Contra o forestalismo

Imaxe dunha repoboación forestal nos anos 20 do pasado século ©

A RECENTE CONVOCATORIA DE AXUDAS Á BOA GOBERNANZA DAS COMUNIDADES VECIÑAIS DE MONTES EN MAN COMÚN: APUNTAMENTOS PARA A REFLEXIÓN

 

CONTEXTO HISTÓRICO E NORMATIVO

Foi un xeógrafo francés, Abel Bohuier, quen a finais dos anos setenta explicounos algo evidente: “o monte en Galicia constitúe o soporte do sistema agrario tradicional” (“La Galice: Essai geográphique d’analyse et d’interpretatión d’un vieux complexe agrarie”. La Roche-Sur-Yon, 1979).

En efecto, o monte galego –referímonos ao monte de aproveitamento colectivo, a maior parte do monte–, é un espazo que durante séculos, dende tempo inmemorial, estivo posuído polos veciños e veciñas de entidades territoriais como os lugares e as parroquias, mediante pastoreo, rozas da matogueira para esterco, e cultivo de trigo e centeo en estivadas, entre outras actividades agrícolas.

A publicación da tese do investigador galo –xa un clásico– coincidía co fin dun período a mediados do século XX, entre os anos corenta e setenta, no que a administración forestal da época foi belixerante na persecución do campesiñado, labregos e labregas que foron multados por aproveitar o monte como sempre o fixeran –pódense escoitar aínda as testemuñas dos vellos do lugar–, enchendo os andeis de expedientes sancionadores tramitados naqueles anos e custodiados na actualidade nos fondos documentais dos arquivos públicos (1).

Iso ocorría no contexto dun longo período ditatorial caracterizado polo favorecemento dos oligopolios e as repoboacións masivas, precedidas doutras repoboacións forestais máis sensibles coa situación posesoria preexistente. Así, as repoboacións dos anos 1926-29 propiciadas pola Deputación de Pontevedra (que marcaron unha certa diferenza nesta provincia ao respecto doutras no ámbito galego nas que as repoboacións tiveron menos impacto), limitábanse aquelas repoboacións pontevedresas ás partes máis altas dos montes e contemplaban uns precarios dereitos das veciñanzas posuidoras, segundo constan nas Bases de la Repoblación Forestal aprobadas pola Deputación Provincial na sesión do 5-decembro-1925: “Al redactarlas dominó la preocupación de respetar íntegramente las necesidades de la ganadería y las exigencias del pequeño cultivo a grano, para el que son condición precisa los aprovechamientos de estos montes. Los procedimientos de su utilización responden a prácticas locales modeladas por las exigencias del pequeño cultivo en que viven formas puras de cooperación, dentro de las agrupaciones sociales que delimitan la parroquia o el lugar.(...) mantener con el mayor rigor la significación de propiedad colectiva que tienen estos montes y conservar los aprovechamientos comunales gratuitos de leñas, esquilmos y pastos en las formas tradicionales (...) Bases: 1º ...propiedad de los Ayuntamientos (...) 5º Los Ayuntamientos podrán subrogar en sus derechos a los vecinos que reunidos en asociación legal deseen participar en la repoblación.”

Imaxe dunha repoboación forestal nos anos 20 do pasado século en Salcedo e Vilaboa ©

Seguindo a secuencia histórica, pouco antes tivo lugar o decaemento do agrarismo –movemento moi forte a finais do século XIX e principios do século XX, expresión sindical e social dun medio puxante–, que tiña como reivindicación histórica a abolición dos foros e, en xeral, a mellora das condicións de vida no medio rural.

E antes, téñeno moi ben explicado os historiadores actuais: a historia agraria de Galicia é en boa medida a historia de Galicia, e a evolución dos seus montes de aproveitamento colectivo reflicte perfectamente a pulsión histórica do noso país, dende o réxime señorial da idade media, no que –obrigas do dereito– as veciñanzas asinan as cartas forais “a montes e a fontes” e aproveitan os montes colectivamente, ate a creación da organización municipal contemporánea no primeiro terzo do século XIX, fundamentada na base territorial daquelas parroquias.

Verdadeiramente, podemos afirmar sen exaxerar que os montes veciñais galegos transcenden o eido estritamente agroforestal para converterse na peza básica da organización territorial, cunha indubidable e fonda compoñente cultural.

---o---

Na actualidade, a devolución dos montes de aproveitamento colectivo aos seus lexítimos donos, as comunidades veciñais posuidoras legalmente constituídas, arrancou con forza coa lei estatal 55/1980, tras tímidos antecedentes administrativos e non poucos casos nos que os colectivos veciñais preitearan e gañaran o seu recoñecemento nos tribunais, coas cartas forais na man e a posesión como principais elementos probatorios.

A lei 13/1989 de montes veciñais en man común e o seu regulamento do ano 1992, aínda vixentes en moitos dos seus artigos, marcaron un fito na definición do réxime xurídico e no funcionamento das comunidades veciñais, moitas delas cos expedientes de clasificación e recoñecemento da titularidade xa rematados aínda que tecnicamente moi deficientes. Convén subliñar que nese encadre normativo a administración comprometíase ao que debemos considerar normal: “procederase ó seu sinalamento e deslinde, que levará a cabo de forma gratuíta a Consellería de Agricultura” (art. 11.4 do título II “A Clasificación e os seus efectos” da Lei 13/1989).

