A noticia saltaba hai varios días: un dos sindicatos maioritarios en Galicia presenta un ERE no que pretende despedir a 24 dos 31 traballadores da súa fundación formativa, aplicándolles unha indemnización por despido de 20 días por ano traballado. Pouco despois o líder máximo dese sindicato a nivel estatal xustificaba o período de 20 días aclarando que xa existía antes desa polémica reforma. A situación non é fácil: a organización sindical informa que os fondos para formación recibidos das administración públicas se reduciron nun 60%.
A controversia está clara: un sindicato aplica unha reforma laboral, promulgada polo goberno hai varios meses, contra a que este sindicato loitou decididamente. Descaro? Incoherencia? Pragmatismo?
A controversia está clara: un sindicato aplica unha reforma laboral, promulgada polo goberno hai varios meses, contra a que este sindicato loitou decididamente. Descaro? Incoherencia? Pragmatismo?
Hai que lembrar que tensións similares se están producindo estes días en todo ese complexo conglomerado que conforma o chamado terceiro sector, que vai desde as asociacións, fundacións, cooperativas, mutuas, sindicatos, igrexa, congregacións relixiosas, etc., e que na actualidade representa o 10% do PIB español (e tamén no conxunto da UE), con 250.000 entidades e 2,5 M de traballadores.
O terceiro sector está formado por entidades que articulan á sociedade e son signo de riqueza social, que defenden os intereses xerais -por iso gozan de beneficios fiscais- e cobren ocos que o estado de benestar non atinxe
Se ben no mundo das mutuas e das cooperativas hai entidades que por facturación, tamaño e prácticas tal vez habería que excluír deste chamado mundo non lucrativo (así, nos últimos anos varias mutuas de seguros transformáronse en sociedades anónimas, e hai cooperativas que facturan miles de millóns de euros), o certo é que o terceiro sector está formado por entidades que articulan á sociedade e son signo de riqueza social, que defenden os intereses xerais -por iso gozan de beneficios fiscais- e cobren ocos que o estado de benestar non atinxe.
Unha situación severa
Pero a realidade é dura: o pasado ano, unha das máis importantes ONG de cooperación internacional, a fundación Intermón Oxfam, cuns ingresos anuais de 80 M de euros, anunciaba un ERE para 90 traballadores, o 18% do seu plantel; en maio deste ano, outra importante ONG do mesmo sector, Axuda en Acción, con máis de 45 M de euros de ingresos, anunciaba un ERE para 110 dos seus 450 traballadores, un impacto do 25%, e xustificando o ERE en perdas futuras.
Intermón Oxfam e Axuda en Acción presentaron ERES
E moitos máis exemplos se poderían poñer nun escenario de redución de ingresos privados e públicos pola crise e de impagos nas administracións públicas das subvencións concedidas, unha importante fonte de recursos de moitas destas administracións.
Por centrar o foco nas entidades -asociacións, fundacións, congregacións da igrexa, institutos sen ánimo de lucro- dedicadas á cooperación internacional, a Coordinadora española deste sector denunciaba en días pasados ante a Defensora del Pueblo estatal impagos por valor de 70 millóns de euros, con atrasos de anos, trucos burocráticos (peticións de informes non obrigatorios para dilatar os pagamentos, etc.) e outras medidas que afectan a 80 entidades e máis de 100 proxectos de cooperación internacional do ámbito educativo, sanitario e social que afectan a persoas de 120 países.
Que facer?
Para os que temos responsabilidades de goberno nalgunha destas entidades, e que loitamos pola defensa dos dereitos das persoas, os conflitos cos traballadores non son prato de gusto: como despedir a un traballador co que hai pouco tempo acudías a unha manifestación en defensa de tal obxectivo social, co que compartías viaxes e estancias low-cost en proxectos no exterior, co que asinabas conxuntamente declaracións e estudos, do que te declarabas igual –craso erro de non saber o que é a función directiva- e co que compartías soños e moitas veces amistade?
Por iso, hai que ser consciente dunhas premisas básicas:
Dirixir unha organización non lucrativa xera responsabilidades e riscos
Dirixir unha organización non lucrativa xera responsabilidades e riscos, en especial canto maior sexa o volume económico manexado. Quen non asuma isto, que non se meta no sector.
Por moito aprecio que teñamos aos traballadores e respectemos os seus dereitos laborais, a obriga principal da organización é cumprir cos seus obxectivos fundacionais, para o cal é necesario a pervivencia da entidade; se para iso hai que resolver contratos, debe facerse.
Desde outro punto de visto, tamén é verdade que o terceiro sector non é lugar propio para stajanovistas; quen queira progresar nunha organización restrinxindo dereitos laborais equivocou o sector.
Evitar que os recursos públicos supoñan a maioría dos ingresos da organización. Se non temos recursos propios privados quere dicir que a nosa base social é limitada; daquela non arrisquemos demais confiándoo todo ás subvencións.
Se non temos recursos propios privados quere dicir que a nosa base social é limitada; daquela non arrisquemos demais confiándoo todo ás subvencións
Dito iso, podemos dar algunha orientación para esta época de vacas fracas:
Contar cun fondo social equivalente ao custo de despido do persoal fixo cuxo contrato non poda asegurarse cos fondos regulares da entidade.
Facilidades para a conciliación familiar e promoción do emprego feminino deben ser medidas reais e non frases feitas sen contido.
Chegado á hora do despedimento, cando menos cinco suxestións:
a) Unhas formas aceptables (non despedir por SMS e outras prácticas infames tan habituais hoxe en día)
b) Pode substituírse o despedimento por unha redución de xornada? Pasar dúas persoas a media xornada evitan un despido.
c) Especial atención ás persoas máis desprotexidas (mulleres embarazadas, con nenos pequenos, único traballador na familia…)
d) Despido xeneroso: ten que haber unha diferencia clara entre as prácticas depredadoras de moitas empresas e unha organización do sector social. Dentro disto despedir con 20 días de indemnización por ano traballado non é aceptable.
e) Acompañamento posterior: despedir a unha persoa non significa romper toda relación. Pode contactarse periodicamente con ela, ofrecérselle axuda para reorientar a súa ocupación, etc.
Aplicando algunha destas propostas a situación que supón un despedimento seguirá sendo dolorosa, pero cando menos non se verá agravada por tensións maiores.