Cuestión de educación

Todos as fins de semana teño a mesma obriga co meu sobriño de seis anos: ir velo xogar ao fútbol co seu equipo, o único do que xa me aprendín o nome de todos os xogadores e ata sei en que posición saen ao campo. Todos os fins de semana vexo por tanto como dous grupos de nenos enfróntanse nun partido de fútbol entre berros de adestradores, familias e o son do chifre do árbitro. Normalmente os berros adoitan ser de ánimo mais houbo unha vez na que, cando o equipo contrario ía gañando con bastante vantaxe e o adestrador cambiara o gardameta as familias dos nenos dese equipo vociferaban para que volvera o anterior porteiro porque o novo xa recibira un par de goles e o adestrador fixo caso desa petición, sentando no banco ao neno. Ao final do encontro o pobre gardameta que fora humillado ía con mala cara ao vestiario.

Son nenos de seis ou sete anos e xa lles poñemos unhas esixencias de gañar, de chegar á vitoria, de ser mellor que os demais e xa deixamos claro que se non es o mellor ou dos mellores, non contas. Que serás suplente ou no mellor dos casos xogaras partidos sen importancia. E algo semellante pasa nos colexios. Cando eu ía en primeiro só había dúas cualificacións: P.A. (Progresa Adecuadamente) e N.M. (Necesita Mellorar). Agora coa mesma idade teñen sobresalientes, notables, bens, aprobados, suspensos... e ínstase aos nenos a non quedar co simple aprobado, que vaian polo sobresaliente e que sexan os mellores da súa clase. Con só seis anos, unha idade na que moitos non saben escribir correctamente, que aínda lles custa ler e na que hai nenos que o teñen moi doado e nenos que o teñen moi difícil, porque cada un crece ao seu ritmo.

Hai xa semanas que Jordi Évole falou no seu programa Salvados do sistema educativo finlandés, un sistema que recibe as máximas cualificacións nos baremos mundiais e que é admirado por moitos polo seu baixo índice de fracaso escolar, menos dun 1% fronte ao 28% do estado español. Unha das cousas que máis me sorprendeu foi o feito de que alí o nivel de esixencia dos mestres fose moi elevado, sendo tan só uns poucos, os mellores, os que acadan a posibilidade de dar clases nun colexio. Aquí Maxisterio é unha carreira degradada e desprestixiada, unha carreira na que recalan moitos dos que non saben que estudar. Ademais alí a educación é concibida como un asunto de Estado e búscase o consenso para reformala, non como aquí, onde PSOE e PP tórnanse en facer de educación un campo máis da política de debate absurdo que levan anos practicando.

E non é só iso, alí os nenos non teñen deberes, teñen moitas máis horas de patio e o ambiente é moito máis distendido. Quizais a clave do seu éxito é o feito de que a esixencia que aquí se lles pon enriba aos nenos alí se lles pon aos mestres e ao propio sistema. Será porque o sinxelo é iso, cargar de responsabilidade ao outro e esquecerse dun mesmo, moito mellor cando é un neno que non sabe de que vai o conto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.