Pasados os anos, case vintetrés, un novo encadre lexislativo, a lei 7/2012 de montes de Galicia, presenta importantes novidades dende unha perspectiva ampla ao ocuparse tanto dos montes públicos –algo residual– como dos privados, e entre estes últimos –baixo unha caracterización específica– tamén dos montes veciñais en man común.

Dita lei, entre outras cuestións novas (2), trasládalle o asunto do deslindamento dos montes veciñais –tanto entre eles coma coas fincas particulares estremeiras– ás respectivas comunidades veciñais titulares, que terán que asumir o seu custo e un complexo procedemento na práctica demostrado inoperante, cunha carga engadida, a dos expedientes clasificatorios tramitados, verdadeiramente deficientes.

A lei do ano 2012, con moitos aspectos positivos, non obstante asentou na política forestal actual unha inercia certamente excluínte que ten no seu seo algúns compoñentes daquel rancio forestalismo, tan pouco identificable coas comunidades veciñais de montes en man común. Sen dúbida, o actual movemento asociativo das comunidades veciñais no seu senso máis reivindicativo é o expoñente máis esperanzador –con moitos claroscuros– do triste panorama social do medio rural ao día de hoxe, que se imbrica herdeiro do agrarismo máis positivo e comprometido. Así debe ser, algo a coidar.

Os forestalistas (3) equivócase ao pensar que o asunto dos montes veciñais é unicamente unha cuestión forestal.

É urxente unha lei de organización do territorio (4) que contemple aspectos tales como a delimitación das entidades territoriais, entre elas as demarcacións parroquiais e os termos municipais e a súa necesaria sincronía no caso dalgunha alteración puntual dunha delas. Non pode ser que nos xulgados, manexado uns elementos probatorios –as veces sen a conveniente contestación–, se resolvan cuestións de delimitación (acertadamente ou non, en función da estratexia xurídica), e o que é peor, que non teñan a súa translación á delimitación municipal; e viceversa, que unha modificación puntual do perímetro municipal non teña a súa translación ás demarcacións parroquiais respectivas cos seus montes veciñais. A día de hoxe, seguindo diferentes vías nas súas tramitacións sen unha regulación axeitada, o caos está servido con anacos de montes veciñais en diferentes municipios aos das parroquias de orixe.

O coñecemento dos procesos históricos e das normativas promulgadas no percorrer dos tempos, a análise dos fondos documentais dos arquivos históricos e o máis elemental sentido común, revélannos que os tres límites, o dos montes veciñais, o das parroquias periféricas e o dos termos municipais onde se integran, teñen que ser coincidentes.

A ignorancia propicia o contrario. Cada día é máis frecuente escoitar, sobre todo nos períodos nos que apreman as subvencións para resolver nun mes o que estivo relegado nas derradeiras décadas, que as comunidades veciñais son entidades privadas como empresas –escóitaselle incluso a cargos administrativos de dirección–, e que as delimitacións dos montes veciñais seguen a súa propia inercia rexida polos seus propios parámetros, independentemente das parroquias –cousas de curas– e das outras entidades territoriais.

Nese ínterim, para calquera tramitación recórrese á cartografía catastral como unha realidade superior, cando calquera coñecedor da materia sabe que os parcelarios catastrais fanse mediante esbozo a man alzada sobre fotogramas aéreos (o catastro non mide un metro cadrado), sendo así que aquelas zonas do monte onde a cuberta vexetal máis densa impide a visión ortogonal dos detalles –a maior parte do monte, con arboredo ou non–, as parcelas non constan configuradas no seu verdadeiro emprazamento nin coas súas verdadeiras dimensións, presentando frecuentemente erros moi groseiros.

Non entraremos agora no asunto do catastro, cuestión que faría demasiado longas estas reflexións, pero apuntaremos un par de datos que ilustran o asunto e o camiño sen solución ao que están abocadas as comunidades veciñais, a non ser que en vez de pretender modificar os erros do catastro asuman o seu contido como realidade absoluta (5).

A presentación dunha solicitude de “corrección de discrepancias” (nome que reciben os expedientes nos que se constata a discrepancia entre o parcelario e a realidade), enfróntase a unha tramitación de anos –o máximo que eu coñezo está en oito, si oito anos, tralos que a xerencia territorial catastral contestou á solicitude coma se fose presentada nos días anteriores–, que aboca ao titular ademais a ter que asumir o custo da medición pericial cun resultado incerto en función da posible oposición dalgún dos titulares catastrais cos que obviamente se vai superpoñer.

Outro exemplo ilustrativo das deficiencias que presenta a cartografía catastral –de consecuencias importantes ao transcender os efectos que tiña antes simplemente contributivos–, é o da representación cartográfica dos límites municipais, e por conseguinte tamén o dos montes veciñais das parroquias periféricas.

