O que debería ser un debate fóra do común, actívase apenas na baixa intensidade, igual que calquera asunto corrente, sempre coa intención de resolver a papeleta. Un disparate
A síntese máis precisa sobre o futuro da nación galega estableceuna Carlos Ferrás en La Voz de Galicia o 21 de abril de 2012. Di o xeógrafo que Galicia desaparecerá pola perda de poboación. Fusionarase con outras comunidades, deixará de ser unha unidade social e política, igual que xa acontece cos concellos deprimidos, sen xente, incapaces de administrarse por si mesmos, porque non hai quen administre nin a quen administrar. Os datos son abraiantes, difíciles de rebater.
A conciencia é menos que mínima ante esta barbaridade. Non existe. Abonda con observar os partidos políticos. O que debería ser un debate fóra do común, actívase apenas na baixa intensidade, igual que calquera asunto corrente, sempre coa intención de resolver a papeleta. Un disparate. Evadímonos completamente do problema. A pulsión suicida funcionando a pleno rendemento. Como se o goberno propio, recentísimo e cativo, pero poderoso aglutinante de conciencia nacional, estiver maxicamente garantido. E todo pode esvaecerse e converterse en nada.