De terrorismo, contraterrorismo e manipulación lingüística

CC-BY-SA Praza Pública

Dicía, hai xa moito tempo, John Locke:

E onde queira que houbese un número de homes dalgún xeito asociados, que non tivesen tal poder decisivo ó que apelar, entón alí estarán aínda no estado de Natureza. § 90. E polo tanto, é evidente que a monarquía absoluta, a cal é considerada por algúns como a única forma de goberno válida no mundo, é de feito incompatible coa sociedade civil e, polo tanto, non pode ser unha forma de goberno civil en absoluto. Dado que o fin da sociedade civil é evitar e remediar aqueles inconvenientes do estado de natureza que se derivan necesariamente do feito de que cada home sexa xuíz do seu propio caso, establecendo unha autoridade coñecida á cal calquera membro desa sociedade poida apelar en caso de ser inxuriado, ou en caso dunha controversia que poida xurdir, e á cal todos os membros de dita sociedade deban obedecer. Onde queira que haxa un grupo de persoas que non teñan tal autoridade á que apelar, e que poida decidir calquera diferenza que entre eles poida alí xurdir, esas persoas estarán aínda no estado de natureza. Nel atópase todo príncipe con respecto a aqueles que estean baixo o seu dominio. (J.LOCKE: Dous Tratados sobre o Goberno (1.680-1.690). LII, Cap.VII)

Para o caso, monarquía absoluta sería o mesmo que ditadura; é dicer, que as ditaduras equivalen a estados de natureza, a estados de barbarie, a situacións nas que unha minoría exerce o terrorismo contra a maioría da poboación; de guerra duns poucos contra a maioría.

O lexítimo, pois, nesa situación, sería rebelarse contra ese terrorismo de Estado, dos que posúen os poderes do Estado e dirixen as forzas e corpos de seguridade do Estado e os outros poderes, como o lexislativo e o xudicial, que están en función do executivo, do goberno autocrático, para impoñer a barbarie, a súa ditadura, os seus intereses. 

Nesa situación os actos de rebelión serían actos contraterroristas, dado que quen exerce o terrorismo é o goberno que controla os poderes do Estado, unificados nun absolutismo, oposto, aínda que fose á mera aparencia formal de democracia, de imperio da lei, de división de poderes, de liberdades políticas e dereitos democráticos.

Na historia temos suficientes casos de oposición, ás veces pacífica, ás veces violenta, a situacións políticas de dominio dunha minoría que impón pola forza, como regras de xogo social, non as normas dunha democracia, por moi aparente e formal que sexa, senón a súa vontade, que se pretende lexítima, pero que reside exclusivamente na forza que lles dá a apropiación pola súa parte do aparato de Estado.

É habitual que esas ditaduras denominen terroristas aos que se opoñen violentamente á súa brutalidade fascista. Xa sabemos que esta caste de xente non ten o máis mínimo respecto polos conceptos e que emprega as palabras, ao estilo no que fora mestre Goebbels, dun modo puramente operacional e propagandístico. Forma parte do seu proxecto o dominio da linguaxe, para o que precisan da súa destrución, da banalización dos conceptos e do seu uso equívoco, falaz, oportunista. E disto temos moitos exemplos na actualidade, co uso arbitrario, e insultante para a intelixencia, de conceptos como fascismo, rebelión, golpismo, violencia, terrorismo .... En fin, do que se trata, é o seu obxectivo, é de converterse nunha auténtica “policía do pensamento”, ao estilo de 1984, pretendendo que dominando a linguaxe, baleira de todo sentido conceptual, dominarán o pensamento; ou sexa, eliminarán o pensamento. Un exemplo definitivo é cando se chama, golpistas aos que opoñen unha lexitimidade á legalidade, aos que se opoñen politicamente a unha legalidade discutibelmente democrática; e iso cando eles son os verdadeiros golpistas, por seren eles os que defenden por activa e por pasiva ao único golpismo realmente existente e efectivo, o golpe que deu o Xeneral Franco. Os mesmos que chaman fascistas aos que defenden a democracia, cando eles defende a ditadura franquista. En fin, para que seguir.

Algúns deses exemplos de loita contraterrorista, contra o terrorismo de Estado, contra a barbarie, serían os atentados contra Hitler, contra Pinochet, contra Carrero Blanco. Os dous primeiros fallidos, o último exitoso.

Pois ben, recén acaba de celebrarse na Alemaña o atentado contra Hitler, recoñecendo o seu carácter contraterrorista e laiándose polo seu fracaso, recoñecendo como herois nacionais aos que participaron no mesmo. E Alemaña non é un “país comunista”, nin os seus gobernantes teñen nada que ver coa esquerda, nin terrorista nin golpista, nin sequera na súa versión máis convencional. Só que alí teñen claro o que é golpismo, ditadura, barbarie.

O contraexemplo témolo no reino de España, no que forzas políticas de, aparentemente, a mesma ideoloxía que a que sustenta o actual goberno alemán, non só se dedican á sistemática destrución da linguaxe, pretendendo así ocultar a súa defensa de golpes de estado e de ditaduras, mediante o “hábil recurso” de baleirar de contido conceptos como golpismo e ditadura (e, polo mesmo, democracia e Estado de dereito), senón que, reiteradamente, opóñense a calquera posta en cuestión desa longa noite de pedra e tentan recuperar aos bárbaros e asasinos (celebrándoos con nomes de rúas, por exemplo), nun exercicio, cínico (e golpista), de igualación de vítimas e vitimarios. E, como colofón, para esa igualación, como se iso igualase algo, chámanlle ao golpe de Estado guerra civil, tamén coa pretensión de que mentindo mil veces acaba confundíndose todo. Non: foi golpe de Estado. Non: foi a imposición pola forza e coa colaboración necesaria nazi alemán e fascista italiana e a pseudoneutralidade das presuntas democracias, coma a francesa, a inglesa ou a norteamericana, dunha ditadura asasina, da barbarie.

E non foi un atentado terrorista o atentado contra Carrero Blanco. O atentado contra Carrero Blanco foi como o atentado contra Hitler ou como o atentado contra Pinochet, actos contraterroristas; e se no reino de España os partidos da casta tivesen algo de vergonza democrática, farían como se fixo en Alemaña, ensalzar a memoria dos valentes que se enfrontaron ao terrorismo.

Pola contra, xa sabemos o que pasou non hai moito tempo (e algo semellante segue a pasar), que un mequetrefe, disfrazado de xuíz, condenou a alguén por un chiste sobre Carrero Blanco (chiste, por certo, que se contou por aquela, baixo a forma dunha adiviña: naceu na terra, criouse no mar, e subiu ao ceo nun Dodge Dart). E, naturalmente, daquela, aínda na barbarie franquista, había que ter coidado con onde se dicía, pois hai constancia de que houbo quen acabou nun cuartelillo da Garda Civil ou nunha comisaría de policía por non ter a suficiente discreción. E volvemos polo mesmo. 

Sabemos que na Alemaña o condenado e apartado do poder xudicial sería ese mequetrefe. E falamos de Alemaña; non imos tan lonxe en ningún sentido. Nin sequera Alemaña lles vale como exemplo a eses golpistas do presente.

En fin, como dicía unha pintada que se podía ler, xa hai unha boa chea de anos, nas paredes do estadio municipal de Balaídos, en Vigo: Arriba Franco¡¡ Pero más arriba que Carrero Blanco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.