Ribadeo. Día de sol e vento, 24 de maio.
Nunha vila como a nosa non é doado percibir o cambio que o COVID-19 induce no clima. Máis aínda cando a cantidade dalgúns contaminantes como o dióxido de carbono, a nivel mundial, segue a incrementarse como amosan as medidas no observatorio de referencia, no alto das montañas de Hawaii. E se segue a incrementarse é porque a variación non é tanta como se pensa, aínda que sexa moita. [Nota: Se o observatorio está no alto e nunha zona apartada é precisamente para permitir que a atmosfera se mesture ben antes de medir. E iso leva o seu tempo, o que aminora as variacións puntuais]
O caso é que aínda así, co parón industrial, a redución da queima de combustibles fósiles, as 'necesidades sociais', etcétera, que se manifestan en plena pandemia, tamén queda patente a resiliencia -máis ben, a súa falta- da sociedade ante os cambios necesarios.
Os satélites teñen documentado xa o ciclo de desaparición de contaminantes en diversas zonas coa rebaixa da actividade pola pandemia, e tamén, despois, o comezo do novo aumento a medida que se van restablecendo condicións de máis actividade, mesmo sobrepasando a contaminación anterior. Pero iso 'dos satélites' ás veces quédanos moi lonxe sobre as nosas cabezas para darnos por aludidos, vese como maxia e, ó tempo, algo irreal, virtual, cunha relación connosco abondo laxa -a non ser que nos interesen os datos para 'xa', como na predición meteorolóxica-. Por iso resulta ás veces máis práctico caer na conta de detalliños. Como o é nunha grande cidade notar que se ven as montañas ó lonxe. Así, en Katmandú rematan de ter á vista o Everest, a 200 km de distancia, algo que hai moito tempo que non era posible pola contaminación dunha cidade de dous millóns e medio de habitantes. Polo que parece, a última xeración non coñecía tal.
Coido que esta tempada de verán que se achega teremos ocasión de preguntar á xente que vive na vila e corte se en abril vían mellor Navacerrada ou non. Aínda que é posible que, afeitos a vela entre a néboa, moitos nin se apercibiran dos posibles cambios. Ou sexa, como sucede en Ribadeo cos cambios menores. Os atardeceres destes primeiros días de saída tralo confinamento, co Sol sobre o Cantábrico, moitos deles asombrosos, non son moi diferentes dos doutros momentos antepandemia. Sorte que temos.
Pero esa falta de percepción pode levar a desligar dúas cousas moi relacionadas: a incidencia da pandemia nas nosas vidas e os efectos 'prácticos' da resposta que lle estamos a dar para protexernos, e a incidencia nas enfermidades do desastre ambiental que temos montado a nivel mundial, aumentando o dióxido de carbono e o efecto invernadoiro tanto como diminuíndo a biodiversidade ou envelenando aire e agua. Cousas que, unha vez desligadas na nosa consciencia, farían que quedara sen xustificar o necesario cambio no noso desenvolver como especie para ir cara un mundo mellor. Para que, se algo que xa se nos foi da cabeza, que non é máis cunha pantasma dun pesadelo que 'xa pasou'? Para que? Se non vemos a necesidade dun cambio para manter o noso mundo, se deixamos escapar a posibilidade que nos ofrece este cataclismo, o mundo seguirásenos a escapar e golpearános máis forte.