O verán pasado (que, lembrarán, foi especialmente seco), unha parella de cegoñas novas escolleu unha das touzas da finca na que habito para aniñar
O verán pasado (que, lembrarán, foi especialmente seco), unha parella de cegoñas novas escolleu unha das touzas da finca na que habito para aniñar. Estes seres migrantes emparéllanse de por vida e adoitan ter dúas residencias, unha máis ao sur e outra cara o norte, as cales non deixan de mellorar e ampliar.
Debo recoñecer que velas coa súa cría pescudando entre o pasto seco do prado e os rolos de herba, emocionoume. Estas aves son para min case totémicas, remítenme a miña raizame estremeña. Cando era cativa, e logo tamén na mocidade, gocei da presenza e da convivencia con estes paxaros de reminiscencias xurásicas no tempo vivido na contorna do Guadiana.
A actividade humana e o cambio climático son dous dos principais factores nos cambios dos patróns migratorios das cegoñas
De novo andan por aquí. De novo segamos os prados e apareceron outra vez entre os rolos na procura de alimento e materiais de construción para os seus niños. Sei que son as mesmas dúas, e que, se poden, seguirán a compartir morada connosco por moitos anos, sen contratos, permisos de residencia nin alugueres vacacionais.
Non son ornitóloga, mais si curiosa. Leo e pescudo información para descubrir que a actividade humana e o cambio climático son dous dos principais factores nos cambios dos patróns migratorios das cegoñas. A diminución dos vertedoiros de lixo ao aire libre é, sen dúbida, un deles. A suba das temperaturas, outro moi relevante. Xa non queren (ou non poden) pasar o inverno no Sahel, abóndalles co sur da península e veñen ata aquí na primavera.
Segundo a revista Ecological Indicators, a distribución e a fenoloxía das aves migratorias están a modificarse sensiblemente por mor do quentamento global. Algunhas especies coma o cisne cantor xa avanzaron ata dúas semanas as súas migracións primaverais desde o norte de Europa cara o Mediterráneo. Nas rexións do planeta onde subiron máis axiña as temperaturas, como é o caso de Europa, as datas de migración das aves adiantáronse sensiblemente máis do que en outros territorios, como Canadá, onde os termómetros non evidenciaron aínda tan directamente o cambio no clima. Os efectos e consecuencias desta realidade, tanto na supervivencia das especies como no conxunto ecolóxico, aínda están por ver. Pero non pinta ben, para que enganarnos.
Entre as moitas papeletas que atoparemos nas cabinas dos colexios electorais veremos as do partido co que está a pactar o de Núñez Feijóo, outorgándolles serias responsabilidades de goberno e servizo cidadán. É ese partido que encomenda a un negacionista do cambio climático a vicepresidencia e a consellería de Medio Ambiente do Consell de Mallorca
Nuns días, volvemos votar. Entre as moitas papeletas que atoparemos nas cabinas dos colexios electorais veremos as do partido co que está a pactar o de Núñez Feijóo, outorgándolles serias responsabilidades de goberno e servizo cidadán. Doume o gusto de non teclear o seu nome para non axudar ao posicionamento SEO das siglas.
É ese partido (saben de cal falo) que encomenda a un negacionista do cambio climático a vicepresidencia e a consellería de Medio Ambiente do Consell de Mallorca.
Ese “partido constitucional” que din que Sánchez nomeou trinta e cinco veces no debate.
O que censura o bico de dúas mulleres nunha proxección de debuxos animados ou a representación de Orlando.
Ese mesmo partido que, se seguimos despistándonos, en breve estará ditando libros de Coñecemento do Medio no que se explicará ao alumnado de Primaria que as cegoñas non están aquí polo cambio climático (que non existe), senón porque veñen traernos bebés de París para loitar contra o envellecemento da nosa poboación.