Demografía e Estado de Benestar

“A catro de cada dez persoas ocupadas en Galiza resúltalles difícil a conciliación familiar”

Hai xa algunhas semanas asistimos no Parlamento galego a unha mostra mais xa non de mala educación senón de absoluto descoñecemento da auténtica realidade demográfica de Galiza por parte dun membro da Xunta. Neste caso tratouse do Conselleiro de Sanidade (Jesús Vázquez Almuíña) que nun pleno do Parlamento declaraba que “o problema da natalidade é que unha muller diga que está contenta de non ter fillos”.
Unha realidade demográfica, no caso de Galiza, que se suscita coincidencias sobre a súa negativa evolución non sucede o mesmo cando se trata de analizar tanto as súas causas como as posibles solucións ou alternativas. O lamentable suceso ao que facemos referencia foi unha evidencia mais.

A poboación galega, aínda que permanece practicamente estancada dende hai máis de 45 anos (1970: 2.676.403 habitantes, 2016: 2.718.525 habitantes, un crecemento medio anual do 2%), tivo nos derradeiros tempos unha evolución negativa por mor da recesión económica (54.500 habitantes menos na derradeira década). Evolución que fixo que o seu peso no conxunto estatal (España) caera do 8% ao 6% e medrara a taxa de envellecemento (multiplicouse por 5: do 37,9% ao 153,7%) por mor tanto de duplicarse o peso da xente maior (do 12,23% ao 24,31%) como caer o da xente moza (do 32,3% ao 15,8%).

Diante desta dinámica demográfica negativa, resulta oportuno preguntarse polas razóns de este débalo demográfico de Galiza. Sempre resulta interesante coñecer experiencias doutros países en calquera que sexa o ámbito da acción política. Por caso coñecer as políticas que en materia de igualdade e conciliación familiar veñen desenvolvendo, dende fai xa bastantes décadas, os estados nórdicos europeos (Dinamarca, Suecia, Noruega, Finlandia). Uns estados que todos os estudios e informes catalogan como os de maior nivel de benestar a nivel mundial pero que tamén, algo que nembargantes non se cita tanto, teñen un alto nivel de ocupación feminina e de igualdade. Factores –benestar social, emprego feminino, igualdade de xénero- que aparecen como especialmente relevantes a hora de explicar a evolución demográfica positiva de estes estados.

A pesares da dureza do clima (a temperatura media oscila entre os 6 e os 8 grados), que leva a moitas familias a buscar lugares mais cálidos, a poboación nestes estados non para de medrar. Se ao principio do século XX a poboación era duns 11 millóns de habitantes, na actualidade os últimoscensos sitúana nos 26 millóns. Ademais, as fontes oficiais calculan que nos anos vindeiros o crecemento demográfico camiñe entre o 8% (Dinamarca) e o 16% (Suecia). Un crecemento poboacional que se acompaña dun elevado incremento na esperanza media de vida: o 5% da poboación ten mais de 80 anos. Incremento que deriva tanto da caída na mortalidade como do incremento na natalidade: a taxa de natalidade nesta rexión é do 12 por mil, claramente por riba da media europea (UE27: 10 por mil) e moi superior a media de Galiza (7,1) e igual sucede coa taxa de fecundidade con 1,8 nenos/muller (UE27: 1,6, Galiza: 1,1). Este incremento da natalidade fai que os estados nórdicos europeos estean entre os que contan con maior porcentaxe (16,5-18%) de poboación infantil no seno da Unión Europea (15,6%), cifras claramente por riba da media en España (15,2%) e Galiza (10%).

Unhas dinámicas demográficas que teñen moito que ver tanto coa situación do mercado laboral como do nivel de desenvolvemento das funcións públicas de benestar.

Os estados nórdicos europeos atópanse entre aqueles que teñen unhas taxas actividade mais elevadas (Dinamarca: 72,8%, Suecia: 74,9%, Noruega: 75,2% e Finlandia: 68,7%), moi superiores as medias tanto da Eurozona (63,9%) como da Unión Europea (64,9%) e a unha distancia coase sideral de España (58,9%) e Galiza (53,4%). Unha situación que se repite na actividade feminina (Dinamarca: 69,8%, Suecia: 73,1%, Noruega: 73,4% e Finlandia: 68%) onde tamén a distancia con España (53,4%) e Galicia (48,7%) aparece enorme. Cifras que, asemade, reflicten como nos estados europeos nórdicos a igualdade (as taxas de actividade son practicamente equivalentes as dos homes e das mulleres) é clave para un maior emprego, cousa que non sucede nin en España (5,5 puntos de diferenza) nin en Galiza (4,7 puntos) o que explica, en parte, as súas menores taxas de emprego.

Logo de mirar estas cifras poida que se empece a entender por que os estados europeos nórdicos son uns dos máis igualitarios do mundo. Igualdade de oportunidades que tamén se reflicte na igualdade a nivel salarial: segundo o índice do Foro Económico Mundial os estados escandinavos son os máis igualitarios do mundo, con menor diferenza de xénero a nivel salarial (Noruega 2º a nivel mundial, Finlandia 3º, Suecia 4ª e Dinamarca 7º) e/ou maior índice de igualdade (70-75%) na Unión Europea (34-53%)..

