Ao longo do último ano descúbrome escoitando, case por inercia, en situacións moi diferentes, sempre a mesma canción: All Things Must Pass, de George Harrison. Así é; todas as cousas han pasar. Nin a luz nin a escuridade son eternas; ningunha das nosas alegrías, ningunha das nosas mágoas, veu para quedar
Ao longo do último ano descúbrome escoitando, case por inercia, en situacións moi diferentes, sempre a mesma canción: All Things Must Pass, de George Harrison. Compúxoa cando The Beatles esmorecían e publicouna en 1970, en plena disolución do grupo, como peza central do seu primeiro gran disco en solitario. A canción é, ela mesma, unha despedida: “todas as cousas vanse / o amencer non dura toda a mañá / o chuvasco non dura todo o día…nada na vida é para sempre”
Así é; todas as cousas han pasar. Nin a luz nin a escuridade son eternas; ningunha das nosas alegrías, ningunha das nosas mágoas, veu para quedar.
Pasamos a vida despedíndonos. Despedímonos de amigos que quizais volveremos ver, ou quizais non. Despedímonos dos nosos pais cando morren. Despedímonos de actividades que foron centrais nas nosas vidas e que, progresivamente, deixaron de selo. Despedímonos de vínculos que xa non significan o que un día significaron. Despedímonos da infancia dos nosos fillos a medida que medran, e ese adeus é dos máis estraños, porque a persoa segue aí, pero o neno que foi xa só queda como esbozo. A vida é unha longa sucesión de despedidas porque a vida é, constitutivamente, provisional. O único definitivo é a morte. E por iso, algún día, teremos que despedirnos tamén de nós mesmos.
O duelo é un traballo: lento, doloroso, feito de lembranzas que se revisan unha a unha ata poder soltar aquilo que xa non está, para que o desexo poida volver investirse no presente. A melancolía, pola contra, é a negativa a soltar: o eu identifícase co que se perdeu, a sombra do obxecto que se nos foi cae sobre el, e a vida detense. O melancólico non chora o que perdeu: convértese niso que perdeu
Ante esta evidencia faise decisiva unha capacidade psíquica concreta: a de facer duelos. Freud, en Duelo e melancolía (1917), distinguiu dous xeitos de responder á perda. O duelo é un traballo: lento, doloroso, feito de lembranzas que se revisan unha a unha ata poder soltar aquilo que xa non está, para que o desexo poida volver investirse no presente. A melancolía, pola contra, é a negativa a soltar: o eu identifícase co que se perdeu, a sombra do obxecto que se nos foi cae sobre el, e a vida detense. O melancólico non chora o que perdeu: convértese niso que perdeu. Onde o duelo é movemento, a melancolía é parálise.
Esta distinción non é só clínica; é tamén política. As sociedades incapaces de facer duelo quedan atrapadas en dúas formas de melancolía. Unha é a nostalxia reaccionaria: a fantasía dun pasado glorioso que nunca existiu tal e como se lembra, e ao que habería que regresar custe o que custe, o que Zygmunt Bauman chamou retrotopías.
A outra é a que Mark Fisher describiu como a cancelación lenta do futuro: a sensación de que xa non é posible imaxinar nada novo, de que só nos queda reciclar indefinidamente as formas do que xa foi. Ambas as dúas son maneiras de non aceptar que algo rematou. E ambas as dúas paralizan: nin a comunidade que vive de costas ao presente nin a que renunciou ao porvir poden transformar nada.
Os nenos, nenas e adolescentes teñen que aprender a despedirse: dun curso que remata, dunha amizade que se disolve, dun corpo infantil que se vai esvaecendo, dunha mascota que morre, dunha imaxe idealizada dos seus pais que non sobrevive á adolescencia
E é tamén, por suposto, unha cuestión educativa. Os nenos, nenas e adolescentes teñen que aprender a despedirse: dun curso que remata, dunha amizade que se disolve, dun corpo infantil que se vai esvaecendo, dunha mascota que morre, dunha imaxe idealizada dos seus pais que non sobrevive á adolescencia. A propia adolescencia é, no fondo, un longo duelo pola infancia, que fan os fillos e que temos que facer tamén os proxenitores. Pero educamos nunha cultura que traballa activamente contra o duelo: unha cultura na que nada remata nunca, na que todo queda arquivado e dispoñible, na que as series non se acaban, o scroll é infinito e ata as relacións se suspenden sen pechar, en modo ghosting. Se lles aforramos aos nosos fillos toda experiencia de final, toda frustración, toda perda, todo adeus, non os estamos protexendo: estámolos incapacitando para a única certeza que ten a vida; sempre haberá unha falla, somos incompletos, vulnerables, simples mortais.
Porque o duelo, a fin de contas, non é outra cousa que a constatación do paso do tempo. E o paso do tempo é o sinal de que estamos vivos. As cousas teñen valor precisamente porque rematan: se fosen permanentes, perderían toda a súa importancia. Con frecuencia pénsase que a tristeza é en si mesma unha emoción negativa, pero isto non é sempre así; a tristeza do duelo é unha tristeza que camiña, que atravesa e que, ao final, devolve ao mundo. A melancolía é a tristeza que se detén e se instala. Contra a melancolía, entón, non se trata de non estar tristes: trátase de aprender a despedirse. Como cantaba Harrison mentres se despedía da banda que fora a súa vida enteira: todas as cousas han pasar. Tamén nós. E é exactamente por iso polo que as persoas, as cousas, a vida mesma, importan.