Así, o Real Decreto 1545/2007 que regula o Sistema Cartográfico Nacional sentou as bases para controlar a calidade na edición das diferentes cartografías e a información que conteñen (nomenclátor oficial, límites municipais, etc.), homoxeneizando os datos cartográficos básicos e evitando anomalías e discrepancias nas cartografías autonómicas e municipais, poñendo os servizos de información xeográfica á disposición dos usuarios mediante o acceso por internet. O capítulo IV refírese ao Registro Central de Cartografía (RCC), órgano administrativo dependente do Ministerio de Fomento que se crea para garantir a fiabilidade e interoperatividade dos datos xeográficos oficiais.

Nese mesmo capítulo, o art. 20 está adicado ás “delimitacións territoriais”, e entre elas alude ás “líñas límite dos termos municipais”, regulando os dous artigos seguintes a organización da información e o procedemento de inscrición das devanditas delimitacións territoriais.

Os límites municipais son competencia do Instituto Geográfico Nacional, organismo que interveu e custodia as antigas actas de deslinde e os cadernos topográficos. Conforme á normativa, no que atinxe á delimitación municipal dependente do IGN “el RCC organizará la información sobre Delimitaciones Territoriales mediante un sistema informático que contenga una Hoja Registral, individual para cada línea límite jurisdiccional. La cartografía oficial incluirá, exclusivamente, las Delimitaciones Territoriales inscritas en el RCC, o en el registro autonómico correspondiente si está conectado con aquél”.

Imaxe da zona onde conflúen os termos municipais de A Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, e as respectivas demarcacións parroquiais de Gaxate e Verducido, Forzáns e Fornelos, procedente da web do Plan Básico Autonómico (PBA), no que constan os límites municipais segundo a súa delimitación oficial do RCC-IGN, que resaltamos na cor vermella, e no que pódese ver tamén o parcelario catastral vixente coa súa deficiente delimitación municipal (++--++ na cor azul), con diferenzas moi groseiras de decenas de hectáreas ©

Os aspectos comentados que atinxen ao organismo catastral: a tramitación de expedientes que se prolongan durante anos e a representación dos límites municipais dun xeito claramente anómalo (que se resolvería nun clic descargando do servidor web do IGN as liñas en coordenadas xeográficas para unha sinxela inserción), evidencian certa desidia e inoperancia. En consecuencia, calquera titular deberá botar man de altas doses de paciencia e incerteza se pretende corrixir o que está mal. Nese contexto, a recente convocatoria das axudas á boa gobernanza das comunidades veciñais en man común prioriza a errónea delimitación catastral xa que calquera alternativa diferente non ten visos de prosperar: nin hai solución nin hai subvención. En definitiva, promóvese o erro fronte á excelencia.

Comezamos esta introdución histórica e normativa citando o nome dun francés que estudou a realidade dos montes veciñais e a sociedade agraria galega hai corenta anos, e remataremos invocando o nome dunha estadounidense, Elinor Ostrom, Premio Nóbel de Economía no ano 2009, con importantes estudos sobre o interese económico das propiedades colectivas das agrupacións veciñais na sociedade actual.

---o---

 

 

A CONVOCATORIA DAS AXUDAS Á BOA GOBERNANZA

A Consellería do Medio Rural sacou recentemente a Orde do 31 de decembro do 2021 coas bases reguladoras e convocatoria das axudas destinadas ao impulso da boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común, publicada no DOG nº 26 do 9-febreiro-2021.

As axudas están financiadas na súa maior parte, nun 75 %, polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e o resto a cargo da Xunta de Galicia nun 17,5 % e a Administración do Estado no 7,5 % restante; sendo de concorrencia competitiva e estando rexidas polos principios da publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación (art. 14.7).

No preámbulo normativo detalla unha serie de datos estatísticos que convén salientar. Así, “a distribución dos montes veciñais en man común non é homoxénea nas catro provincias galegas: o 39,2 % destes montes sitúanse en Ourense, un 30 % en Lugo, o 21,7 % en Pontevedra e só o 9,1 % na Coruña”. O encadre xeográfico e certeiro e ilustrativo xa que a maior extensión dos montes dáse nas dúas provincias menos atlánticas que acumulan unha extensión do 70 % do total dos montes veciñais, onde máis perviven as prácticas do pastoreo extensivo (6), sendo estas dúas provincias do interior as que teñen maior presenza de alta montaña e as que encabezan o triste listado da preocupante recesión demográfica galega.

O texto remata o seu preámbulo admitindo que “de forma xeneralizada, existen problemas na delimitación destes montes veciñais en man común”, para a continuación expoñer os catro tipos de actuacións aos que van dirixidas as axudas:

a) actuación 1: Servizo de apoio técnico para a xestión forestal

b) actuación 2: Revisión de esbozos das carpetas-ficha en CMVMC

c) actuación 3: Deslindamentos parciais entre CMVMC

d) actuación 4: Deslindamentos parciais entre a CMVMC e propiedades particulares.

A continuación o texto articulado alude ao ámbito de aplicación, que loxicamente non é outro que “todo o territorio clasificado como monte veciñal en man común”, e sinala como beneficiarias ás “Comunidades de Montes Veciñais en Man Común ... legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas”, aclarando que a axuda será do 100 % limitada por beneficiaria a un máximo de 25.000 €, con certas limitacións no que atinxe á actuación 1 (servizo de apoio técnico), no caso da posible inscrición da Comunidade Veciñal de Montes en Man Común no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), “no caso de que a entidade beneficiaria se dedique á produción primaria de produtos agrícolas”.

