Consellos á esquerda e unha señora de dereitas

Unha persoa sinala cara á dereita CC-BY-SA Artem Beliaikin / Unsplash

Hai máis ou menos unha década cadrábame atopar periodicamente, por razóns profesionais, unha señora moi de dereitas, moi directa e bastante simpática. Eran os tempos da crise económica que contribuíu a levar por diante a Xunta da coalición de PSdeG e BNG e mais o Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero. Coincidiamos nunha cidade galega cuxa veciñanza tiña daquela o PP en todos os niveis de poder, dende o municipal ao estatal pasando pola Deputación e, por suposto, pola Xunta.

Nunha daquelas conversas tipo ascensor que tiñamos ás veces, a señora en cuestión explicou a quen andabamos por alí que a ela nunca lle ían escoitar o lugar común de que o (seu) Goberno precisa unha oposición forte e recuperada, sen problemas internos, centrada en dar alternativas democráticas á poboación, etc. Tiña claro que a oposición ao (seu) Goberno, canto máis feble, enfrontada e desnortada, mellor. Máis posibilidades habería así, razoaba, de que o (seu) Goberno durase moito máis sen turbulencias. Inapelable.

A honestidade brutal daquela señora veume á cabeza nestes días, cando redes sociais e mais columnas de opinión (coma esta que agora len, ninguén estamos libres de pecado) aparecen inzadas de consellos e receitas para que a esquerda en xeral e o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos en particular endereiten o rumbo tras o pau que levaron nas eleccións andaluzas. Algúns destes consellos, sen dúbida ningunha desinteresados, pasan por receitar "moderación" e ignorar as propostas das forzas políticas que, dende o soberanismo e a esquerda, completaron a maioría que Pedro Sánchez precisou en xaneiro de 2020 para ser investido. En síntese, por virar á dereita e ir aplicando o seu programa antes de acabar caendo como froita madura.

Se os seus consellos atopan eco na esquerda, no pecado levará a penitencia

Algunhas destas voces e columnas son as mesmas que, en Galicia e no Estado, en ocasións dan en expresar saudades por tempos pasados. Fan como que botan en falta o PSOE de finais de século pasado (o que foi vencido primeiro e esmagado despois polo PP de Aznar), o do período 2011-15 (o que caeu derrotado fronte á maioría absoluta de Rajoy e colaborou, por exemplo, a baixarlle o ruído á abdicación de Juan Carlos I) ou o do outono de 2016 (o que se abstivo sen condicións na investidura de Rajoy tras botar a Sánchez da secretaría xeral). 

Igual que aseguran noutras ocasións desexar o retorno do BNG da primeira lexislatura e do inicio do segundo mandato de Feijóo (o que pasou de 12 a 6 escanos e sufriu unha dolorosa escisión). Era moito mellor, din, que o actual (o que encabeza a oposición galega tras triplicar representación parlamentaria ata 19 escanos). Tamén anceian o retorno do PSdeG daqueles mesmos tempos (o que perdeu unha decena de escanos no Parlamento e amplas cotas de poder local durante unha década). Son máis ou menos as mesmas, claro, que auguraban a conversión das cidades galegas que gobernaran as mareas en núcleos de caos ao servizo de Moscova (da de antes de 1991, enténdase).

Se cadra, sería todo moito máis honesto se asumisen a liña da señora da que lles falaba. E se os seus consellos atopan eco na esquerda, no pecado levará a penitencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.