ideoloxía patriarcal

Non teño medo ao reintegracionismo, ademais, por máis motivos: porque quero coñecer máis e mellor o que se aporta ao pensamento socio-lingüístico e filolóxico, porque quero tecer unha ponte entre a lingua realmente existente que temos e a lingua realmente desexable que procuramos, porque me parece, como mínimo, sospeitoso, que as canles mediáticas entre Galicia e os países lusófonos non existan, porque quero tecer unha ponte mental entre a memoria colectiva de noso e a de outros países que tanto, tanto, tanto nos poderían aportar na súa memoria cultural sobre a honesta loita pola emancipación e a resistencia ante a vontade de asimilación cultural dos colonialismos doutrora e os neocolonialismos de agora, porque aporta unha visión analítica e histórica moi sólida sobre esa película perfumada que nos venderon sobre o consenso lingüístico do 83 e sobre o que eu mesmo, no meu cándido descoñecemento, cheguei a escribir…. e porque considero que aí, precisamente aí, no ámbito do reintegracionismo, existen reflexións e análises que, á hora de falarmos de tecer unha Galicia que deixe de mirar sempre cara o embigo e o terruño patrio, son fundamentais para pensar a noso ser e estar no mundo dende unha concepción híbrida, transnacional e mestiza das identidades culturais, transcendendo os ríxidos e violentos esquemas identitarios impostos polos estados-nación realmente existentes.

Considero que aí, precisamente aí, no ámbito do reintegracionismo, existen reflexións e análises que, á hora de falarmos de tecer unha Galicia que deixe de mirar sempre cara o embigo e o terruño patrio

En resumo: Non teño medo ao reintegracionismo porque ten razóns e fundamentos de seu, e ao que ten razóns e fundamentos de seu non se lle pode quitar a palabra, a non ser por covardía. Non teño medo ao reintegracionismo como tampouco teño medo aos partidarios dunha normalización lingüística de mínimos que debería recuperarse con urxencia sen considerala coma un punto e final na historia lingüística e cultural de Galicia, senón coma un punto de partida para seguir camiñando. En todo ao que fai referencia a emancipacións sociais, linguas e culturas, que se lle vai facer, son un pouco teimudo: gústame pensar táctica e estratexicamente para orientarme a medio-curto prazo e a medio-longo prazo: entre o posible e o necesario e dende a situación real. Hai que asumir esta tensión e comezar a tocar o acordeón.

Non teño medo ao reintegracionismo porque ten razóns e fundamentos de seu, e ao que ten razóns e fundamentos de seu non se lle pode quitar a palabra, a non ser por covardía

Narrativas totais e excluíntes existen, sí, tanto aquén como alén Miño. En moitas ocasións percibo que algúns suxeitos defenden un reintegracionismo filoloxista strictu sensu, no que non existe a perspectiva histórica, literaria e cultural comparada, e no que os motivos profundos desa afiliación arraigan no resentimento contra as linguas hexemónicas, a saber, o castelán e o Inglés. Entendo, de verdade, esta reacción defensiva, e sobre todo nun contexto de abafante castelanización lingüística imposta vía razón de Estado e nun contexto no que o Todo en inglés imponse, coa mesma forza, pola vía razón de Mercado. Con todo, esta reacción paréceme inxusta se realmente queremos falar de tecer cosmopolitismo – non cosmopaletismo provinciano e gasoso - e xustiza social neste país noso que temos e que nos están deixando, todo hai que dicilo, feito unha verdadeira merdiña.

Teño amigos en Madrid e en Londres; aféctanme os seus problemas e son consciente de que entenden os motivos e as causas do malestar que xera a triste e persistente hexemonía do franquismo cultural en España. Teño familia en Barcelona, en Asturias e en Madrid, e non podo mentirme a min mesmo convencéndome de que a hexemonía dunha casta de neocons provincianos e ignorantes, hipocritamente católicos en público e delincuentes políticos consumados en privado, franquistas culturais redomados e monárquicos por pura conveniencia e oportunismo político. Non podo mentirme a min mesmo, digo, confundindo a esta casta de intocables coa sociedade civil española - lingüística e culturalmente plural no seu conxunto – e responder afiliándome a posicións reintegracionistas por mero resentimento ou reactividade política, como tampouco podo, por honor á verdade, considerar que os fundamentos teóricos e prácticos de normalizadores lingüísticos son un punto e final ou motivo da clausura do debate lingüístico dentro ou fóra de Galicia.

Os internacionalismos non poden tecerse dende o prexuízo cultural, senón dende o coñecemento e o recoñecemento do outro. Todo suxeito, como toda lingua e toda cultura, é un ser vivo

Os fundamentos – os meus, cando menos - sígoos tendo claros, e non son unha verdade total, senón un punto de partida ético e epistémico: Avogo por unha visión intercultural dos dereitos humanos. Aquén e alén Miño, e sumando. Os internacionalismos non poden tecerse dende o prexuízo cultural, senón dende o coñecemento e o recoñecemento do outro. Todo suxeito, como toda lingua e toda cultura, é un ser vivo. E todo suxeito, como toda lingua e toda cultura, é transnacional e mestiza. Transnacional en tanto en canto os ríxidos esquemas identitarios do estado-nación e os seus rituais oficializados, non se corresponden coas historias de vida reais das persoas, e mestiza en tanto en canto toda retórica da autenticidade cultural e/ou civilizacional alicerza sobre falsos fundamentos. Ou dito dun xeito gráfico: nin a filosofía é un invento autóctono dos gregos nin a escravitude comezou en tempos de Grecia.

Para o bo e para o malo, convén non crer que o mundo familiar que nós experimentamos día tras día… é o único mundo posible. Mais, de verdade estamos dispostos a clausurar os múltiples medos que nos abafan neste país. E, por suposto, sair de novo da caverna?

Toma número 15, luces, cámara, paixón!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.