De seguido, o texto da convocatoria refírese de modo especifico as condicións técnicas, que desagrega en cinco puntos, o primeiro dos cales trata sobre a actuación 1 definida no inicio do articulado.

1. O servizo de apoio técnico consistirá na contratación do dito servizo técnico, de carácter forestal, con persoas físicas que sexan técnico competente en materia forestal ... ou xurídicas inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), co fin de subministrar á CMVMC o necesario soporte técnico para o impulso da súa boa gobernanza.

Nese mesmo punto define as “actuacións propias deste servizo”, que comeza coa “xestión administrativa”, das que logo nos ocupamos.

Partimos da base de que a administración pode fomentar a contratación do colectivo que estime por conveniente, gardando certas formalidades e principios, e por exemplo subvencionar a contratación por cada comunidade de montes dun voluntario do esforzado gremio de bombeiros, cunha evidente utilidade na actual política forestal na que os medios de extinción lévanse unha parte importante dos orzamentos xa non digo da dirección xeral de montes senón do conxunto da consellería do medio rural.

Sen embargo, hai unha certa discriminación na axuda da actuación 1 que alude á contratación dun “técnico competente en materia forestal”, e non tanto porque exclúe a outros colectivos profesionais igualmente competentes na súa materia (por exemplo nos outros puntos subvencionados sobre delimitación territorial e deslindes), senón que prima a unhas comunidades veciñais fronte a outras que poden requirir mellor outro perfil técnico ou profesional para cubrir as súas necesidades (7).

En efecto, a discriminación é evidente no caso das comunidades veciñais que teñen a súa base de produción na gandería e que consideren máis oportuno cubrir a asistencia técnica cun enxeñeiro técnico agrícola, igualmente competente ademais no que atinxe ás cuestións de delimitación territorial e deslindamento (8).

Nese senso, poderíase argumentar a preferencia na contratación dun técnico forestal porque é o perfil que a priori mellor se pode adaptar ás necesidades xenéricas detalladas no texto da convocatoria de axuda: b) xestión específica do desenvolvemento do instrumento de ordenación ou xestión forestal, c) procedementos relacionados coa certificación forestal do monte (madeira); pero non podemos compartir a exclusiva competencia noutros aspectos que chegado o caso poden esixir unha ocupación maior: a) Xestións administrativas relacionadas cos órganos e deberes establecidos na normativa específica que pode afectar a propiedade, en particular aquelas cuestións relacionadas coa constitución e renovación de xuntas reitoras, censo de comuneiros, libro de contas,... d) Seguimento das actuacións relacionadas no monte, tales como obtención de permisos administrativos, redacción de proxectos, memorias ou informes, tramitación de axudas públicas ou dirección de obra. As tarefas do punto a normalmente as fai a comunidade veciñal cos seus propios medios ou llas encarga a unha asesoría administrativa externa (quedando discriminadas en ámbolos dous casos), e en relación co punto d, dependendo das necesidades da comunidade veciñal interesada e a orientación produtiva da súa xestión, pode requirir diferentes “servizos de apoio técnico”, sendo igualmente competente por exemplo un técnico agrícola no seguimento, redacción de proxectos, memorias ou informes, dirección de obra, etc.

En resumo, as axudas resultan ser claramente discriminatorias no caso de comunidades veciñais dedicadas á explotación gandeira, como son aquelas inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), que poden ter cuberto o seu asesoramento técnico dun xeito satisfactorio cun profesional que non sexa do gremio forestal.

---o---

A liña de axudas para a boa gobernanza das comunidades veciñais de montes en man común establece unha orde de prioridade en función dos “méritos” polos que se ordenarán as solicitudes presentadas, atendendo a unha puntuación segundo a cal aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

A distribución e contía dos puntos merece unha reflexión xa que certamente prima aspectos meritorios pero cun nesgo novamente discriminatorio dunhas comunidades veciñais fronte a outras.

En efecto, sendo a puntuación máxima de 65 puntos, o texto sinala algúns méritos xenéricos puntuables, como o grao de reinvestimento no último exercicio fiscal, ou o número de comuneiros (como se fose un desmérito a pequena comunidade veciñal, tan abondosa e necesitada de axuda), contemplando outros méritos de índole “forestal” que inclinan o balance nese senso, relegando as opcións de comunidades veciñais que teñen orientada a súa produción á gandería, sen opcións meritorias na súa gobernanza. Por exemplo: monte con certificación forestal (20 puntos), zonas de alto risco de incendio forestal (10 puntos), zonas afectadas polo nemátodo do piñeiro (40 puntos), etc.

Evidentemente, ninguén cun mínimo sentido común (comunal comparte a súa raíz etimolóxica) se oporía a premiar tales accións e boas prácticas, moi meritorias, pero non parece que a vía sexa incluílas nesta liña de axudas á boa gobernanza, senón en liñas específicas que xa existen (9) e poden ser insuficientes.

---o---

Debemos realizar tamén algunhas reflexións sobre o artigo seguinte adicado ás solicitudes e a súa tramitación. Ademais de facer constar o tipo de actuación (1 a 4) e os datos da entidade solicitante, é necesario presentar “tres ofertas de diferentes provedores en que debe constar o número do Resfor” entre outros requisitos.

