Compostela Aberta. Unha cuestión de decencia democrática

Apertura da campaña de Compostela Aberta © CA

Compostela Aberta gañou as eleccións no 2015 e gobernou a pesar dun acoso absolutamente reaccionario. Compostela nos últimas catro anos foi a expresión máis clara da falta de cultura democrática. A democracia esixe participación e, polo tanto, esforzo e Martiño Noriega e o seu equipo, alén dos seus erros e os seus acertos, abriron o concello e interpelaron aos veciños e veciñas permanentemente a participar. Esas mensaxes políticas ás que estamos acostumados de: “os políticos estamos para resolver os problemas da cidadanía” veñen a dicir “vós tranquilos que xa me encargo eu de todo” e teñen unha grande aceptación mais a min prodúcenme unha profundo desacougo; sei que a comodidade da cidadanía representa sempre a impunidade do poder. É unha cuestión de cultura democrática. 

No caso de Compostela exerceron un acoso inxustificado e inxustificable, sen razón nin argumentos, só coa reacción antidemocrática de considerar que o poder lles pertence

Por esta razón un goberno que queira gobernar democraticamente unha sociedade sen cultura democrática ten moitas dificultades: a primeira a propia cidadanía que tende a comodidade e responde mal cando é interpelada para participar; a segunda dificultade son todas as forzas da reacción que, como lles é propio, acostuman a reaccionar. No caso de Compostela exerceron un acoso inxustificado e inxustificable, sen razón nin argumentos, so coa reacción antidemocrática de considerar que o poder lles pertence. Calquera que non represente os seus intereses no poder é un ocupa. Pero o máis decepcionante de todo foi ver como as forzas democráticas irmás, con esa estratexia fratricida de loitar pola hexemonía, calaron coa esperanza de recoller os réditos ou mesmo seguiron a estela do acoso que algúns medios exercían traspasando todas a liñas vermellas da deontoloxía xornalística.

Hai uns anos que me propuxen como prioridade a loita contra o cainismo fratricida e, neste momento, non hai ningún exemplo de integración mellor para estimular esta loita que Compostela Aberta

Mais Compostela Aberta resistiu con admirable constancia, transparencia e intelixencia política. Demostrando que a única hexemonía posible acádase coa unidade, converténdose nun referente esperanzador no panorama de división das forzas galegas transformadoras; empeñadas en facernos sentir a condena de Sísifo.

Hai uns anos que me propuxen como prioridade a loita contra o cainismo fratricida e, neste momento, non hai ningún exemplo de integración mellor para estimular esta loita que Compostela Aberta. En pleno fragor fratricida C.A. Mantense unida e resiste á reacción con intelixencia e decencia democrática.

Por iso eu declaro publicamente o meu apoio a Compostela Aberta e a Martiño Noriega. Porque creo que é o mellor para Compostela e porque me parece un acto de xustiza e de defensa da decencia democrática. Unha aposta de construción alternativa, para a cidade e para o País.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.