Hoxe, como aquel primeiro de novembro do ano 1918, debería terse celebrado feira en Monterroso
Hoxe, como aquel primeiro de novembro do ano 1918, debería terse celebrado feira en Monterroso. Semellante coincidencia levounos a pensar na vixencia do paradigma proposto por Hegel sobre que os grandes acontecementos e personaxes prodúcense dúas veces. Na investigación que levamos a cabo para o libro colectivo “As feiras de Monterroso”, publicado no seu momento polo Concello xunto co Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), puidemos documentar e contextualizar a primeira vez que se prohibiu unha feira en Monterroso. Xa que logo, estariamos perante a segunda ocasión na que isto acontece. É aquí onde agroman as coincidencias, e onde a reflexión hegeliana cobra sentido incluso na escala reducida da Historia, é dicir no eido local.
Daquela, coma hoxe, o motivo da prohibición foi unha pandemia, a grippe ou influenza no 1918,
Daquela, coma hoxe, o motivo da prohibición foi unha pandemia, a grippe ou influenza no 1918, a COVID-19 ou coronavirus no 2020. Máis alá da conxunción da causalidade no impedimento para levar a cabo a feira, podemos observar unha conxuntura análoga ao abordar a análise dun e doutro contexto histórico. Así pois, no entorno europeo pasábase por momentos críticos. Aínda que con consecuencias afortunadamente distintas aos dos derradeiros estertores da confrontación bélica do ano 1918, hoxe atopámonos igualmente nunha profunda crise humanitaria, económica, institucional e de identidade. Tamén naqueles intres pasaba o Estado español por un proceso de inestabilidade política. Daquelas, coma neste 2020, convivían no executivo membros con diferentes ideoloxías e sensibilidades. Se ben é certo que o goberno de concentración de Antonio Maura tiña, se cadra, menos garantías de continuidade co actual gabinete bipartito. E para completar o círculo de coincidencias, tamén na esfera local existía un desgoberno coma o que hoxe estamos a padecer no concello monterrosino. É que tamén no ano 1918, como na actualidade, as circunstancias levaron ao freo no proceso de constitución da entidade municipal, chegándose a constituír dous concellos “en el mismo salón de sesiones, con un mismo secretario y dos presidentes distintos...”1.
A situación que estamos a vivir aseméllase cada vez máis a ese tirón do freo de man do tren do progreso histórico que Zizek reclamaba no seu ensaio 'Primeiro como traxedia, despois como farsa'
Até aquí as sincronías que nos permiten demostrar a vixencia da pauta sinalada ao inicio deste escrito: a Historia repítese. Queda da man das lectoras e lectores determinar se a iteración estase a producir co matiz aportado por Marx: “a primeira vez acontece como traxedia, a segunda como farsa”; ou coa volta de torca de Marcuse: “algunhas veces, a repetición a modo de farsa pode ser máis terrorífica ca traxedia orixinal”. O que parece claro é que a situación que estamos a vivir aseméllase cada vez máis a ese tirón do freo de man do tren do progreso histórico que Zizek, empregando unha das metáforas de Walter Benjamin, reclamaba no seu ensaio do 2011 que levaba por título: Primeiro como traxedia, despois como farsa.
Notas
1 El Progreso, 3 de xaneiro de 1918.