Comunista, feminista radical

Hoxe non me quero deter na escuridade; a miña historia fala doutra cousa: da saída. CC-BY americancommunitymedia.org/

"Comunista e feminista radical" foron os insultos que me dedicou C.C.C., o maltratador da miña nai. 

"Comunista e feminista radical" —ou "comunista, feminista e radical", non o sei ben porque os signos de puntuación non son o seu forte— foron os insultos que me dedicou C.C.C. (si, coma aquilo dos cursos que anunciaban hai un tempo), o maltratador da miña nai. E preguntaredes que lle fixen eu para recibir semellante honra: pois nin máis nin menos que acompañar inquebrantabelmente a miña nai ata a súa denuncia e posterior condena.

Hoxe en día hai moitos relatos persoais accesibles para quen decida achegarse a esta realidade. Teño escoitado, mesmo na voz da miña propia nai, as escenas máis duras que poidades imaxinar, episodios que custa crer ata na ficción. Pero hoxe non me quero deter na escuridade; a miña historia fala doutra cousa: da saída.

Teño escoitado, mesmo na voz da miña propia nai, as escenas máis duras que poidades imaxinar. Pero hoxe non me quero deter na escuridade; a miña historia fala doutra cousa: da saída.

Eu sabíao dende había moito tempo; bueno, sabíao e non o sabía. Intuíao con moita forza, coa mesma forza coa que ela o negaba todo. De feito, non oín o relato completo ata que ela xa non puido máis e llo contou, diante de min, as axentes da unidade especial de violencia de xénero da policía de Lugo. Ese foi o principio do fin do pesadelo.

Se estades a vivir unha situación semellante na vosa contorna, que saibades que non estades tolas, que non sodes susceptibles de máis, nin vos inventades nada. O voso papel é valiosísimo: só tedes que permanecer, acompañar con agarimo e paciencia, porque nalgún momento vos van precisar, e moito

Durante trece anos, C.C.C. tentou boicotear o vínculo entre nai e filla, buscando sempre o conflito para afastarnos. Foron trece anos de luz de gas cada vez que eu cuestionaba as súas actitudes; trece anos nos que me chamou esaxerada, nos que lle quitaba importancia a todo e dicía que non pasaba nada, cando si que pasaba. Hoxe miro atrás e alégrome infinitamente de non ter dubidado nunca do meu instinto.

Efectivamente, son feminista radical (e comunista, e radical na defensa da vida), e que sorte ter estado aí. Por moito que se tentou crebar o noso lazo, eu quedei, sigo aquí, e todas as feministas imos seguir estando. Porque cando tecemos rede e nos apoiamos, nada nin ninguén nos pode calar.

Se estades a vivir unha situación semellante na vosa contorna, que saibades que non estades tolas, que non sodes susceptibles de máis, nin vos inventades nada. O voso papel é valiosísimo: só tedes que permanecer, acompañar con agarimo e paciencia, porque nalgún momento vos van precisar, e moito. Confiade na vosa intuición, porque ningún tipo de violencia é normal, e a esperanza sempre gaña cando deixamos de estar illadas. Se precisades axuda, pedídea; hai moita máis mans tendidas da que imaxinades.

Quero dedicar este artigo e agradecer publicamente a actuación das veciñas do edificio da miña nai. Sen as súas chamadas á policía non sei como tería rematado algún daqueles días

Quero dedicar este artigo e agradecer publicamente a actuación das veciñas do edificio da miña nai —que, por certo, se chama María—. Sen as súas chamadas á policía non sei como tería rematado algún daqueles días. Eu souben disto o propio día da denuncia, e nunca lles agradecerei abondo a súa valentía para protexela, para avisar (podéndose meter nun problema co maltratador) do que estaba a acontecer. Ademais, que saibades que esas alertas tiveron un peso fundamental no xuízo. Por iso anímovos sempre a dar o paso se vedes ou intuídes algo raro: vós non tedes que xulgar nin decidir nada, só dar a alerta. Ás veces, unha simple chamada salva unha vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.