Os defuntos de Fernando Cabeza Quiles son persoas que deixaron pegada nel, persoas singulares que habitaron ese espazo, por veces marxinado, que está fóra dos estándares. Por outra parte, os santos inocentes son perdedores, antiheroes, moito máis interesantes literariamente que os personaxes de éxito e prestixio social
Escribiu Saramago que o pasado está sempre. Que o pasado non pasa. Ademais, é inmutable, non podemos cambialo. Forma parte desa fábrica de recordos que é a vida. Está entre a néboa da memoria e para achegarnos a el temos que explorala, a fin de recuperar o pouso que deixou a experiencia vital nesa interacción co tempo, cos lugares e coa sociedade, e poder construír así unha autobiografía, na que irremediablemente xoga un papel importante o azar. Tan importante, que Paul Auster asegurou que "nada é real excepto o azar".
Esta revisión do vivido, do persoal, é tamén unha aproximación á historia colectiva, á historia do país. Unha viaxe aos tempos nos que, de xeito maioritario, e como sociedade, iamos aos enterros para que viñesen aos dos nosos. Unha actitude que se pode resumir coa máxima: "vas, véñenche", nacida da necesidade da familia da aceptación social do pasado do defunto. Un pasado que nos marcaba moito fronte aos demais: o que dirán. Así, se había moita xente significaba que a traxectoria vital do defunto era aprobada pola comunidade. Era un bo enterro.
Escribiu Saramago que o pasado está sempre. Que o pasado non pasa. Ademais, é inmutable, non podemos cambialo. Forma parte desa fábrica de recordos que é a vida. Está entre a néboa da memoria e para achegarnos a el temos que explorala, a fin de recuperar o pouso que deixou a experiencia vital nesa interacción co tempo
Debido ao anterior, analizar o pasado require certa distancia dun mesmo, ausencia de complexos que condicionen o proceso e boa dose de humor. É o paso previo para dar ao prelo unha obra autobiográfica, das que gusto moito como lector, porque forman parte da aventura máis grande xamais contada, que comeza na saída do útero materno, no primeiro golpe de realidade. Autobiografía tecida, neste caso, entre defuntos e santos inocentes
Os defuntos de Fernando Cabeza Quiles son persoas que deixaron pegada nel, persoas singulares que habitaron ese espazo, por veces marxinado, que está fóra dos estándares. Por outra parte, os santos inocentes son perdedores, antiheroes, moito máis interesantes literariamente que os personaxes de éxito e prestixio social. A un tempo, o autor cóntanos quen é, descúbrenos parte da súa vida e analiza o pasado coa conciencia social activa e cunha clara intención de intentar comprender, de dar luz, non de axustar contas.
Defuntos e santos inocentes, o último libro de Fernando Cabeza Quiles, publicado por Espiral Maior, contribúe a pensar no que nos espera, porque o mellor profeta do futuro é o pasado, ou así o expresou Lord Byron, e non debemos esquecelo nestes tempos de grisalla
No libro, estou eu, estamos as lectoras e lectores de certa idade, de fondo, entre liñas, como espectadores unhas veces e como protagonistas outras. Porque estes relatos, escritos cun estilo directo, sen adornos, cun galego fermoso, son capaces de facernos viaxar ata momentos esquecidos da propia biografía e, sobre todo, de transportarnos a un país que deixa de negarse cando, na soidade da lectura, descobre a súa forte personalidade baixo as capas do prexuízo.
Defuntos e santos inocentes, o último libro de Fernando Cabeza Quiles, publicado por Espiral Maior, contribúe a pensar no que nos espera, porque o mellor profeta do futuro é o pasado, ou así o expresou Lord Byron, e non debemos esquecelo nestes tempos de grisalla. Malia a todo, tamén é convinte ter presente que a vida continuará sendo un país estranxeiro, parafraseando, neste caso, a Jack Kerouac.