Pablo Hasél entrou na cadea. Dirán vostedes que vaia novidade traio aquí. É un dos temas máis candentes do momento. As rúas berran a prol da liberdade de expresión, desátase a violencia institucional, os nervios a flor de pel na pandemia que non remata, as restricións de mobilidade, o medo ao contaxio, a produtividade, o toque de queda, as vacinas. Nas redes, na prensa, o debate está servido, unha vez máis. Ata onde chega a liberdade de expresión? Ata que punto pode un código, penal ou civil, lexislar sobre a opinión persoal? Onde remata a expresión dunha idea e comeza unha agresión ou unha ameaza? Semella un debate importante, necesario e oportuno. Mais hai un problema. Non sabemos debater, e o pensamento crítico nin está nin se agarda. O entendemento implica escoita, e non hai vontade de escoitar o que quen está enfronte ten que dicir, sen recibilo coma unha agresión.
Non hai moito discutía eu cunha querida amiga que afirmaba que non é o mesmo se quen fala somos “nós” ou “os outros”, “porque nós temos razón”. “Pero eles tamén pensan que a teñen”, dicíalle eu
Hai uns anos, un articulista dun grupo de prensa publicou un artigo no que afirmaba que unha muller que fora asasinada pola súa parella propiciara o seu propio homicidio ao se xuntar cun home máis novo ca ela e migrante. As redes arderon reclamando a inclusión do delito de apoloxía do terrorismo machista e a súa aplicación en casos coma este. Curiosamente, as mesmas persoas que vindicaban a derrogación da lei mordaza e do delito de apoloxía do terrorismo.
Na praza 8 de marzo de Compostela aparece unha boneca aforcada coa cara de Carmen Calvo e un cartel no que pregunta onde queda o patriarcado, a raíz das disensións no goberno do Estado acerca da Lei Trans. A indignación pola agresión recibe como resposta un “non sabedes entender unha brincadeira, é unha entroidada”. Quen defenden “a broma” braman sistematicamente cando esta parte do outro lado.
Non hai moito discutía eu cunha querida amiga que afirmaba que non é o mesmo se quen fala somos “nós” ou “os outros”, “porque nós temos razón”. “Pero eles tamén pensan que a teñen”, dicíalle eu. “Pero non é así”, respondíame. E seguimos un bo anaco nun bucle que só fomos quen de rachar cambiando de tema.
Escandaliza o ascenso do fascismo, mais contribuímos ao seu modelo de discurso. Fallan os matices. E os matices son todo o que importa
Somos persoas. Somos humanas. Somos moi imperfectas como especie. Somos contraditorias. Todas estamos certas de ter razón. Mais desde os foros estase a impoñer un maniqueísmo que acho tremendamente perigoso. Impera o criterio de que só pode haber dúas posturas, dous bandos. Logo se non estás comigo, estás na miña contra. Polarización do debate. Escandaliza o ascenso do fascismo, mais contribuímos ao seu modelo de discurso. Fallan os matices. E os matices son todo o que importa.
Desde esta tribuna, que tanto agradezo, eu defendo a liberdade de expresión. Defendo que os meus dereitos rematan onde empezan os das demais, e viceversa. Defendo o dereito a dicir todo o que se pensa, e o dereito de réplica. Defendo os matices. Defendo o respecto. Defendo que unha ameaza non ten o mesmo peso se vén de arriba para abaixo que de abaixo para arriba. Defendo que defender os meus dereitos non exclúe a defensa dos dereitos de outras. Defendo o meu dereito a defenderme e a defender a quen me pete. Defendo que os privilexios non son dereitos. Defendo que a liberdade é un dereito, e debe deixar de ser un privilexio, no canto de pretender que ese privilexio cambie de mans. Defendo a liberdade.