A pandemia do coroavirus ademais de provocar un grande número de mortes tamén tirou por terra os dogmas neoliberais que defenden o axuste fiscal, a privatización de activos públicos, a desregulación laboral e a ortodoxia monetaria como claves para o crecemento económico, a creación de emprego e o benestar social.
Cando levan transcorridas pouco mais de catro semanas dende que se declarara a pandemia en España, e aproveitando as medidas que puxo en marcha o goberno español para tratar de mitigar os danos provocados nos circuítos de comercialización e distribución, que tamén afectan a produción, un feixe de empresas decretaron o seu ERTE particular nun ritmo intensivo tal que, cando escribo estas liñas, superan os 250.000 os traballadores afectados (20% dos activos) en Galicia.
Tal tsunami social non tería sido posible sen unha lexislación laboral neoliberal, como a favorecida polas reformas laborais de Zapatero e Rajoy, que facilitan enormemente o despido. Unhas reformas laborais que se fundamentaron no argumento, carente de rigor científico, de que si hai desemprego é por que os/as traballadores/as non aceptan o salario que lle ofrecen os empresarios. Si durante a grande recesión se puxo en evidencia que tales reformas non servían para crear emprego senón que posibilitaban tanto que se mantiveran un nivel de desemprego moi elevado canto se precarizara o emprego hasta niveis descoñecidos na democracia. Agora coa pandemia tales reformas evidenciaron a súa eficacia a hora de destruír emprego e abrir a porta a situacións realmente escandalosas: empresas que aplican un ERTE pero que obrigan aos seus operarios a seguir traballando.
Con relación a austeridade fiscal moitas voces, algunhas de grande prestixio, denunciaron repetidamente que “a austeridade mata”. Unha evidencia que agora faise unha realidade dramática coa crise do coroavirus cando uns servizos sanitarios que sufriron enormes recortes (gasto, persoal, medios,instalacións) vense totalmente desbordados e, xa que logo, impotentes para atendela demanda sanitaria. Unha situación que non se transforma nun destrutor tsunami por mor do excepcional comportamento da maioría dos/as traballadores dos respectivos servizos nacionais da saúde.
Dado o impacto que un virus, un simple virus, está provocando a nivel practicamente mundial cabe preguntarse como non foi posible prevela súa aparición para así estar preparados cara combatelo. Hai que dicir con toda claridade que non é verdade que este virus collera de sorpresa a todo o mundo e, xa que logo, a tódolos gobernos. Non é verdade. Por un lado, agora sabemos que un organismo tan relevante como O PENTÁGONO xa avisara, no ano 2017, do perigo dunha nova pandemia e da falta de material sanitario e de equipamentos suficientes para afrontala. Asemade destacados científicos chamaran a atención sobre o mesmo perigo e polas mesmas datas. Sendo así, como non se fixo nada?. Non terá que ver esta ignorancia cos grandes recortes que sufriu a investigación científica? e, por caso, co enorme poder das multinacionais farmacéuticas que turran por que se reduzan a investigación pública para así incrementalas ganancias coa venta de fármacos?.
Diante destas evidencias parece bastante claro que si queremos facer fronte, e con certo éxito, a dobre crise provocada pola pandemia e a recesión económica hai que facelo contrario do que se fixo ata agora. E facelo rápido por que a urxencia do momento así o esixe e o tempo corre en contra.