O vindeiro luns, 10 de Decembro, cumpriranse 64 anos desde a aprobación da DECLARACION UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS. Foi na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en 1948, tres anos despois da súa constitución. Trátase, para min e para outras moitas persoas, sen dúbida, do documento internacional máis influínte do século XX. Naquela sesión histórica, a Asemblea Xeral pediu tamén a todos os estados membros que publicasen o texto da Declaración e dispuxesen que fose distribuído, exposto, lido e comentado nas escolas e outros establecementos de ensino...
Trátase, para min e para outras moitas persoas, sen dúbida, do documento internacional máis influínte do século XX
Despois de tanto tempo, 64 anos, o grao de coñecemento da cidadanía sobre a citada Declaración, mesmo no noso contexto económico e social, segue a ser moi escaso. Creo que non é por casualidade...
Con frecuencia pregunto a alumnado universitario, tamén a profesorado en activo, cantas veces, ó longo da súa dilatada vida académica, tiveron ocasión de coñecer, reflexionar, ver, tocar, ou traballar, co magnífico Preámbulo e os 30 artigos da Declaración Universal. As respostas, aínda hoxe, non poden ser máis decepcionantes. Unha minoría, desde logo moi minoritaria, recoñece que en certa ocasión tivo a oportunidade de traballar co texto nalgún curso da súa longa vida escolar. Polo contrario, a maioría, afirma descoñecer a Declaración, o número dos seus artigos ou o contido e significado dos mesmos. Nada saben da orixe do documento, dos seus redactores, das personalidades consultadas antes da súa aprobación, ou sobre o grao de cumprimento dos dereitos e a súa vulneración porque, como repetimos tantas veces, a historia dos dereitos humanos é tamén, a historia da súa propia violación. E non só nos países máis empobrecidos...
Despois de tanto tempo, 64 anos, o grao de coñecemento da cidadanía sobre a citada Declaración, mesmo no noso contexto económico e social, segue a ser moi escaso. Creo que non é por casualidade...
En consecuencia, aquel mandado da Asemblea Xeral de difundir e divulgar a Declaración Universal non foi cumprido ou, digámolo mellor, non o suficiente. Tampouco as institucións dos estados e as autoridades educativas tiveron moito interese. Foi a sociedade civil e as súas organizacións non gobernamentais, as máis activas en dar a coñecer os Dereitos Humanos entre a cidadanía, nas escolas, nos institutos, nos medios..., na vida, nomeadamente Amnistía Internacional.
En Galicia, o Seminario Galego de Educación para a Paz fixo un esforzo enorme desde finais de 1985, con moi poucos medios, publicando e distribuíndo distintas unidades didácticas, libros de texto, artigos, materiais, documentos, minilibros divulgativos, anuncios de televisión, documentais e outros audiovisuais, exposicións, así como numerosos actos conmemorativos en colexios e institutos, e lecturas colectivas da Declaración Universal. Na súa páxina web existe un apartado específico dedicado ós Dereitos Humanos, onde calquera persoa interesada pode baixar por impresora os recursos citados.
A falla de apoios institucionais, particularmente da Consellería de Educación e Cultura, levou ate o límite das súas posibilidades a unha entidade creada -hai xa 27 anos- para difundir, precisamente, na escola e na sociedade, os valores cívicos e democráticos
A falla de apoios institucionais, particularmente da Consellería de Educación e Cultura, que presidiu, na anterior lexislatura, Jesús Vázquez Abad (que lamentablemente recuncará catro anos máis, para nosa desgraza e a do ensino público de calidade), levou ate o límite das súas posibilidades a unha entidade creada -hai xa 27 anos- para difundir, precisamente, na escola e na sociedade, os valores cívicos e democráticos, os dereitos humanos, a cultura da paz e a non-violencia, así como para contribuír á mellora integral da convivencia escolar.
Non interesa. Desde logo nada de maneira seria e continuada, rigorosa, algo máis alá dunha foto litúrxica do conselleiro, presidente ou alcalde de turno, unha forma ritual de tranquilizar a conciencia, con mínimo gasto e ningún custe. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos, para estas persoas, non é máis que unha referencia moi lonxana, de utópicos e inxenuos pacifistas fora da realidade. Unha mágoa. A proba do 9 foi a supresión da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos do currículum escolar á primeira oportunidade que tiveron.
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos, para estas persoas, non é máis que unha referencia moi lonxana, de utópicos e inxenuos pacifistas fora da realidade
En certo modo podo comprender que non sexa do seu agrado o extraordinario Preámbulo da Declaración, sobre todo cando afirma:
Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade, e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo en que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas... Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión...
Comprendo tamén que o citado Preámbulo, como o seu articulado posterior, para determinadas mentalidades conservadoras, no político e no social, a Declaración de 1948, pareza, aínda hoxe, 64 anos despois, excesiva. Non o era, desde logo, para Eleanor Roosevelt, René Cassin, Charles Malik ou Víctor Raúl Haya de la Torre, por citar só a algunhas das extraordinarias personalidades que a redactaron. O seu pensamento e obxectivos os están vulnerando cada día, coas políticas que están a desenvolver, na medida en que atentan gravemente contra da dignidade das persoas, a súa liberdade e seguridade ou a igualdade diante da lei... (artigos 1, 3 e 7), particularmente, cando manifesta que ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade (artigo 17), como acontece coas chamadas preferentes, por citar un exemplo.
Comprendo tamén que o citado Preámbulo, como o seu articulado posterior, para determinadas mentalidades conservadoras, no político e no social, a Declaración de 1948, pareza, aínda hoxe, 64 anos despois, excesiva
Por non falar do artigo 22 cando establece:
Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social, e a obter, por medio do esforzo nacional e da cooperación internacional, habida conta da organización e os recursos de cada Estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais, indispensables á súa dignidade e ó libre desenvolvemento da súa personalidade.
Os artigos 23, 24 e 25, están sendo, ó meu modo de ver, vulnerados:
Toda persoa ten dereito ó traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias do mesmo e á protección contra o desemprego... Toda persoa ten dereito ó descanso, a gozar do tempo libre, a unha limitación razoable do tempo de traballo e a vacacións periódicas pagadas.
Ou o artigo 25:
Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a manutención, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten así mesmo dereito ós seguros no caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.
O artigo 26, inspirador -como outros- da nosa Constitución e do Estatuto de Autonomía de Galicia está dedicado á Educación, e merece ser reproducido íntegro:
1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser de balde, polo menos no que se refire á instrución elemental e fundamental. O ensino elemental será obrigatorio. A instrución técnica e profesional terá que ser xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos.
2. A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para manter a paz.
3. Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos.
O artigo 28 resulta particularmente vulnerado no seu contexto nacional e internacional pois o capitalismo, na súa etapa actual, non garante o seu cumprimento:
Toda persoa ten dereito a que se estableza unha orde social e internacional na que se fagan plenamente efectivos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.
Quizais agora podamos comprender mellor por que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, segue a ser un gran referente político para toda a Humanidade
Para rematar referireime ó último dos seus 30 artigos, aquel que establece que a Declaración Universal non pode interpretarse en sentido restritivo ou en beneficio dos Estados:
Ningunha cousa da presente Declaración se poderá interpretar no sentido de que confire algún dereito ó Estado, a un grupo ou a unha persoa, para emprender e desenvolver actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.
Quizais agora podamos comprender mellor por que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948, segue a ser un gran referente político para toda a Humanidade e, ó mesmo tempo, unha gran descoñecida, mesmo hoxe, 64 anos despois...