Dereito a decidir

Pintada nas rúas de Chiapas CC-BY-SA WendyAvilesR

Aquelas compañeiras divulgaban unha receita: “Colle un papel e anota por que o fas. Cal é a túa situación e os motivos da decisión. Así, dentro duns anos, cando as cousas che vaian mellor e caias na tentación de arrepentirte e culparte, de pensar como serían a túa vida se tomases outra decisión, poderás acudir á ti de hoxe e lembralo”

En 1992, internet nin existía nin se lle agardaba, polo menos no meu universo. Daquela o acceso a certa clase de información era complexo, case imposible. Porén, había atallos. Algunhas, que andabamos mergulladas nas lecturas do pensamento político alternativo, contabamos cos fanzines. Foi nunha desas publicacións marxinais, ateigadas de información gorentosa fotocopiada e volta a fotocopiar, onde lin un consello que resultou crucial na miña vida. Asinábao un colectivo de mulleres. Falaba sobre a lei vixente na altura arredor da interrupción voluntaria do embarazo, a cal incluía prazos e a obriga dos facultativos de informar á nai e darlle un tempo para meditar a súa decisión. Se temos en conta que os supostos permitidos eran violación, taras no feto ou grave risco para a saúde nai, e que todas nos acolliamos ao terceiro aludindo á nosa saúde mental, o sistema, convirán comigo, era perverso e culpabilizador. 

Para contrarrestar esa violencia, aquelas compañeiras divulgaban unha receita: “Colle un papel e anota por que o fas. Cal é a túa situación e os motivos da decisión. Así, dentro duns anos, cando as cousas che vaian mellor e caias na tentación de arrepentirte e culparte, de pensar como serían a túa vida se tomases outra decisión, poderás acudir á ti de hoxe e lembralo”.

Un día, tocoume. Pasara case un lustro desde aquela lectura, mais non a esquecera. Fixen caso e aproveitei eses tres días nos que o médico me mandou para casa a pensar e redactei aquela nota destinada a min mesma no futuro. Pasado un tempo, viume moi ben poder revisala. Eu decidira.

Giorgia Meloni está a torpedear a lei da IVE italiana. Prometeu non derrogala, mais iso non lle impide ateigala de paus nas rodas

Leo hoxe na prensa, máis de tres décadas despois, que Giorgia Meloni está a torpedear a lei da IVE italiana. Prometeu non derrogala, mais iso non lle impide ateigala de paus nas rodas. A última ocorrencia consiste en introducir os colectivos antiabortistas nas clínicas e obrigar ás embarazadas a escoitar o seu discurso. Tamén, ouvir o latexo do feto, ver unha ecografía e varias atrocidades máis.

A Xunta colabora con Red Madre desde 2009. Achégalle máis do 25% do seu orzamento en subvencións. Nos Comités de Ética Asistencial dos hospitais galegos sentan representantes da igrexa católica. Néganse interrupcións a xestantes de fetos sen posibilidade de supervivencia e mesmo con graves risco para elas

Se cadra, a señora Meloni pensa que non é abondo cruel e doloroso ter que tomar a decisión de interromper unha xestación. De seguro opina que á algo egoísta que se fai á lixeira e que esas malas mulleres precisan que se lles obrigue a pensar. Non serei eu quen tente que ela e os seus razoen. Son a ultradereita, logo o pensamento coherente e cabal non lles acae. Mais síntome interpelada. Deixo aquí algunhas realidades, a quen poida interesar:

  • Cando unha muller descubre que está embarazada, a non ser que o estivese a procurar, sente que o chan desaparece baixo os seus pés. Mesmo se nunca pensou nin pretende abortar, desde ese intre a súa vida mudou para sempre.
  • Ata para a muller con menos desexo de procrear, unha vez encinta tomar a decisión de non facelo, é tremendamente dura. Incluso cando o embarazo é produto da violencia, a decisión é culturalmente complexa e ten consecuencias na súa saúde emocional.
  • As nenas tamén quedan embarazadas (e cada día máis), a causa da mala educación sexual e de agresións.
  • O índice de mulleres en posición de ser nais que abortan é tan baixo que resulta insignificante, e adoita estar relacionado con problemas de saúde do feto ou da nai.

 

O dereito a decidir, malia que se lexisle, pode ser e está sendo socavado, en Italia e aquí. Porque o patriarcado, o de Meloni, o da Xunta, segue a contemplar ás mulleres como seres febles e volátiles que non saben o que fan. O gatopardismo patriarcal coñece a estratexia: aparentar que todo cambia para que todo siga igual.

A Xunta de Galicia colabora con Red Madre desde 2009. Achégalle máis do 25% do seu orzamento en subvencións. Nos Comités de Ética Asistencial dos hospitais galegos, os do SERGAS, sentan representantes da igrexa católica. Na nosa comunidade e na sanidade pública, néganse interrupcións a xestantes de fetos sen posibilidade de supervivencia e mesmo con graves risco para elas, cando o problema se diagnostica pasados os prazos legais que depositan a decisión exclusivamente na nai. 

Se pensaban que falar de Meloni quedaba moi lonxe da nosa actualidade... xa ven que non. Está chamando ás portas das nosas casas e dos nosos corpos. O dereito a decidir, malia que se lexisle, pode ser e está sendo socavado, en Italia e aquí. Porque o patriarcado, o de Meloni, o da Xunta, segue a contemplar ás mulleres como seres febles e volátiles que non saben o que fan. Ao cabo, o gatopardismo patriarcal coñece a estratexia: aparentar que todo cambia para que todo siga igual. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.