Da múltiple morfoloxía das cavernas

Mal asunto cando a cuestión da supervivencia dunha lingua e dunha cultura minorizada, historicamente estigmatizada e perseguida, trata de porse nas mans de élites autóctonas, políticamente comprometidas ou non - pois o caso é saber de qué modo e para qué se comprometen -. Mal asunto, digo, polo seguinte motivo: porque as linguas, que son os fíos de cobre, por así dicilo, a través dos que circula a información que contén a cultura, no senso máis antropolóxico do termo, non poden re-existir só a golpe de testosterona política, regulamentacions xurídicas ou chutes de financiación monetaria.

As linguas non poden re-existir só a golpe de testosterona política, regulamentacions xurídicas ou chutes de financiación monetaria

O punch político e xurídico pode axudar a que unha lingua teña máis visibilidade nos poderes públicos, nos medios de comunicación e no mundo empresarial, mais pode ter, e de feito, ten, un efecto non desexado nos cidadans de a pé que senten a curiosidade por mergullarse no coñecemento – e matínese en que falo do coñecemento, non do simple uso social para a comunicación cotiá - da historia lingüística e cultural de Galicia sen sentírense por elo obrigados por normativas xurídicas ou afiliacions ideolóxicas determinadas. Hai unha diferencia pedagóxica moi sutil entre suxerir gustos, curiosidades e preferencias basándose na auctoritas dunha normativa legal… e suxerilos sen outra axuda que o coñecemento e a divulgación mesurada e desinteresada por aquelo que se ama e se coñece na súa singularidade. Este, creo eu, debería ser o espírito pedagóxico co que se debería transmitir o gusto, a curiosidade e o interés polo estudo da historia lingüística, cultural e política de Galicia, o cal non quere dicir que a loita estrictamente política e xurídica a prol da normalización institucional e a maior visibilización da cultura galega nos medios de comunicación careza de sentido, ao contrario. Precísanse recíprocamente.

O punch político e xurídico pode axudar a que unha lingua teña máis visibilidade nos poderes públicos, nos medios de comunicación e no mundo empresarial, mais pode ter, e de feito, ten, un efecto non desexado nos cidadans de a pé

Que lingua e ideoloxía van da man, ninguén o dubida. Que cultura e ideoloxía van da man, tampouco. Que falar de ideoloxía é, tamén, falar da loita por hexemonizar o sistema de valoracions e practicas dunha comunidade humana lingüística e culturalmente singularizada, tampouco. Así pois, partindo destas tres premisas non sería difícil chegar a dúas conclusións xerais de partida : 1) Non existen linguas nin culturas nun máis alá ideolóxico, ou sexa, nun máis alá político, en resumo: máis alá da loita polo poder. 2) O fenómeno do poder afecta á coexistencia de comunidades humanas  lingüística e culturalmente singularizadas, tanto no ágora público como na vida cotiá.

Non existen linguas nin culturas nun máis alá ideolóxico, ou sexa, nun máis alá político, en resumo: máis alá da loita polo poder

Estas dúas conclusions deberían ser un starting point común para todos os escritores, científicos e políticos que se expresan en galego, pois quen utiliza determinada lingua está utilizando, non só regras gramaticais abstractas, senon tamén concepcions do mundo de carácter mítico, confesional ou secular que formaron parte da imaxinación e a sensibilidade colectiva dunha comunidade, e polo tanto, que teñen raíz e tempo de seu. Non existen linguas sen comunidades humanas, nin comunidades humanas sen memoria colectiva, por moi diversa e ricaz en perspectivas que ésta sexa. Alguén coñece a existencia de sociedades humanas nas que só existen individuos des-linguados, a-culturais e ahistóricos?.

Sobra dicir que tanto nas grandes comunidades que teñen representación oficial nun estado coma nas pequenas comunidades que non foron xurídica e culturalmente recoñecidas como tales, a existencia de diversidade de perspectivas e concepcions do mundo está fóra de toda dúbida. Mesmo nas pequenas comunidades non recoñecidas polos estados, cunha densidade demográfica moito menor, esa diversidade pode ser moito mais vizosa que nas grandes comunidades. Ao fin e ao cabo, o intanxíbel da imaxinación e a diversidade non ten relación causal co continxente demográfico. Sería tan absurdo coma decir que a imaxinación narrativa ou a memoria oral dos Irlandeses é necesariamente menos vizosa e ricaz que a dos Norteamericanos observando só un censo e unha pirámide demográfica. Absurdo e, abofé, surrealista.

Para que as linguas e as culturas minorizadas, cando non, directamente, exterminadas pola lóxica economicista e curtoprazista da globalización neoliberal, re-existan e cobren vida de seu, cómpre un principio activo esencial: Valoralas, estudalas, e divulgalas tal e como son

Para que as linguas e as culturas minorizadas, cando non, directamente, exterminadas pola lóxica economicista e curtoprazista da globalización neoliberal, re-existan e cobren vida de seu, cómpre un principio activo esencial: Valoralas, estudalas, e divulgalas tal e como son, con espírito crítico e aberto, e non tal e como nos gustaría que fosen. Esta actitude pedagóxica é radicalmente irreconciliable co feito de valoralas polo rédito político-economico que poderían darnos, pois, falemos clara e transarentemente: unha cousa é que as linguas e as culturas sexan potenciais pontes para o recoñecemento e arriquecemento recíproco entre os seres humanos, e outra, moi diferente, é que éstas teñan que cumplir o abafante rol de relacions públicas para o empresariado global e o seu soporífero exército de licenciados en comercio internacional.

A denominación de orixe, a pertenza a unha pandilla underground, ou mesmo o abafante cheiro a linaxe familiar dos cenáculos e as academias, é menos importante que o aroma que desprende a auténtica intención significativa das palabras

O que aquí escrebe soña, xunto con Bikhu Parek, con poder habitar o lugar mental e cultural dunha cidadanía global mestiza que valora as liberdades civís tanto como a diversidade lingüística e cultural sen xustificar ningún tipo de asimilación forzada nin tampouco o auto-illamento no guetto das linguas e as culturas históricamente subalternas. O que aquí escrebe non quere escoller entre dous males, a saber: a asimilación cultural imposta ou o tardío rancor do colonizado expresado por vangardas que elaboran canons de autenticidade cultural e revolucionaria. Por moito que siga existindo a furibunda cegueira estética e mental do imperialismo cultural - sen dúbida, o brazo máis importante do imperialismo económico, pois precísanse recíprocamente -, nin as asimilacions xustificadas en inexistentes multiculturalismos ou plurilingüismos armónicos, nin a des-politización total da creación estética, nin o auto-illamento en guettos/pandillas urbanas e familias/clans académicos farán da historia da lingua e a cultura galega unha historia con principio, desenvolvimento…. e futuro aberto. A denominación de orixe, a pertenza a unha pandilla underground, ou mesmo o abafante cheiro a linaxe familiar dos cenáculos e as academias, é menos importante que o aroma que desprende a auténtica intención significativa das palabras. Ese que leva, paseniñamente, ao labirinto da propia conciencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.