D. Federico

Federico Mayor Zaragoza e Manuel Dios © Cedida

Veño de saber que D. Federico Mayor Zaragoza deixounos hoxe para sempre con 90 anos de idade. Chameino pola mañá, foi como un pálpito. Falei con él, como tantas veces facía, hai 10 ou 15 días. Estaba moi animado. Con proxectos, como sempre. Con voz forte, recuperábase da colocación dunha válvula e dun marcapasos. Quedei moi tranquilo a pesares da súa avanzada idade. Hoxe colleume de sorpresa.

Coñecino personalmente no ano 2000, viña de rematar o seu segundo mandato como Director Xeral da UNESCO e de crear a Fundación Cultura de Paz. Convideino a vir a Santiago ós Encontros anuais de Educación para a Paz que organizamos no Seminario Galego de Educación para a Paz. Logo veu moitas máis veces, presidíu o Foro Mundial de Educación en 2010, e colaboramos moito. Incorporeime á Fundación, dirixina varios anos, creamos a Fundación Cultura de Paz en Galicia, publicamos conxuntamente, prologou moitos dos nosos libros e os meus en particular. Asinou no libro de honras do Concello en 2015.

Asistín ó seu 80 e tamén 90 cumpreanos o pasado mes de Xaneiro nun acto moi emotivo no Ateneo madrileño.

Ésta foto é na presentación do libro "Abajo las armas" en Madrid hai un ano, editado conxuntamente por Alvarellos e a Fundación Cultura de Paz.

Poucas persoas teñen influído tanto no meu pensamento como D. Federico. Síntome moi ligado á súa vida e á súa obra desde que estaba na UNESCO en París.

Coñecín á súa familia, á súa muller Cheles, e ós seus fillos e fillas. Estiven na súa casa en Salobreña, na Costa de Granada, que amaba desde que fora o reitor máis xoven de España naquela universidade.

Foi probablemente o cidadán español que acadou a máxima representación internacional. A súa experiencia en mediación e resolución de conflictos foi extraordinaria, por citar un, no Salvador. E o seu legado e influencia verase aínda moito máis co paso do tempo.

Estou sobrecollido. Escribo aínda sen dar crédito á súa desaparición. Non teño palabras para agradecer o seu cariño e a súa amizade, a súa xenerosidade infinita.

O seu traballo na promoción da Cultura da Paz, da Educación e dos Dereitos Humanos en todo o mundo non ten igual.

Foise, para mín, un amigo, que levo e levarei no meu corazón, eternamente.

Que a terra che sexa leve, amigo, e grazas por tanto.

Abrazos á súa familia, amizades, e a todo o persoal da Fundación Cultura de Paz.

DEP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.