Ao respecto da obriga de ter que presentar tres ofertas por cada solicitude, non se pode entender a súa necesidade por varias razóns. En primeiro lugar non engaden garantía algunha cando o propio texto indica que as partidas presupostadas teñen que ser sobre prezos de mercado (10), e cando os prezos da axuda están taxados segundo constan no Cadro de importes máximos subvencionables (ANEXO IV), onde se enumera cada actuación cos conceptos e custes que se detallan no anexo: Xestión administrativa e obrigas legais, Organización Asemblea Xeral, Renovación xunta rectora, Actualización censo comuneiros, Actualización libro de contas, etc. (todos eles taxados en función do número de comuneiros e superficie dos seus montes).

Sendo incomprensible a obriga de presentar tres ofertas estando os prezos xa taxados (máis difícil de entender se a comunidade veciñal está plenamente satisfeita coa asistencia técnica ou administrativa que lle prestan na actualidade), o certo é que dita obriga propicia a concertación empresarial favorecendo aquelas empresas consultoras máis potentes e xeneralistas implantadas en zonas xeográficas nas que a demanda é maior, en prexuízo das comunidades veciñais máis illadas cun trato máis intenso cos reducidos medios locais.

---o---

O asunto lévanos a outra cuestión de interese como é o requisito reiteradamente exposto en tres artigos diferentes do texto: “As actuacións subvencionadas deberán ser realizadas por persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (RESFOR)”; esixencia que resulta non só discriminatoria para algunhas comunidades veciñais, senón tamén para as empresas e asistencias técnicas. Vaiamos con esta cuestión.

O Rexistro de Empresas do Sector Forestal (RESFOR) foi creado coa vixente lei de montes de Galicia, concibido pola administración como unha ferramenta para facilitar o contacto entre particulares e empresas –segundo a propia administración–, “no que se inscribirán as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto das que realizan traballos forestais nos montes galegos como das industrias forestais con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta papel, biomasa forestal, pallets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais” (art. 102 da lei 7/2012). O artigo seguinte da mesma lei refírese á estatística forestal galega e introduce algún aspecto interesante que curiosamente non está explicitado na detallada relación do artigo anterior sobre o rexistro de empresas RESFOR, aludindo neste caso “as gandarías que sexan titulares de aproveitamentos de terreos forestais”, que se completa noutro apartado do mesmo artigo do xeito seguinte: “Independentemente da súa natureza forestal, os terreos forestais que sexan obxecto de cambio de actividade, tal como se recolle no artigo 60 desta lei, ou cuxo aproveitamento principal sexa de pastos ou aqueles terreos dedicados á produción de froitos para a alimentación humana ou gandeira poderán figurar, para efectos estatísticos e de elixibilidade en materia de axudas relativas ao desenvolvemento rural, como superficie agraria útil”.

Así pois, o articulado da vixente lei de montes contempla, como non podía ser doutro xeito –ao marxe da cuestión semántica e do léxico–, unha realidade evidente como é a dedicación do espazo que se di “forestal” ao aproveitamento gandeiro nas súas múltiples facianas (sexa con gandería extensiva sen roturar ou cun mínimo laboreo, ou con técnicas máis intensivas con estabulacións tamén moi variables), computable como superficie agraria útil. A obviedade é aínda maior no caso das comunidades veciñais de montes en man común.

Nese senso, recoñecendo a utilidade do RESFOR como directorio de empresas forestais (11) (industria, técnicos, produtos, etc), non se entende a reiterada esixencia que se fai na convocatoria de axudas á boa gobernanza das comunidades veciñais de montes en man común do requisito obrigatorio de rexistrarse no RESFOR. Son moitas as empresas do sector agroforestal que lle dan asistencia técnica ou administrativa ás comunidades veciñais de montes en man común e non se poden cualificar como empresas forestais.

Convén aclarar que no citado directorio de consulta están rexistradas en maior medida as industrias de produtos da madeira (moitos serradoiros de tamaño medio que non teñen cadro técnico), pero tamén se atopan –por exemplo– bufetes de avogados, xa que a inscrición non impón límites a priori. En calquera caso, parece pouco serio ademais de discriminatorio establecer dito requisito como imprescindible para concorrer ás axudas.

Abondando no asunto, resulta oportuno analizar a norma específica de regulamento do RESFOR que nos remite ao decreto 50/2014 sobre determinados aproveitamentos e, de paso, regula o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (DOG nº 86 do 7-maio-2014).

