Cultivemos a paz

Ingeborg Breines © Unesco

Ingeborg Breines é unha recoñecida educadora para a paz norueguesa, asesora do Cumio Mundial de Premios Nóbel da Paz. Dirixiu o Programa “Muller e Cultura de Paz” da UNESCO e foi Presidenta da Oficina Internacional da Paz no período 2009 a 2016. Tamén foi copresidenta, non sei si sigue a selo, do International Peace Bureau (IPB), a organización pacifista máis antiga do mundo. Esta muller, grande entre as grandes, ben de escribir un precioso prólogo para o ultimo libro “Inventar el futuro” de D Federico Mayor Zaragoza, publicado recentemente por Ánfora Nova e que recomendo humildemente.

Armarse ate os dentes, alimentar sen fin a esta industria voraz non é a mellor maneira de construír e cultivar á paz. Todo o contrario

Ingeborg Breines lembra -con acerto- que “Cultivemos a paz” era un dos lemas do Programa para unha Cultura de Paz da UNESCO que o profesor Mayor promoveu no seu dobre mandato na organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura. Sostén entre outros aspectos que “para que a paz prenda e medre son necesarios coidados especiais. Fai falla moito tempo para que unha árbore dea froitos, pero pode cortarse (ou queimarse) nun instante.

Armarse ate os dentes, alimentar sen fin a esta industria voraz, ó complexo militar industrial que o propio Dwigth D. Eisenhower, Ike para os amigos, dicía que era máis poderoso que o propio Presidente dos EE.UU. Non é a mellor maneira de construír e cultivar á paz. Todo o contrario. Como permitir o uso de armas a calquera, sen regulamentación nen calibre, non é unha fórmula racional para evitar matanzas periódicas en USA.

Paraugas pola Paz, unha actividade do SGEP CC-BY-NC-ND SGEP

A UE está desaparecida como suxeito negociador, deixa en mans da OTAN e dos EE.UU o papel de interlocutor, cando é no propio chan europeo onde están a matarse rusos e ucraínos, ucraínos e rusos, curmáns enchidos de odio xa por xeracións

Eu non son un xeoestratega, nen tampouco un politólogo, nen sequera un tertuliano, son, fun, por moitos anos, un simple educador para a paz que buscou maneiras de afrontar, particularmente nas aulas, a resolución pacífica dos conflitos e fomentar a convivencia. Sei e comparto, en contadas circunstancias, que o dereito á lexítima defensa non pode ser obviado, e no caso actual da Ucraína, parece de manual, unha invasión en toda regra a un país soberano. Claro que hai elementos a considerar de maior alcance, menos visibles, máis opacos, xogos de intereses que non conseguimos comprender de todo. Certo que a OTAN non é unha ONG. Algúns inxenuos pensabamos que desaparecería ó disolverse o Pacto de Varsovia e o fin da Guerra Fría, como Gorbachov, e que , agora si!, poderiamos utilizar os dividendos da paz para resolver os grandes desafíos da humanidade. Nada máis lonxe da realidade, a OTAN medrou e medrou ate susurrar na caluga de Rusia. E coa invasión, países historicamente neutrais como Suecia ou Finlandia petan ás portas do ceo buscando protección, por se acaso... E mentres, a UE, está desaparecida como suxeito negociador, deixa en mans da OTAN e dos EE.UU o papel de interlocutor, cando é no propio chan europeo onde están a matarse rusos e ucraínos, ucraínos e rusos, curmáns enchidos de odio xa por xeracións.

E China á expectativa, observando os acontecementos e mirando de reollo a Taiwán e ó Pacífico, dunha guerra interposta a outra na súa área de influencia máis directa no futuro máis inmediato. E algúns falando abertamente de guerra nuclear e da IIIGM. A tolemia é outra pandemia?

Para Ingeborg Brienes e para Federico Mayor os grandes desafíos mundiais a día de hoxe son: a ameaza nuclear, o cambio climático e a degradación ambiental, así como o rápido crecemento das desigualdades a escala global e local.

Fan fincapé tamén no que tantas persoas percibimos nesta crise, a inexistencia dun órgano mundial lexítimo, as Nacións Unidas, “como núcleo verdadeiro do multilateralismo” en palabras do ministro ruso de exteriores Sergei Lavrov, pronunciadas en Maio de 2021, que tan lonxe resoan na actualidade!. A ONU non pode cumprir coa súa tarefa, por moito que Antonio Guterres o desexe, porque nen ten os recursos necesarios, nen pode ter un papel central pois son precisamente os estados, os grupos e as élites oligárquicas quen o impiden, e o goberno estadounidense de maneira moi especial.

Qué esquecido está hoxe o magnífico Preámbulo da Constitución da UNESCO: “Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde temos que erguer os baluartes da paz”. Non, ese non é o “outro mundo posible” co que soñamos. Teremos que seguir a inventar o futuro que queremos. Porque, como dí o profesor Mayor, “Mañá sempre será tarde”

Qué esquecido está hoxe o magnífico Preámbulo da Constitución da UNESCO: “Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde temos que erguer os baluartes da paz”. Con qué facilidade os poderes mediáticos, económicos, políticos, crean un inimigo, un detrás doutro, e con que facilidade as sociedades, na súa maioría, caen, caemos, nestas redes lanzadas polas poderosas caldeiras de produción de odio. Nen a OTAN nen ningunha outra organización militar poderían sobrevivir hoxe sen esas imaxes caricaturescas do inimigo, chámese Bin Laden, Sadam Husein, Gadafi ou Putin. Non hai un só pobo, un só cidadán disposto a dar a vida ou a aceptar un gasto militar tan sobredimensionado se non houbera un inimigo a quen temer. Sen inimigos non habería unha industria militar nen un comercio de armas rendibles. “Sen inimigos, non habería guerras! Como moi ben lembra Ingeborg Breines, “oito días do gasto militar mundial permitirían ofrecer doce anos de educación de calidade a tódolos nenos e nenas do mundo!

Envío de armas a Ucraína dende os EUA CC-BY-SA Mauricio Campino

Son moitas as persoas, confesa Ingeborg Breines, que teñen hoxe a sensación de ter vivido en van, de ver como se van os ideais polos que loitaron toda a súa vida pois perderon a fe na súa propia capacidade para se opor ás actuais visións dominantes, militaristas e neoliberais

Hoxe en día os países que máis armas producen, e outros que os seguen ó pé da letra como España, teñen en tarefas pendentes asinar o Tratado de Prohibición das Armas Nucleares aprobado xa polas Nacións Unidas e vixente, entre eles, todos os que forman parte do Consello de Seguridade e con capacidade de veto. Só por iso terían que deixar de ser membros permanentes do citado Consello.

Son moitas as persoas, confesa Ingeborg Breines, que teñen hoxe a sensación de ter vivido en van, de ver como se van os ideais polos que loitaron toda a súa vida pois perderon a fe na súa propia capacidade para se opor ás actuais visións dominantes, militaristas e neoliberais, un modelo no que o 1% da poboación máis poderosa económica e militarmente no mundo ten a capacidade para ditar as normas, as leis e as políticas para o 99% restante.

Non, ese non é o “outro mundo posible” co que soñamos. Teremos que seguir a inventar o futuro que queremos. Porque, como dí o profesor Mayor, “Mañá sempre será tarde”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.