Convivencia vs. seguridade escolar

Xa sei que leva varios anos en funcionamento. Trátase da Comisión de Seguimento do Plan Director de Convivencia e Seguridade Escolar que preside o Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez. En realidade ten un nome máis alongado, Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos. Din que participaron moitos colexios e institutos no curso pasado. Nada menos que 678 e algo máis de 80.000 alumnos e alumnas e case que 5.000 pais, nais e titores. Entre as actividades máis demandadas estiveron as charlas de prevención do acoso en Internet e nas redes sociais (ciberacoso), fomento da convivencia escolar, bandas xuvenís, prevención da violencia en xeral. Por suposto non esquezo a vixilancia e seguridade nos arredores dos colexios e institutos, a actividade máis propia da policía nacional e a garda civil.

Porén, debo recoñecer que cando vin estas imaxes publicadas en varios medios de comunicación, logo da roda de prensa de presentación do Plan para o curso académico que comeza, doume un arrepío. Comparto que os corpos e forzas de seguridade do estado fagan labores de vixianza nos arredores dos centros escolares para garantir a protección dos cativos e cativas, a delincuencia ou o tráfico ou venda de substancias prohibidas. Sen dúbida é un dos seus cometidos. Vaia polo tanto o meu recoñecemento e gratitude.

Non sei a que vén poñer en relación estas medidas de protección coa convivencia escolar. Sinceramente, non o entendo. A educación nos colexios e nos institutos é responsabilidade principal do profesorado

Agora ben. Non sei a que vén poñer en relación estas medidas de protección coa convivencia escolar. Sinceramente, non o entendo. A educación nos colexios e nos institutos é responsabilidade principal do profesorado. Tamén nos asuntos relacionados coa convivencia e a súa mellora. Polo mesmo, a prevención das violencias, do acoso ou ciberacoso, a conflitividade é unha competencia interna de cada centro educativo, ten que figurar, e figura, no seu plan de centro, no seu proxecto educativo e, nomeadamente, nos Plans de Convivencia.

Por que entón o interese en vincular churras con merinas? A convivencia coa seguridade nos arredores dos centros? O profesorado cos policías e gardas civís? Haberá quen diga: xa están aquí os esquerdistas de sempre e os seus prexuízos contra das forzas policiais. Ou, son cousas dos buenistas que todo o arranxan con pombas e globos...

A dereita política, de maneira especial a galega, tradicional onde a haxa, cando atopa un problema, tende a vincular a súa solución coa policía, o exército ou a garda civil

A dereita política, de maneira especial a galega, tradicional onde a haxa, cando atopa un problema, tende a vincular a súa solución coa policía, o exército ou a garda civil. Non é broma. Basta lembrar a cantareira deste verán, os lumes son cousa dos incendiarios. Ben, e a partir de aquí, hai algo máis? Algo para prevelos? Responsabilidades políticas? Como dicía recentemente o deputado de AGE, Antón Sánchez, é como si repetiramos ata a saciedade que a delincuencia é responsabilidade dos delincuentes. Ben, e que máis?

Xesús Vázquez é un experto en leis, sentenzas, mellor dito, en pasalas polo forro, e en declinar responsabilidades, pasándollas sempre a outros

O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, probablemente o máis activo demoledor da educación pública en Galicia, da súa lingua e cultura, desde logo o peor da historia da autonomía galega, é un experto en leis, sentenzas, mellor dito, en pasalas polo forro, e en declinar responsabilidades, pasándollas sempre a outros. E en temas de convivencia escolar un auténtico inútil. Tan pronto chegou ó goberno da Xunta de Galicia, ignorou e ocultou todo o que nesta materia tiñamos avanzado, fundamentalmente, o Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar, asinado por máis de 40 entidades representativas da comunidade educativa, ou os Plans de Convivencia de Centro e o Observatorio Galego da Convivencia Escolar. No seu lugar, aprobou unha lei de autoridade, sen acordo algún, sen escoitar a ninguén, e meteu pola porta gateira, especialidade de Abad, a famosa enquisa ós pais e nais sobre o galego, recorrida e sentenciada como ilegal. Logo preparou un Protocolo, como nel ben sendo habitual, sen falar con ninguén, sen apoio de ninguén, sen escoitar a ninguén, para detectar e actuar, en 12 días!!! diante dun caso manifesto de acoso escolar e trasladando toda a responsabilidade ós centros.

E no tema que nos ocupa, a convivencia escolar, parece que si, que a Xesús Vázquez Abad, a música militar, si que o sabe levantar, a mala reputación de Paco Ibáñez, adaptación do poema magnífico de Georges Brassens. Por iso non sorprende o Plan Director da Comisión de Seguimento presidida por Samuel Juárez, uniformes, policías, gardas civís, non só para coidar a seguridade fora dos colexios e dos institutos. Tamén dentro. Charlas uniformadas para falarlles ó alumnado de violencia, convivencia, acoso ou ciberacoso. Acaso non existen en Galicia entidades suficientes na sociedade civil para abordar estes asuntos nos colexios e institutos? Non resulta moito máis axeitado que o tratamento destas realidades as aborde profesorado especializado? Non temos no mundo académico e universitario persoas expertas nestas materias?

Non resulta moito máis axeitado que o tratamento destas realidades as aborde profesorado especializado? Non temos no mundo académico e universitario persoas expertas nestas materias?

A que vén, entón, este despregue de efectivos dos corpos e forzas de seguridade do estado por colexios e institutos?. Acaso non teñen mellores ocupacións que facer? Canto nos custa?

Por moi satisfeitos que estean na Comisión de Seguimento do Plan Director para la Convivencia y Mejora de la Seguridad en Centros Educativos y sus entornos, deberan limitarse a iso, ós arredores e á contorna dos centros educativos. Do de dentro, por favor, deixádenolo ós profesionais do ensino. Moitas grazas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.