O capítulo V ocúpase dos “aproveitamentos de pastos” que, por se alguén tiña algunha dúbida, aclara no primeiro artigo: “o aproveitamento de pastos polo gando en montes e terreos forestais é un aproveitamento forestal” (art. 37), remitíndose á lei 7/2012 onde se define o “aproveitamento forestal” (onde remitimos ao paciente lector, que atopará tamén o “concepto de monte ou terreo forestal”). Nese mesmo artigo 37 formúlase unha dicotomía entre os dous “aproveitamentos forestais” que resolve a favor do arboredo, como se o outro, o gandeiro, fose en certo modo alleo ao potencial produtivo do monte que identifica co aproveitamento forestal por excelencia, o do arboredo. Así: “o aproveitamento de pastos realizarase de xeito compatible e respectuoso coa conservación do potencial produtivo do monte e coas actuacións de rexeneración do arboredo”. Dito así, efectivamente parece antepoñer un ao outro aludindo a unha conservación que resulta sorprendente dada a proliferación de arboredo de especies de crecemento rápido en zonas de elevada pendente no monte galego, fronte a outras xeografías onde o natural equilibrio resolve esa enganosa dicotomía cunha silvicultura moderna en función da capacidade produtiva do solo e outros factores que inciden na ordenación dos recursos ambientais. Obviamente, a tarefa debe recaer en equipos multidisciplinares cunha vontade integradora e non excluínte, integrados por diversos colectivos profesionais: biólogos, veterinarios, enxeñeiros do sector agroforestal, etc.

Nese senso, no artigo seguinte adicado ao que denomina como Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, atopamos unha das poucas mencións na lexislación “forestal” galega ao termo agroforestal. En efecto, a solicitude de inscrición dos terreos no rexistro deberá cumprir o seguinte requisito: “Cando se trate dunha autorización de aproveitamento de pastos nun monte ou terreo forestal, será necesaria a súa regulación mediante a presentación dun plan de aproveitamento silvopastorial, redactado por un técnico competente en materia agroforestal”.(art. 38.3.d).

Para finalizar, o Capítulo VII da mesma norma lévanos ao xa citado Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor), regulando na súa sección inicial o contido, organización e funcionamento dese rexistro.

O primeiro artigo define, por se alguén tiña algunha dúbida, o que son as empresas do sector forestal de Galicia: “Enténdese por empresas do sector forestal de Galicia aquelas cooperativas, empresas e industrias forestais que desenvolvan algunha das actividades que figuran no anexo XII. No caso de determinadas actividades sinaladas no citado anexo, aplicaráselles o disposto no presente decreto só cando operen con recursos ou produtos forestais especificados no anexo XIII”.

Á vista da enigmática redacción da segunda parte do enunciado e dos anexos invocados, aqueles pacientes lectores que tiñan claro o que é unha empresa do sector forestal –de entrada parece sinxelo– abofé que poderían rematar con serias dúbidas ao respecto.

O citado ANEXO XII, que contén a Lista de actividades económicas para os efectos establecidos no artigo 48, parte dun enigma xa que iníciase a lista con “Outros cultivos perennes”, sendo dobremente confusa tanto polo antecedente que non queda consignado como polo feito de aludir a cultivos perennes nos que entran moitos dos cultivos agrícolas: froiteiras (maceiras, pereiras, oliveiras ...), viñedos, etc. A esperanza de clarificar o asunto na segunda liña coa seguinte actividade económica da lista para as empresas que poden aspirar a asistencia técnica nas axudas para a boa gobernanza das comunidades veciñais de montes en man común, lévanos a outro fracaso: “Explotación doutro gando bovino e búfalos”. Ademais de manter o enigma, neste caso a actividade económica resulta moi pintoresca.

A lista de referencia contén outras actividades económicas do sector forestal que quedan incluídas do requisito do rexistro RESFOR: Fabricación de mobles de cociña, Fabricación de papeis pintados, ...

O ANEXO XIII da lista de produtos forestais aos que se alude tamén resulta pintoresca: Árbores de nadal cortados, Xatos vivos de bovinos e búfalos, ... e incluso poderían intervir os fabricantes de “Goma laca, bálsamos e outras gomas e resinas naturais”.

Velaí o único requisito técnico esixido ás empresas que optan á convocatoria de axudas para a boa gobernanza das comunidades veciñais de montes veciñais en man común, a súa inscrición no citado Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

COROLARIO

A convocatoria de axudas á boa gobernanza das comunidades veciñais de montes en man común é claramente discriminatoria para aquelas comunidades veciñais de base gandeira, que son as que curiosamente mellor responden ás razóns históricas de seu, aínda máis discriminadas se por riba teñen unha reducida poboación. Así pois, a convocatoria resulta errada na súa xenérica definición.

A quebra do relevo familiar no sector agrogandeiro –particularmente na gandería extensiva, tan vencellada ao monte e tan importante neste país–, evidencia o fracaso da súa capacitación e anuncia o fracaso das novas políticas contra a recesión demográfica no medio rural.

Nese contexto de brutal desequilibrio territorial no que cada ano aumenta sen respiro a triste estatística de aldeas abandonadas fronte á saturación do litoral, as comunidades veciñais de montes en man común constitúen un dos expoñentes máis salientables do panorama actual, tanto aquelas na periferia dos núcleos urbanos como principalmente aquelas outras do interior –o resto, case todo–, de tal xeito que transcenden a súa propia singularidade como propiedade colectiva, sen opcións nin tempo para políticas retóricas. Calquera iniciativa política para reverter a recesión demográfica deberá ir vencellada ao sector primario, o agroforestal.

 

ANEXO ILUSTRATIVO

Vídeo gravación da mesa redonda celebrada o 29-setembro-2017 no contexto das xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega, coa intervención de tres representantes das Xuntas Reitoras de Comunidades Veciñais de Montes en Man Común de diferentes zonas xeográficas: unha da Terra Cha no interior de Lugo, outra do Baixo Miño ao sur de Pontevedra e a terceira da franxa costeira norte na provincia de A Coruña, que amosan moi diversas xestións e problemáticas. (URL: https://youtu.be/zWtiD8cBERI).

