"A ella le gusta la gasolina (dame más gasolina)"
Daddy Yankee (filósofo)
Hoxe en día a fe xa non move montañas, pero si move autobuses. Sen necesidade de sacristías, a devoción viaxa agora en motor de combustión e despacha con vistas ao xulgado de garda. Se un levanta a vista no medio do balbordo urbano, non tardará en atopar o trío máis peculiar da dereita carpetovetónica: HazteOír, Manos Limpias e Abogados Cristianos, os tres xinetes dunha apocalipse de andar por casa que, malia a súa pose castiza, son unha copia ben ensaiada de modelos vidos de alén do Atlántico.
O pregoeiro sobre rodas
Por un lado temos a HazteOír, capitaneada por un Ignacio Arsuaga1 que parece levar o mando gravado no ADN. Non en balde, na súa mesa de Nadal os apelidos pesan: entre tíos e curmáns aparecen os Rato ou os Figaredo, confirmando que iso de salvar a patria é, ante todo, unha tradición familiar dende afastados tempos.
O seu estilo é o do pregoeiro antigo en versión high-tech. O seu famoso autobús non é máis ca un púlpito motorizado que percorre as estradas coma un buque fantasma pilotado por Benito Soto, tratando de convencer ao persoal de que o século XXI foi un erro de cálculo. O seu líder, sempre co sorriso de quen goza de liña directa co Alén, lánzase á rúa con alertas que soan a trompeta de Xericó botando abaixo as murallas. Busca firmas como quen busca indulxencias para unha España que, segundo el, descarrila a cada quilómetro.
A toga vingadora
Xusto detrás, recollendo o que o autobús vai sementando, aparece a Asociación de Abogados Cristianos, con Polonia Castellanos2 dándolle o toque de graza xurídica ao asunto. Se os primeiros son o balbordo, estes son a ladaíña: especialistas en converter a indignación en liturxia procesual.
Cunha paciencia de monxe copista da Idade Media, dedícanse a rastrexar o mapa á procura de calquera que esqueza que a tradition, para eles, é lei (non sabemos se tamén a da cabra lanzada a voar dende o campanario). A súa realidade é un código penal escrito en latín pero non o da Vulgata, senón o de Cicerón. Se un actor bota unha palabra máis alta ca outra, ou se un artista decide que unha imaxe relixiosa serve para algo máis que para a oración, alí aparecen eles coa querela baixo o brazo. Non buscan necesariamente gañar (ás veces os xuíces bocexando ante os seus escritos son a única resposta), senón ese intre de gloria no que o "pecador" ten que subir as escaleiras do xulgado coa cabeza baixa.
O martelo do sindicato solitario
Completando a trepia aparece Manos Limpias, o sindicato que non ten obreiros pero si unha fábrica de querelas. Ao mando está Miguel Bernad, un home que parece saído das páxinas de El Alcázar. Antigo secretario do Frente Nacional e Cabaleiro de Honra da Fundación Francisco Franco, Bernad é un supervivente de mil batallas de papel foliado que leva décadas facendo da "acción popular" un xeito de vida.
Este colectivo funciona como o ariete que derruba as portas que o autobús de Arsuaga só se atreve a sinalar. Bernad, que viu de preto os muros de Soto del Real antes de ser absolto polo Supremo dunha condena por extorsión que case acaba co seu invento, é o mestre da presión mediática desde o estrado. Se HazteOír pon a música e Abogados Cristianos a letra do himno, Manos Limpias pon o selo oficial no rexistro de entrada de Plaza de Castilla. Son os especialistas en presentarse alí onde o sistema teña unha fenda, xa sexa para sentar a unha Infanta no banco ou para poñer en xaque a un goberno, demostrando que en España, ás veces, un sindicato sen afiliados ten máis poder que un con pancartas.
Sombras no yunque
Pero detrás deste teatriño de rúa e estrado, o guión vólvese máis escuro. Din que son xuristas independentes, pero móvense coa disciplina de quen serve a algo máis que a un código civil. O eco de El Yunque, esa sociedade secreta de orixe mexicano e formas case militares, resoa nos corredores. Máis que rezar o rosario, o seu obxectivo parece ser a infiltración silenciosa nas estruturas de poder.
Mentres gastan pista nos xulgados, a súa vista cansa parece non acadar os arquivos da pederastia, un pecado que prefiren deixar no limbo das amnesias selectivas mentres perseguen a quen o denuncia. O seu verdadeiro "pecado" é un sectarismo feroz e unha obsesión polo control, que levou a moitas familias católicas a denuncialos por captar menores ás agachadas. Tan turbio é o asunto que ata os bispos, pouco sospeitosos de progresismo, decidiron poñer distancia para no acabar todos golpeando sobre o mesmo "yunque".
Unha danza ben ensaiada
Acompañarse, acompáñanse de marabilla; é unha simbiose de manual:
HazteOír prende a mecha cun valado publicitario que escandaliza á metade do país.
Manos Limpias presenta a denuncia para abrir o telexornal.
Abogados Cristianos prepara o extintor... ou máis ben a gasolina xurídica para que o incendio chegue ata o despacho de Súa Señoría.
Ao final, o que nos queda é un espectáculo onde a relixión vólvese burocracia e a moral dirímese a golpe de sentenza. Unha sorte de Guerra das Galaxias de sacristía, onde o Imperio contraataca con recursos de alzada e apelidos de fidalguía, mentres os "rebeldes" son todos aqueles que se atreven a vivir fóra do catecismo oficial. Unha estampa dunha España que se nega a saír do informativo, onde o público asiste entretido ao teatriño sen decatarse de que, como naquel vello aviso de Martin Niemöller, hoxe veñen polo titiriteiro, polo humorista ou polo blasfemo e ninguén di nada porque non se sente aludido. Unha sociedade teimuda en ignorar que o reloxo, malia as súas querelas e os seus soldados invisibles, non detén a súa marcha, e que cando a gasolina xurídica pete na nosa propia porta, quizais xa sexa tarde para protestar.
Notas
1Ignacio Arsuaga Rato, coñecido por liderar a organización HazteOír, provén dunha familia cunha rede de influencias políticas moi notable en España. Entre os seus vínculos familiares directos destacan Rodrigo Rato Figaredo (ex-vicepresidente do Goberno e ex-director do FMI, figura clave na economía española dos anos 90, que conta cunha condena xudicial firme pola súa xestión financeira), e José María Figaredo (deputado de Vox e sobriño de Rodrigo Rato). Arsuaga sitúase nun punto de intersección entre o activismo ultraconservador e unha estirpe familiar con fondas raíces nas estruturas de poder e a política institucional das últimas décadas.
2 Con Polonia Castellanos, formada nas aulas de Dereito de Valladolid, dándolle o toque de graza xurídica ao asunto. Castellanos non é só unha avogada cun código penal baixo o brazo; é a estratega que desde 2008 converteu o sentimento ferido nunha industria do litixio. Xunto ao seu contorno familiar, onde o activismo conservador parece ser o pan de cada día, Polonia manexa os tempos dos xulgados cunha precisión que moitos atribúen á férrea disciplina de sociedades que prefiren operar na sombra, como o sempre mencionado El Yunque. Para ela, a toga é un uniforme de combate e o estrado, a súa trincheira particular.