Decisións

Dominio Público Praza Pública

Nos comicios presidenciais portugueses de 1986 houbo segunda volta. Nunca acontecera. Pasaron a ela o dereitista Freitas do Amaral e o socialdemócrata Mário Soares, a quen os comunistas acusaban de ser o cabalo de troia articulado pola CIA para frustrar a Revolución dos Cravos. A xefatura do PCP deu a orde de votar por Soares e os militantes, temperados como o aceiro soviético que evocara Ostrovski, subían polas paredes. Todos os militantes, incluídos os da xefatura. Un alentejano entrou para o colexio electoral o día do voto con dous sapos na boca e a papeleta na man. A norma electoral producía ese azar. O capricho da aritmética propiciaba que as outras conquistas, aquelas que Soares tamén defendía, puidesen converterse en cinza. Algo semellante lles aconteceu aos franceses en 2002, cando tiveron que elixir entre o fascista Jean-Marie Le Pen e o dereitista Jacques Chirac.

Aquí e agora as cousas tamén se parecen. En Galicia só na Coruña e en Pontevedra é posíbel rectificar pola esquerda unha maioría do PSOE. E só votando Unidos Podemos. Non hai máis opcións, non dan os números. Mais en Lugo e Ourense os números non dan nin para iso, porque na esquerda só o PSOE ten opcións reais de lograr ningún deputado. A Galicia interior e a periférica ben diferenciadas e as dúas lamentabelmente limitadas. Esa é a realidade. Un dilema cru para os votantes cuxas opcións fican por baixo da representación: ou apedrar o voto ampliando as posibilidades dun goberno ultra, ou reforzar a partidos cos que diariamente compiten.

É de sentido común.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.