Confeso que cada vez vexo menos a televisión. Supoño que coma moitos e moitas, o meu consumo audiovisual está xa máis no video baixo demanda, en calquera das súas formas, que no lineal; máis no selecto e na capacidade de selección que no destaxismo groseiro e basto que asolaga a televisión tradicional.
Confeso que cada vez vexo menos a televisión. Dende que comezou a pandemia aínda diminuín máis o meu escaso consumo pola canle tradicional
Dende que comezou a pandemia aínda diminuín máis o meu escaso consumo pola canle tradicional, catro ou cinco minutos dun informativo é suficiente televisión para cada día. Unha verdadeira paleodieta mediática con moi pouca tele e moito doutras canles de información nas que a fiabilidade, a capacidade de decisión e a liberdade activa da escolla sexan primordiais e o entretemento de calidade. Polo que din os estudos de audimetría e demais ferramentas de medición de usos sociais, non son o único. É unha tendencia que dende hai dous ou tras anos medra exponencialmente.
Por que vexo cada vez menos a televisión tradicional? Hai motivos que calquera que me lera con anterioridade, sabe ou deduce: distancia temática, emocional, cultural, cualitativa, ética e social coas cadeas de televisión. Supoño que até aí, coma esa gran parte de público que fuxe delas cara outras opcións. A isto hai que lle engadir, dende hai un ano, a infoxicación. Un termo que ten moitos sinónimos, sobrecarga informativa, infobesidade, sobre exposición informativa ou, o meu preferido, por acaido neste momento e porque me lembra aquela poética dos xogos de palabras que o gran Goscinny metía nos Astérix: infodemia.
A infodemia actual é o exceso de información da pandemia na que vivimos. Certo que é a noticia deste século, de momento, mais están xerando un clima de medo máis que de alerta consciente ou vixilia sobre o tema
A infodemia actual é o exceso de información da pandemia na que vivimos. Ollo, repito e recalco o de exceso. Non digo que non se informe, só dubido se é necesario esta recreación que raia no enfermizo até chegar a estar bébedos de cifras, datos, ingresos, mortos, afectados, previsións, etc. A opinión pública vive dende hai un ano só para un tema, como cantaban as Novidades Carminha «obsesionada, estás obsesionada». Certo que é a noticia deste século, de momento, mais están xerando un clima de medo máis que de alerta consciente ou vixilia sobre o tema. Outro choque entre axendas mediáticas, políticas e axendas privadas.
Hai unhas semanas a televisión pública francófona belga decidía limitar o tempo que adica a novas da COVID á metade, unha boa medida que os medios públicos deberían copiar. Todas sabemos que a distancia entre a información e o morbo é fina, moi fina e os medios públicos deben ser escrupulosamente vixiantes coa espectacularización. Hai que trazar xa unha liña que diferencie os servizos públicos de información das empresas que comercian coa información. A metade do tempo dun informativo actual son entre 15 e 20 minutos, se nese tempo non es quen de contar o importante é mellor que te adiques á ficción. Oh, agarda! As liñas dos xéneros informativos esvaeceron de máis?
Todas sabemos que a distancia entre a información e o morbo é fina, moi fina e os medios públicos deben ser escrupulosamente vixiantes coa espectacularización
Nestes tempos de novas falsas e posverdade os medios públicos deben temperar moito. A misión pública non só implica a transmisión de informacións senón unha responsabilidade social e o exceso de información pode xerar alarma social e tamén, paradoxalmente, desinformación. Asistimos a un proceso no que a prensa tradicional e maioritaria, probablemente desacougada pola crise dos medios, a dixitalización e a globalización, acelera os procesos de espectacularización da información, algo que tamén se denomina cun vocablo que cada vez sona máis: infoentretemento (infotainment). Xa apunto como pista que (na miña opinión) infotainment, politainment e calquera cousa que leve o sufixo tainment ten case todo de entretemento e pouco ou nada de información. Os contos e as chamadas fake news non se propagan coma o lume por casualidade, son o signo dos tempos.
