Para un observador demócrata sen simpatía partidaria (eu non o son), os resultados electorais do domingo, ou calquera outros, non serian nin bos nin malos, serían simplemente a plasmación inapelable da opinión cidadá e como tal habería que aceptalos. En Galicia as cousas seguen como case sempre estiveron. O PP conecta co parecer e sentimento dunha parte importantísima da sociedade e todos os demais se reparten o parabén do resto da cidadanía que non quere PP, pero que tampouco ve unha alternativa clara de goberno.
A dinámica Galicia-Estado quedou totalmente diluída para dar paso á omnipresente contradición esquerda–dereita
Para un nacionalista e demócrata (o que eu si son), os resultados do domingo son desoladores por varias razóns. En primeiro lugar, porque venceu con claridade un partido como o PP que, ao contrario que noutros tempos, presume de estar despoxado de calquera veleidade galeguista. En segundo lugar, porque na campaña, nos resultados e na explicación que se deron deles, a dinámica Galicia-Estado quedou totalmente diluída para dar paso á omnipresente contradición esquerda–dereita. En terceiro lugar, porque o resultado depara un parlamento con menos nacionalismo que o anterior e unha cámara con mais españolismo organizado ca nunca. Finalmente, porque, vendo os resultados e escoitando as xustificacións duns, a euforia indisimulada doutros e a chamada a unidade de case todos, un ten a sensación de que esta película xa a viu…..pero con 20 anos menos.
Cómpre evolucionar da cultura da emancipación descolonizadora a cultura da loita democrática de proxectos. Unha evolución lóxica
Por iso creo que sería bo que empezaramos, para variar, por intentar ler a realidade tal como é como paso indispensable para aspirar a que algún día cambie. Esquezámonos desa visión de Galicia como un conxunto de cidadáns maioritariamente alienados aos que todas as mañás se droja con Colacao adulterado para que acepten as consignas do PP. Os cidadáns galegos teñen un nivel de coñecemento político, por termo medio, como o de calquera cidadán europeo. Utilizando o seu recto proceder e conciencia votan por quen lles da a gaña e resulta que maioritariamente o fan polo PP. Se consideramos que están equivocados (eu así o penso), a modificación da situación non vai vir por reclamar a súa conversión vergonzante á verdade absoluta. Quen de verdade queira ser alternativa, terá que ser capaz de convencelos de que as súas medidas e propostas son mellores para eles, a súa familia e o seu país cás do partido hoxe hexemónico. Ou, o que é o mesmo: evolucionar da cultura da emancipación descolonizadora a cultura da loita democrática de proxectos. Unha evolución lóxica.
Se nós mesmos non cremos que a nosa acción de goberno foi infinitamente mellor cá do PP (que o foi), malamente poderemos convencer a xente de que as nosas propostas son mellores cás dos nosos adversarios
Se nós mesmos non cremos que a nosa acción de goberno foi infinitamente mellor cá do PP (que o foi), malamente poderemos convencer a xente de que as nosas propostas son mellores cás dos nosos adversarios. E se non aprendemos xa por propia experiencia que a vía resistencialista de esquerda, que agora empezan algúns con tanto entusiasmo, só da pírricos resultados electorais namentres a socialdemocracia española non se reorganiza, estaremos abocados a tropezar continuamente na mesma pedra.
A vía resistencialista de esquerda, que agora empezan algúns con tanto entusiasmo, só da pírricos resultados electorais namentres a socialdemocracia española non se reorganiza
Mal fariamos os do BNG se a nosa maior preocupación postelectoral estiver cifrada en botar contas de cantos votos nos “roubou” Anova-IU ou pretenderamos zanxar o tema elaborando a indiscutible análise matemática de que a división da oposición favoreceu a vitoria do PP. Non pode o 14% preocuparnos máis do que o 66% que suman PP + PSOE. En todo caso, sería bo que sacaramos conclusións do agora vivido e as arrequentásemos coa nosa experiencia recente. Se a partir de agora imos seguir dicindo que o BNG non é unha forza do actual sistema político debemos ir pensando que nese campo teremos un competidor bastante mais crible e avezado ca nós. Iso sen contar que chegará o momento en que a xente nos pregunte de que sistema somos. E deberemos pensar que imos respostar e como imos trasladalo ás institucións onde gobernamos….