As elevadas taxas de emprego, a  igualdade de xénero os elevados salarios están favorecidos nestes estados polo elevado nivel de desenrolo das funcións públicas de benestar, reflectido na relevancia do gasto público destinado ao seu financiamento. En todos estes estados o gasto público nas funcións de benestar está entre os mais altos da Unión Europa: Dinamarca: 40,8% do PIB, Suecia: 35%, Noruega: 31% -non está na UE pero participa no EEE-, Finlandia: 40,4%. Cifras que están claramente por riba da media na Eurozona (32%) e son moi superiores a media de España (27,2%) -a pesar do elevado gasto en desemprego-  e de Galiza (26%) –cun peso moi elevado do gasto en pensións-  quen se sitúan no furgón de cola europeo. Un elevado gasto público nunhas funcións que, ademais, son intensivas na creación de emprego e moi especialmente de emprego feminino.

En Galiza o longo período de dominio conservador (PP) ten, por caso, reflexo tanto no débil desenvolvemento das funcións públicas de benestar como na concepción liberal-conservadora das mesmas. Un dos casos mais paradigmáticos, moi relacionado coa realidade demográfica, fai referencia a situación da función de atención á familia e á infancia que o Partido Popular (PP) relaciona case exclusivamente coa muller –son obrigas da muller amais de ter fillos, atender aos cativos e os maiores- polo que carecen (PP) dunha visión social e igualitaria do que debe ser a atención a familia e a infancia e a importancia do público na mesma. Non deixa de ser rechamante que un partido que di defender a familia como piar da sociedade a hora da verdade lle preste tan pouca atención como se reflicte no deficitario gasto público.

Entre as funcións públicas de benestar a citada función familia/infancia inclúe ao conxunto de axudas monetarias, bens e servizos que supoñen un apoio financeiro aos fogares para  nacemento e crianza dos fillos así como aqueles servizos sociais destinados a protexela familia e moi especialmente a crianza. Unha función na que Galiza, como o conxunto de España é especialmente deficitaria: si en España o gasto público destinado a esta función apenas chega ao 1,1% do PIB e en Galicia xira en torno ao 0,4% (66% da media estatal), os estados europeos nórdicos citados multiplican ese gasto (Dinamarca: 4%, Suecia: 3%, Noruega: 3,1%, Finlandia: 3%).

Diferenzas que se fan visibles na maioría de prestacións e servizos que compoñen esta función, que deben servir para axudar a conciliación familiar, como por caso os permisos de maternidade/paternidade e as escolas de infancia entre outras. Os países escandinavos gozan duns permisos de maternidade/paternidade que están entre os mais xenerosos do mundo variando entre as 68 semanas de Suecia, as 52 de Dinamarca, as 45 de Noruega e as 38 semanas de Finlandia, coa particularidade dun elevado reparto na utilización destes permisos pois os homes participan nun 43% en Suecia, un 32% en Finlandia, un 31% en Dinamarca e un 30% en Noruega, tendo así tamén unha elevada participación nas tarefas familiares. Uns permisos que se combinan con un elevado índice de cobertura de prazas públicas nas escolas de infancia: Dinamarca 64%.  48% en Suecia, Noruega 38% e Finlandia 22% a pesares de que os longos permisos de maternidade/paternidade fan que moitos pais/nais escandinavos/as opten por coidar eles directamente dos fillos.

As diferenzas con Galiza, e España son, xa que logo, enormes: os permisos de maternidade/paternidade varían entre as 16 semanas (maternidade) e as 4 semanas (paternidade) –están entre os mais baixos de Europa-, un déficit que ten claras consecuencias na democratización da familia e, xa que logo, da sociedade. O número de prazas públicas nas escolas de infancia non chega a cubrir en Galiza o 25%.Como se pode ver a distancia cos estados escandinavos é moi significativa.

Elevados niveis de ocupación con altos salarios e tamén elevado nivel de desenrolo do estado de benestar que no caso dos estados nórdicos os sitúan entre os de maior nivel de vida a nivel mundial. Factores que, non resulta estraño, teñen tamén o seu reflexo na evolución positiva da súa demografía a pesares das duras condicións climáticas. Dinamarca, Suecia, Noruega, Finlandia poñen en evidencia que hai unha relación positiva entre poboación, emprego, salarios e benestar. Estes estados, en definitiva, demóstrannos que mediante a acción política pódense mudar as dinámicas demográficas negativas.

Por todas estas razóns se a actual Xunta de Galicia está realmente interesada en reverter a actual dinámica demográfica negativa de Galiza ben faría en reverter tanto as duras políticas de axuste fiscal, que dinamitan o estado de benestar, impedindo a conciliación, como as políticas laborais neoliberais, que precarizan o emprego e fan aínda mais difícil para as mulleres galegas o aceso a un posto de traballo digno e en igualdade de condicións. Unha situación que coadxuva, sen xénero de dúbidas, a un menor desenrolo  e tamén a unha menor liberdade en Galiza. Os estados europeos nórdicos mostráronnos o camiño: só hai que seguilo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.