Concellos pola Renda Básica

Concentración en Vigo en demanda da aprobación da Renda Básica © Oficina de Dereitos de Sociais de Coia

Hai quen di que a política municipal é a máis próxima. É a política a pé de barrio, coa que podes practicamente tocar coas túas propias mans o resultado do traballo de goberno. 

Normalmente, as cidades son o reflexo dos seus habitantes, e as decisións que toman transcenden máis aló dos límites do seu municipio. Vímolo durante a crise de refuxiados, onde cidades como Barcelona ou Valencia saíron á rúa para gritar “Volem acollir” ou en Murcia, coa súa protesta ante o AVE que ía partir en dúas a cidade. Varrendo para casa, como esquecer ás Nais contra a droga, que se opuxeron a que os seus fillos vivisen nun ambiente tóxico que estaba a acabar coa súa vida, ou á cidadanía organizada no Nunca Máis contra a gran burla negra de Fraga e Rajoy. 

Desde a morte do asasino Franco, o Reino de España viviu, con diferente intensidade e motivación, mobilizacións cidadás para mellorar o espazo no que vivimos. 15M, a PAH e Stop Desafiuzamentos, Marea Verde, Marea Branca…son todos exemplos do que a cidadanía organizada pode facer para sacar ao debate público os asuntos da res publica. Esta política a que debe saír das paredes do Palacio Municipal para fundirse coas veciñas e veciños, formando un ágora no que todas poidan definir que cidade queren, e por tanto, que sociedade queren que viva nela. 

É por este motivo que desde o Colectivo Renda Básica da Coruña traballamos para conseguir que se aprobase unha moción no pleno do Concello da Coruña que insta ó goberno municipal, entre outras administracións públicas, a abrir o debate público sobre unha idea tan poderosa como a Renda Básica. 

Trala aprobación por unanimidade desta moción, a Concellería de Xustiza Social e Coidados do Concello da Coruña púxose en contacto co colectivo para levar a cabo unhas xornadas que sexan o reflexo do contido da moción, e o resultado deste traballo de varios meses son as xornadas “Renda Básica: o novo dereito social necesario”, que terán lugar o 21, 22 e 23 de marzo na Coruña. Esta xornadas son organizadas polo Concello da Coruña e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e nelas colaboran Praza.gal, a Universidade da Coruña e o Colectivo Renda Básica da Coruña. 

Quero agradecer a colaboración de Praza Pública, que participa nas xornadas a través dunha entrevista  realizada por David Lombao, director de Praza, a Daniel Raventós, un dos maiores expertos en Renda Básica do mundo. 

Nestas xornadas contaremos con varios membros da Red Renta Básica , como Daniel Raventós, David Casassas, Julen Bollain, Sergi Raventós ou Lluís Torrens; e con persoas que traballan esta idea desde diferentes perspectivas, como Nuria Alabao, Thiago Santos, Carmen Lizárraga, Sarah Babiker, Fernando Martínez, Koldobi Velasco, Alberto Fraguas e Duarte Crestar. 

Desde o Colectivo Renda Básica da Coruña entendemos que é fundamental que a cidadanía coñeza esta idea tan necesaria. Consideramos que a Renda Básica debe ser un dereito, e por tanto, cando a maioría social interioriza a pertenza dun dereito é máis difícil que renuncie a el. O exemplo témolo nos movementos sociais arriba citados.

O dereito a unha vida digna, á existencia material garantida e a unha liberdade incondicional deben ser asumidos pola cidadanía como dereitos irrenunciables en tempos de incerteza e crecente desigualdade, e nesta loita, os concellos son un actor fundamental. 

O número crecente de mocións a favor da Renda Básica ao longo do Reino de España é unha mostra de que a cidadanía se interesa cada vez máis por esta idea. É moi necesario que alá onde haxa un pequeno grupo de persoas que compartan esta idea se organicen para presentar mocións nas súas localidades. Non é tan difícil. O presente e o futuro xogan ao noso favor. 

Desde A Coruña convidámosvos a vir ás xornadas e compartir uns días de coñecemento e debate moi enriquecedor. Se non podedes vir pero tedes interese en presentar mocións nos vosos municipios ou participar nos diferentes colectivos de Renda Básica galegos, non dubidedes en contactar connosco. Somos moitas as persoas que cremos nun mundo máis xusto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.