Se a partir de agora imos seguir dicindo que o BNG non é unha forza do actual sistema político debemos ir pensando que nese campo teremos un competidor bastante mais crible e avezado ca nós
Teño o convencemento persoal de que no BNG levamos 13 anos adiando unha decisión transcendente: que queremos ser de maiores? E tardamos tanto en decidirnos que os nosos pais, o pobo galego, farto da nosa indolencia acaba de botarnos fora da casa. Agora teremos que decidilo si ou si, e para iso o mellor e que fagamos memoria.
No BNG levamos 13 anos adiando unha decisión transcendente: que queremos ser de maiores?
No 2001 vivimos o culme do noso proceso de acumulación por resistencia e o nacionalismo, despois dunha loita heroica e de subir de xeito constante durante 10 anos, estancouse electoralmente coincidindo coa reorganización do PSOE a nivel de estado despois da etapa felipista. Aquel era o momento de facer a nosa “evolución lóxica”: nin renegar do que eramos nin crermos que a posición antisistema en Galicia podería gañar as eleccións algún dia. Aproveitar o capital acumulado para construír pouco a pouco o gran partido de masas nacionalista e progresista que Galicia precisaba. Eu crin que todos, ou polo menos a maioría, estábamos de acordo nese camiño e iso motivou que algúns, aparentemente por consenso, asumiramos determinadas responsabilidades que, de non ser por ese previo acordo tácito, non se terían producido. Pero como di a canción “todo foi un soño...”. Non había consenso e eramos moitos menos do previsto os que acreditabamos en tal decisión.
E así tiramos ata aquí, facendo oposición a nós mesmos, xogando un día a moderados e outro a radicais; gobernado as institucións con pragmatismo (e case sempre con eficacia), pero estragando o traballo a base de soster unha cultura política onde non caben os matices
E así tiramos ata aquí, facendo oposición a nós mesmos, xogando un día a moderados e outro a radicais; gobernado as institucións con pragmatismo (e case sempre con eficacia), pero estragando o traballo a base de soster unha cultura política onde non caben os matices; quitándolle importancia as eleccións e despois facendo crises polos seus resultados; estigmatizando a uns por comunistas e a outros por “pouco clarificados”. Ata que a xente se cansou de nós e, para mais desgraza, outros con mais graza e menos memoria decidiron ocupar o noso lugar.
A política é un exercicio consecuente e responsable de principios e valores, non só cálculo electoral. Eu formo parte de ese pelotón de cidadáns indignados que senten asco de un modelo económico que quita dereitos e empobrece a poboación para pagar a usura dos bancos. Pero creo que é un erro defender determinadas posturas antisistema no plano político, non só porque sei que iso electoralmente non leva a ningures senón, sobre todo, por principios e honestidade comigo mesmo. Porque sei que os proxectos de economía planificada que inspiran esas posturas xeran ao longo tanta desigualdade e inxustiza como a que provocan a aplicación dos modelos neoliberais. Porque creo na democracia representativa que non ten porque estar rifada ca radicalidade democrática, ca participación e co protagonismo cidadán e penso que o teño demostrado na miña traxectoria política.
E antes de nada, creo que Galicia é una nación e que o benestar dos seus cidadáns só será posible se podemos acceder o noso pleno autogoberno
Creo na intervención estatal para regular e incentivar a economía e para garantir a universalidade dos servizos, e tamén no papel primordial da economía privada como motor de desenvolvemento. Creo na necesidade de superar o “sentido sindical” da función publica para recuperar o “sentido social” dos servizos públicos. E antes de nada, creo que Galicia é una nación e que o benestar dos seus cidadáns só será posible se podemos acceder o noso pleno autogoberno.