As xornadas tiveron por título “Traxectoria dos montes comunais galegos: a súa consideración como recurso produtivo, ambiental, paisaxístico e de calquera outro tipo”, que contaron coa participación de múltiples investigadores e profesionais (historiadores, arquitectos-paisaxistas, enxeñeiros de montes e agrónomos, representantes da administración e das asociacións de comunidades, etc.).

As totalidade das intervencións pódense ollar na web do Consello da Cultura Galega: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200591
 

ACLARACIÓN FINAL

Convén advertir, ao respecto destas reflexións –que non son outra cousa que apuntamentos para o debate–, que non teño propensión algunha a defender a competencia do colectivo profesional no que me integro como enxeñeiro técnico agrícola. Trátase do contrario. Non é unha cuestión de competencia, senón de incompetencia. Así, co permiso do ínclito escritor a quen lle tomei prestada a cabeceira, este artigo ben podería titularse ¡¡contra a incompetencia!!

En efecto, trátase de non persistir nos erros. Non hai máis tempo. Como dato, ao respecto da cuestión básica sobre a delimitación dos montes veciñais, xa pasaron vintecinco anos dun artigo meu que publicara a dirección xeral de montes a colación das comunicacións remitidas a un congreso de montes veciñais, tamén publicada pola deputación provincial (https://atopo.depo.gal/Record/bib.18), baixo o título “Os montes veciñais, unha realidade complexa”, que contiña algunhas consideracións ao respecto do encadre histórico-pericial dos montes veciñais e os problemas derivados dunha deficiente tramitación dos expedientes clasificatorios, que padecen acotío os colectivos veciñais; modestas consideracións que penosamente manteñen a súa vixencia sobre erros que se repiten.

 

NOTAS

1 Como curiosidade e exemplo da miopía do aparato administrativo da época, que ven a colación no que atinxe á cuestión da delimitación dos montes veciñais –aínda hoxe sen resolver cun mínimo rigor–, resulta ilustrativo o documento inédito custodiado no arquivo histórico de Pontevedra, sobre a Propuesta de Revisión del Catálogo no ano 1949, que definía como “enmarañado jeroglífico” a súa catalogación naquel período de caracterización pública, argumentando o seguinte: “Es de todos conocido el estado caótico con que en esta provincia se presenta asunto tan importante para la Administración Forestal, como es el estado posesorio de los montes que tiene a su cargo ... ni uno solo se halla deslindado ni amojonado”.

A triste realidade queda exposta a continuación: “alrededor de 1.500 expedientes de denuncia hemos despachado durante el último año en esta provincia”, lamentando que “es punto menos que imposible querer mantener los derechos de propiedad (pública) con alguna firmeza, ni dar la autoridad necesaria en esta materia al servicio de guardería y a los Ayuntamientos propietarios de los montes,... por los constantes atentados, ocupaciones ilegales, hurtos de árboles, incursiones de ganados, etc.”, e apuntando “la innegable realidad de que existe un problema rural acuciante en esta región en el que se conjuga la miseria de sus labradores ávidos de suelo para cultivar, con la ruindad de los pastos para sus ganados...”.

2 Unha novidade interesante é a posibilidade de adquisición de terras polas Comunidades Veciñais de Montes en Man Común (expresamente regulada no art. 57 da lei), por compra de calquera tipo de terreos ou retrato sobre predios estremeiros, sometidos a unha serie de requisitos e a preceptiva autorización administrativa, os cales pasarán a considerarse monte veciñal –con plenos efectos xurídicos– unha vez formalizada a adquisición.

3 Convén aclarar que o palabro (non existe no dicionario) refírese aos que practican o “forestalismo”, e este palabro (que tampouco existe no dicionario) non e meu senón dun escritor, Méndez Ferrín, que o puña na cabeceira do seu artigo “Contra o Forestalismo”, publicado no Faro de Vigo do 29-septiembre-2018, testeira que lle tomo prestada agora porque non hai outra máis atinada e comprometida. Así pois, coincido con algúns, penso, ao sinalar eu que a historia do forestalismo en Galicia ten páxinas abominables de prepotencia, persecución e expulsión dos máis desfavorecidos, mudando para sempre a faciana da nosa paisaxe e da precaria economía rural. Aínda hoxe están ben presentes as súas consecuencias, actuando as veces con reminiscencias daqueles tempos.

Non si, o sector forestal na actualidade constitúe un sector estratéxico nas súas múltiples variantes ambientais e produtivas (madeira, biomasa, etc.), na procura dun necesario equilibrio co medio natural e agrario; que se enriquece cos novos centros universitarios máis preto do rural e coa achega doutros colectivos profesionais (biólogos, ambientalistas, etc.). A súa benéfica contribución nestes tempos de cambio estará condicionada tanto pola formación de bos profesionais forestais como polo rexeitamento dos forestalistas.

4 Xa nin se fala da entidade xurídica da parroquia nin tampouco dunha verdadeira comarca-lización, figuras retóricas da normativa autonómica que se impoñen na nosa realidade cotiá, cando hai poucos días foi aprobada a lei 5/2021 de impulso demográfico de Galicia para tentar poñer freo ao problema da recesión demográfica e o desequilibrio territorial.