A diferencia principal entre medios públicos e privados non só está na evidente do modelo de financiamento, está na responsabilidade que trae consigo o que se chama servizo público. Ese gran ausente.
Na misión de servizo público están implícitos os dereitos á información veraz e de expresión mais é importante que tamén se asuma coa obriga de información veraz, plural e de interese xeral outra medida, a da mesura, calibrar onde a información perde sentido para ser só alarma, morbo e sensacionalismo. O telecinquismo de toda a vida...
Os medios públicos naceron, entre outras cousas para protexer o dereito á información, para que este dereito non estea sometido aos vaivéns dos mercados nin aos intereses propios de grandes corporacións e accionistas
Aquí, quero preguntarme en voz alta se precisamos o bombardeo continuo e paroxista de imaxes de hospitalizacións, UCIs e de doentes intubados. De gráficas e predicións de mortos, contaxiados e uso de camas. De prazos e tempos que ninguén sabe con certeza. Eu penso que non e non acredito tanto na forza desas imaxes coma información ou método de concienciación social coma de xeradoras de morbo e alarma.
Os medios públicos naceron, entre outras cousas para protexer o dereito á información, para que este dereito non estea sometido aos vaivéns dos mercados nin aos intereses propios de grandes corporacións e accionistas. E dicir, para contrapesar e equilibrar un sector moi importante que é en si mesmo un poder máis. E non pequeno.
O problema (nos medios públicos) non é de agora, ven dos noventa, daquilo que Eco e Casetti diagnosticaron e bautizaron coma neotelevisión da que, para entendérmonos, o epítome son as canles de Berlusconi. O problema ven de que, naquel momento, os mandaríns das canles públicas tiveron que decidir algo moi importante: competir polo mercado publicitario e de audiencias, ou non. Escolleron facelo, daquela perdemos os espectadores e agora, case trinta anos despois, co abandono progresivo das canles polas xeracións novas son eles, as corporacións públicas, as que ven preto o abismo.
Os servizos públicos (de comunicación) teñen que ser rendíbeis social e culturalmente mais non necesariamente economicamente
Nesta nosa realidade postindustrial, na que se apuran os argumentos trampulleiros do neoliberalismo e os ancaps e demais fauna de insolidarios, todo se mide nos termos que convén ao mercantil, ese foi o primeiro erro, deben as canles públicas vivir dacordo á ditadura dos audímetros? Non. Os servizos públicos (de comunicación) teñen que ser rendíbeis social e culturalmente mais non necesariamente economicamente. Teñen que ser servizos públicos, non canles privatizadas –de facto– financiadas por carto público, sobre todo nestes momentos nos que o a res pública está tan na picota e hai unha multiplicación de canles privadas que falan como unha soa voz, a do capital. Vexan, senón, como apoiaron con presteza as diatribas dos homúnculos dixitalis andorranensis , sen vergoña, empatía nin capacidade intelectual para comprender o concepto da solidariedade e a redistribución da riqueza que ornean berrando: liberdade! en nome do dereito á ignorancia e á desmemoria, mais non entraremos, hoxe, nese tema.
A saúde mental de todos e todas nós tamén é preciso coidala, informarse mellor, non menos e aí os medios públicos deben dar un paso adiante e comandar a recuperación da cordura informativa, ser de novo referentes
Eu non sei vostedes mais na miña contorna social vexo esgotamento, ansiedade e obsesión polas cifras: de mortos, de infectados, de vacinados, de empregos destruídos, de negocios pechados, etc. Moita xente, sobre todo a que máis ve a televisión, a de idade avanzada, obsesionada pola pandemia anegada en desinformación, tanta que incluso dubidan da efectividade da ciencia, da medicina e como non, das vacinas. Pódese resumir nunha palabra: medo. A saúde mental de todos e todas nós tamén é preciso coidala, informarse mellor, non menos e aí os medios públicos deben dar un paso adiante e comandar a recuperación da cordura informativa, ser de novo referentes. Sen embargo, teño a sensación de que os medios públicos viven naquel verso marabilloso do Yosi: Siempre con miedo y sin saber de qué.