Sen dubida a posta en practica das miñas crenzas non garantirá o éxito electoral e atrévome a dicir que contará con encarnizados inimigos no poder tradicional do país, que ve no “nacionalismo moderado” unha ameaza ao seu status. Xa tiven experiencia abondosa de comprobalo. Mais é o único que me pode motivar e tamén o único proxecto en disposición teórica de competir polo apoio do 66% dos votantes do domingo, sen esquecernos nin do outro 14% nin dos nosos votantes que se merecen todo o noso respecto e consideración .
Poderán dicir que a tradición do nacionalismo galego é outra diferente da que eu expoño e que quero levar o BNG onde nunca estivo
Pode haber compañeiros (e de feito hainos) que lexitimamente pensen o contrario enarborando principios e valores tan lexítimos como os meus. Mesmo poderán dicir que tales discusións, aínda que fora dun xeito tanxencial, quedaron democraticamente sancionadas na ultima asemblea nacional. Poderán dicir que a tradición do nacionalismo galego é outra diferente da que eu expoño e que quero levar o BNG onde nunca estivo. Se así o din terán toda a razón salvo en dous matices.
En primeiro lugar, pode que a posta en práctica do que aquí digo sirva para levar o BNG a onde nunca estivo. Pero négome a crer que todo o noso traballo e esforzo colectivo de tantos anos tivera como destino que o nacionalismo como ideoloxía sexa o apéndice prescindible dun proxecto esquerdista ou altermundista. Con unidade ou sen ela.
Négome a crer que todo o noso traballo e esforzo colectivo de tantos anos tivera como destino que o nacionalismo como ideoloxía sexa o apéndice prescindible dun proxecto esquerdista ou altermundista
En segundo lugar, eu non quero levar a ninguén a ningún sitio. O meu momento de protagonismo político no BNG xa pasou e o nacionalismo, cunha ou outra orientación, precisa de novos actores. Se digo todo isto é porque penso que seguir calado agora fai máis dano que dicir correctamente o que un pensa. Creo que algunha lexitimidade de formas terei gañado!
Sería de estúpidos que nesta situación nos dedicásemos a afiar o dedo e sinalar culpables. En realidade esa é unha actitude estúpida sempre: somos culpables todos, uns por acción e outros por omisión, e canta máis responsabilidade orgánica máis responsabilidade política. Eu fun portavoz nacional e, polo tanto, son mais responsable ca ninguén. Do que se trata é de, se se pode, reflexionar consensuadamente sobre que facer, non de pelexar por ver quen manda. E tempo de sentidiño non de navallas. Xa abonda de carnicería!
O meu momento de protagonismo político no BNG xa pasou e o nacionalismo, cunha ou outra orientación, precisa de novos actores. Se digo todo isto é porque penso que seguir calado agora fai máis dano que dicir correctamente o que un pensa
Só quero apuntar unha breve reflexión para os compañeiros que non comparten as miñas posturas. Sei que todos viven o proceso aberto en Catalunya con expectación, ilusión e sa envexa. Eu tamén. Pero o que máis me impresiona do proceso aberto en Catalunya é a insistencia do Presidente Mas á hora de sinalar cal é o factor determinante do posible trunfo do proceso de autodeterminación do seu país. Non cita ningún dereito histórico, ningún factor identitario, nin ningunha verdade absoluta. Repite machaconamente o seu convencemento de que o factor determinante para que Catalunya poda exercer a súa plena soberanía será que así o queira a vontade claramente maioritaria do pobo catalán. E para iso, consciente do carácter plural da sociedade catalá, se dedica a ocupar unha posición central que lle permita sumar ao seu proxecto nacionalista o maior numero posible de cidadáns. Porque sabe que non hai transformación positiva na historia da humanidade que non leve pobo detrás. E vai camiño de conseguilo.