Dende o 2011 veñen coincidindo, no mesmo ano, a celebración das eleccións locais -e aos Parlamentos dalgunhas Comunidades Autónomas- e dos comicios xerais. Esta circunstancia ten provocado unha tendencia á conversión das eleccións locais e autonómicas nunhas primarias das xerais
Dende o 2011 veñen coincidindo, no mesmo ano, a celebración das eleccións locais -e aos Parlamentos dalgunhas Comunidades Autónomas- e dos comicios xerais. Esta circunstancia -alterada parcialmente no 2019, cando a cita coas urnas ás Cortes do Estado foi anterior á convocatoria municipal aínda que a posterior repetición no outono dese ano ratificou a tradicional precedencia- ten provocado unha tendencia á conversión das eleccións locais e autonómicas nunhas primarias das xerais.
No caso do PP, o guión deseñado non admite dúbidas: o 28-M debe ser o primeiro test relevante no camiño que leve á derrota electoral do "sanchismo" ao remate deste ano. Para viabilizar semellante estratexia manexaba, hai uns meses, a hipótese de que a existencia dun cadro económico moi pouco favorábel ao goberno estatal facilitaría o apoio á tradicional mensaxe de que só o partido de Feijoo é capaz de xestionar adecuadamente a saída das situacións de crise. A ausencia dese marco apocalíptico previsto, provocou a viraxe cara unha temática ben coñecida: tratar de manter a pervivencia de ETA na vida política do Estado español a pesar do prolongado tempo transcorrido dende a súa desaparición.
O PSOE está utilizando unha táctica diferente para alimentar a dimensión estatal destes comicios. Cada poucos días, Pedro Sánchez anuncia medidas que amplían determinadas prestacións públicas a distintos segmentos do corpo electoral, sobre todo a aqueles que podan sentir unha menor motivación para acudir ás urnas.
A experiencia das últimas décadas ten demostrado que o comportamento dos votantes nas autonómicas e nas locais segue unhas lóxicas singulares que explican as diferenzas nos resultados comparativos entre unhas citas e outras
A experiencia das últimas décadas ten demostrado que o comportamento dos votantes nas autonómicas e nas locais segue unhas lóxicas singulares que explican as diferenzas nos resultados comparativos entre unhas citas e outras. Os factores específicos que operan son diversos. Por exemplo: a importancia de servizos públicos como o ensino e a sanidade (competencia das CC.AA.) na conformación dunha oferta programática aos cidadáns de cada territorio. Ou tamén: a parálise que ven sufrindo dende hai anos o sistema de financiamento autonómico (pendente de negociación e acordo entre os gobernos das distintas Administracións) e a conseguinte insuficiencia de recursos para atender a prestación dun modelo de benestar público acaido ás necesidades dos distintos tecidos sociais.
No ámbito municipal tamén existe un abano de cuestións susceptíbeis dun debate de interese para a cidadanía. Se pensamos no territorio galego cabería sinalar o vello asunto das deputacións: repensar a súa existencia e/ou establecer procesos de reforma gradual no seu funcionamento. Concomitante con esta temática, atopase todo o relativo ás fórmulas de colaboración entre concellos para acadar unha maior racionalidade na prestación das competencias asumidas (legal ou facticamente) por estas entidades. Porén, a axenda dominante no debate municipal previo ao 28-M estivo protagonizada polo balance da xestión das equipas gobernantes e pola credibilidade das persoas que se postulan para dirixir os concellos nos vindeiros 4 anos. Neste sentido, convén non esquecer que os actores principais que compiten nesta batalla electoral (PPdG, PSdG, BNG e algunhas Mareas locais) tiveron distintas responsabilidades de goberno nas dúas últimas lexislaturas. A carencia de novas ofertas con potencial capacidade para medrar no escenario político será un elemento que, sen dúbida, influirá na toma de decisións dos votantes aínda que non coñezamos, con precisión, o alcance práctico deste condicionante.
Non cabe descartar que, na noite electoral, todos os protagonistas se consideren gañadores. É ben sabido que para os expertos en marketing electoral, esa noite é a primeira etapa da carreira cara a cita do ano 2027
Cando se saiban os resultados das urnas, os dirixentes das formacións políticas realizarán as súas avaliacións manexando -segundo lles conveña- dous posíbeis parámetros: a comparación coas cifras obtidas na primavera de 2019 ou establecendo un contraste coas expectativas xeradas previamente (baseadas nos inquéritos publicitados e/ou nos prognósticos realizados polos propios dirixentes). Non cabe descartar que, na noite electoral, todos os protagonistas se consideren gañadores. É ben sabido que para os expertos en marketing electoral, esa noite é a primeira etapa da carreira cara a cita do ano 2027.