O caso é que hai case douscentos anos, no 1836, foron quén de darlle volta e media ao territorio coa “nova planta municipal”, abolindo os señoríos e mantendo a realidade histórica das demarcacións parroquiais. E poucos anos despois, no 1868, tramitouse un intento de “redución de ayuntamientos” (segundo a documentación custodiada no arquivo da Deputación de Pontevedra, secc. “división territorial”); nun tempo no que ir de Vigo á Cañiza levaría polo menos tres días a cabalo. Hoxe en día ese mesmo traxecto faise en media hora, e segui-mos atravesando os mesmos concellos. Por exemplo, pasaremos por Sanguiñeda, parroquia do termo municipal de Mos nas portas do casco urbano do municipio limítrofe de O Porriño.

5 En efecto, “presunción de veracidad de los datos catastrales”, din eles botando man da normativa. O asunto de fondo debémolo encadrar na singularidade da distribución parcelaria galega, cunha dificultade obvia derivada do alto grao de parcelación, e na reforma lexislativa acometida hai uns anos cunhas atribucións xurídicas que non se corresponden coa deficiente calidade da cartografía catastral, o que non se resolve unicamente cos medios telemáticos. Nunca a dirección xeral do catastro, dependente do Ministerio de Hacienda, tivo uns medios tecnolóxicos tan potentes como agora con internet, os formatos dixitais e os sistemas de posicionamento xeográfico. Se levantara a súa testa o voluntarioso marqués de La Ensenada, promotor do fracasado catastro primixenio de hai tres séculos, estou seguro que algún consello útil lles ía dar daqueles tempos nos que os esforzados peritos chegaban a cabalo ás aldeas máis recónditas.

O catastro do rural galego sempre foi unha teima complexa, pero –coas súas eivas– era moito mellor o de mediados do século pasado, feito sobre o voo fotogramétrico “americano”; xa que agora non hai a quen lle preguntar, non hai xente. En menos de dúas décadas será unha ferramenta recorrente pero inútil nos seus efectos fiscais. Será o momento dos “espabilados” –sempre os houbo ao carón dos baldíos– ou da colectivización, a vindeira reforma agraria. Non hai outra.

6 A distribución provincial non é ríxida senón que admite situacións moi diferentes. Así, na provincia de Pontevedra, na contorna onde eu vivo, nunha aldea do rural a poucos quilómetros da capital, existen comunidades veciñais que manteñen o seu monte case exclusivamente co aproveitamento gandeiro.

7 Profesionais como por exemplo os veterinarios, que lle poden resultar máis útiles á comunidade, chegado o caso de ter unha granxa de visóns –ou de bisontes, como veremos–.

8 Foron os peritos agrícolas os que historicamente interviñeron nas cuestións de delimitación territorial que atinxen aos montes veciñais.

9 Son numerosas as axudas para a produción e xestión forestal, entre elas as que se ocupan da Certificación Forestal: declaración escrita (un certificado) que acredita a orixe da madeira sen elaborar e a súa situación e características, segundo a propia administración. Nese contexto, as axudas publicadas na orde do 26-decembro-2019 acaban de saír concedidas no mes pasado, publicadas no DOG do 18-xaneiro-2021, das que se facían eco os medios co titular: “Medio Rural otorga 4,5 millones de euros a 700 beneficarios que pondrán en valor los recursos forestales de los montes gallegos” (Economía Digital Galicia-Mas Madera).

Ao respecto do nemátodo do piñeiro, esta praga forestal focalízase no ámbito galego ao sur da provincia de Pontevedra, e dispón de diversas iniciativas do goberno central e autonómico para a súa contención nesa zona xeográfica –insuficientes en opinión dalgúns expertos–, sendo en calquera caso ineficaz e pouco afortunada a decisión de primar co máximo de puntos ás comunidades desa contorna –que non garante a boa práctica, nin tan sequera iniciativa algunha nese senso–, en prexuízo da boa gobernanza doutras no resto de Galicia (con triplo discriminación se ademais son pequenas e basicamente gandeiras).

10 Art. 4.2: O importe da axuda calcularase sobre o custo real do investimento determinado na correspondente memoria e tendo en conta o anexo IV en que figura o cadro de importes máximos subvencionables por cada actuación obxecto de axuda.

11 Sen ánimo de entrar nun debate semántico inútil, resulta ilustrativo observar que a lei galega vixente ofrécenos nos seus primeiros artigos algunhas definicións, por exemplo sobre o “concepto de monte ou terreo forestal” (art. 2) que amplía no artigo 8 adicado á terminoloxía e as súas “definicións”, onte consta entre outras a de “forestal: todo aquilo relativo aos montes”, moi en sintonía con resto do vocabulario; namentres que a Real Academia Galega define como “forestal: relativo ou pertencente ao bosque, con dous exemplos do seu emprego que resultan moi apropiados: A riqueza forestal de Galicia. Incendio Forestal.

No contexto ao que nos referimos das comunidades veciñais de montes en man común e a súa boa gobernanza, o asunto non admite controversia, e o debate resulta claramente inútil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.