Declaración de intencións

Pode haber alguén aí? 
En serio pode quedar aínda alguén desoutro lado do espello despois de tanta desfeita?
Ben. Que sexa aquí e agora onde comezar a enxergar algo diferente.

Desexamos que neste recuncho perdido á marxe da perspectiva oficial exista un recanto de opinión carente desa retórica oficialista ecoada en exclusiva polos millares de millóns de listos da ocasión permanente. Ímonos permitir atualos só por un breve instante.

Queremos poder tratalos de ti sen que por iso se entenda que non os respectamos, amosando unha distancia próxima e cómoda.

Xa que logo se ti es un deses seres vivos que de tan vivo non te conformas co que está acontecendo, alguén que non comprende e non acaba de sentir o status quo maioritario como propio, pode ser que algo do que aquí se escriba che interese.

Se ti es unha desas persoas que persiste en algo que se considera inútil e despois de fracasar e fracasar segues querendo tentalo todo porque sabes que pode pagar a pena, entón se cadra isto pode ter algo de sentido.

Talvez sexas ti -si, ti… e logo por que non ti?- algún desas e deses que seguiron sorrindo cando os autorizados pola rotundidade os etiquetaron nalgún intre como candangas. Pode ser que algo disto che resulte familiar.

Se pertences á longuísima estirpe dos ninguéns que quixeron pelexar para que non lles movesen o marco da leira nin un micrómetro por ver de defender ese sentido inalienable da ausencia eucaliptal na educación sanitaria do requetepago, entón neste canto podería agromar a vida.

Se pola contra es alguén que pasa días e noites desenvolvendo a teoría parkour contra reloxo tic-tac-tic-tac en recinto urbanizado e cres que isto non vai contigo por excesivamente rural, non te confundas: quen aquí escribe sospeita estar cursando un mestrado encuberto en l’art du déplacement a xornada completa en quendas de a compás quebrado na mesma Fifth Avenue, lamento de valado Wall Street.

Se es unha desas persoas coñecedoras do compromiso que supón a inxesta de cada bafo de aire pola exhalación do que dirán en gases metano, non te preocupes; este tamén pode ser o teu oco. 

Claro que chegados a este punto, puidese ser que ti pertenceses a ese 2.56% de nicho socrático acubillado no enigma do NS/NC demoscópico.  Se é así tamén pode ser aquí porque intuímos que o que che pide o veo do padal a primeira hora da mañá é poder berrar ben alto ÁGORA PÚBLICA! pero calas e estás como ausente porque sabes que a mestura das palabras “ágora” e “pública” son a principal causa dos infartos de miocardio das primas de risco. Finxamos que teñen corazón cando a razón anda escasa.

Non esquecemos tampouco a quen se sabe amante dunha lingua herdada moi poderosa, sobrevivinte na humildade da retranca aos múltiples accidentes programados pola desmesura do odio e o desleixo. Son eles quen despois de dar voltas e reviravoltas polo mundo adiante recoñecen a palabra “casa” así que ollan un fento, un ronsel de escuma; esa segunda pel de ceo atoldado.

Reside tamén neste recanto antigo a intención dos bos e xenerosos que prefiren o silencio ás columnas pontificadoras, sabendo que sen ser quen de magoar unha mosca desexarían por veces ter o sangue frío dos auténticos fillos de mala nai para acalar a todo canto troll se poida achegar a nos refacer as beiras.

Pretendemos tamén deixar de desenfocar ás boas e xenerosas porque existen e son moitas.

Así que se segues aí despois desta estraña enumeración e te recoñeciches só nunha ínfima chisca, non dubides máis.
Baixa a esta praza pública. Vén canda nós, anda.
Agardámoste de brazos abertos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.