De batallas e vitorias

Feijóo intervén na noite electoral ante Isabel Díaz Ayuso © PP

Sorpresa. Contra todo prognóstico (polo menos contra os de todos os tracking, agás os do “manipulado CIS de Tezanos”), a ultradereita comezou un descenso que desexo e agardo remate en pouco tempo en caída libre con gran trompada e final feliz para as liberdades, a natureza e a igualdade

Sorpresa. O pasado domingo o 70,40% do electorado pronunciouse nos comicios xerais e, contra todo prognóstico (polo menos contra os de todos os tracking, agás os do “manipulado CIS de Tezanos”), a ultradereita comezou un descenso que desexo e agardo remate en pouco tempo en caída libre con gran trompada e final feliz para as liberdades, a natureza e a igualdade. 

Un goberno cómplice entre a dereita da democracia cristiá europea e a ultradereita morriñenta da ditadura, non é posible. O noso (tristemente) ben coñecido Núñez Feijóo fica sen aliados cos que pactar, malia que a recuperación de votos e escanos que lle achega a desaparición de Ciudadanos lle permite defender, non sen esforzo, a súa campaña e liderado. Polo menos, de momento. Porque cada día espertamos cun novo bandazo estratéxico emitido desde a rúa Génova.

O ex presidente da Xunta elabora o seu discurso como presidenciable desde o habitual maniqueísmo populista ao que nos ten afeitas hai lustros. Traballa ben a resignificación dos conceptos mediante a vella técnica de calquera cousa, falsa ou certa, adquire aspecto de verdade a base de repetila. 

Arrógase a potestade de determinar, por riba incluso da mesma sacrosanta Constitución á que se aferra cando convén, o que é e o que non é democrático. Cualifica como anómalo que non goberne “a lista máis votada”

Defende o xefe dos “populares” que é antidemocrático que non goberne “a forza máis votada”. Refírese ao estado, imaxino, porque en comunidades autónomas e concellos opina diferente. Remítome aos feitos. Arrógase a potestade de determinar, por riba incluso da mesma sacrosanta Constitución á que se aferra cando convén, o que é e o que non é democrático. Cualifica como anómalo que non goberne “a lista máis votada”. Abraia escoitalo dicir que en Europa non hai primeiros ministros que o fagan sen esa teórica lexitimidade, poñendo como exemplo a Suecia, onde o Partido Moderado de Kristersson obtivo só o 19% dos votos e preside grazas a pactos.

Apetéceme (e aproveito o foro por se lle chegase o documento nalgún dossier matutino elaborado polo seu equipo de prensa) alumear ao noso paisano cunha información valiosa que, se cadra, o axuda a saír do erro. E de paso, tento contribuír a que o noso pensamento crítico conserve certa integridade, cousa difícil baixo este bombardeo intensivo de “posverdade” e medias mentiras.

Sr. Núñez Feijóo: A rúa falou. Novamente demanda diálogo, debate, pactos, acordos. Non nos venda vostede que o acordo, o pacto, o debate e o diálogo non son democráticos. Explíquenos, mellor, que ao Partido Popular non lle gusta dialogar, debater, pactar nin acordar

Sr. Núñez Feijóo: en España non existe a figura do Primeiro Ministro. A nosa non é unha república (na miña opinión, lamentablemente). Este sistema non é presidencialista, por iso non hai segundas voltas. A que temos, imperfecta e mellorable (moito), é unha monarquía parlamentaria que se basea na representatividade. Falo desde a teoría, por suposto, apoiándome na doutrina constitucional que o seu partido tan vehementemente defende (ás veces). As cidadás e cidadáns escollemos representantes para que voten por nós, propoñan, lexislen, gobernen (e si: veten, se poden), no parlamento e no senado. Vostede non é nin máis nin menos ca un deses representantes electos. E a organización que lidera non ten o apoio da maioría social. As demais tampouco, certo. Mais esas outras pode que estean en posición de poñerse de acordo, algo que vai implícito no mandato diverso que a cidadanía trasladou a través das urnas. Iso é a democracia, afirmo. 

A rúa falou. Novamente demanda diálogo, debate, pactos, acordos. Non nos venda vostede que o acordo, o pacto, o debate e o diálogo non son democráticos. Explíquenos, mellor, que ao Partido Popular non lle gusta dialogar, debater, pactar nin acordar. Recoñeza que a noción da democracia e da Constitución só lle interesan cando lle acaen e permiten exercer o poder. De facelo, probablemente quedará vostede onde estaba. Mais, se cadra, o mesmo aproveita a oportunidade de experimentar, por unha vez, o que fai sentir seguir as regras do xogo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.