A primeira conclusión salientable destas eleccións: a cidadanía reaccionou. Fixeron falta seis anos de crise total e incontables casos de podremia pero semella por fin que a fartura chegou ás urnas. Para ficar? Seguramente ata que se limpen os canos a fondo. Namentres, Podemos construirá a súa organización. Onte nin sequera lle fixo falta: en Galicia bateu o BNG sen cabeza visible ningunha. Esta sería unha das “galiconclusións” a extraermos das eleccións ao Parlamento Europeo. A seguir outras dez. Hai para todos:
Rueda estará xa maquinando a reacción: acelerador para a poda do Parlamento, toque de diana nas prazas principais, maior presión aínda nos medios, demonización de AGE, Podemos e calquera posible coalición, e novos coellos para a chisteira
1. O resultado en Galicia replica o comportamento electoral a nivel español: cataclismo de PP e PSdeG, fragmentación do voto e apoteótica irrupción de Podemos, a versión política do 15M tres anos despois.
2. Feijóo cae do pedestal. Autonómicas e municipais son outra cousa pero a perda de apoios representa un aviso dos serios. Rueda estará xa maquinando a reacción: acelerador para a poda do Parlamento, toque de diana nas prazas principais, maior presión aínda nos medios, demonización de AGE, Podemos e calquera posible coalición, e novos coellos para a chisteira. A receita habitual no PP mais con intensidade inusual.
3. Os votos a UPyD, Ciutadans (1,6% en Galicia!) e Vox pódense considerar cedidos a préstamo. Xuntos implicarían un 6% máis para o PP co cal a desfeita semella menor.
4. Galicia volve ser de esquerdas, iso parece incuestionable. En número de votos a diferenza vaise grosso modo aos 80.000 cidadáns; en porcentaxe, aínda máis representativo: 8 puntos porcentuais.
Aínda que o PSdeG igualaría en escanos autonómicos ós que acadarían AGE, Podemos e BNG xuntos, en votos situaríase 50.000 por debaixo
5. Ou o PSdeG se somete a unha renovación real ou esperáo a bancada do progresismo no país. En contra do que sucede en Andalucía, Gómez Besteiro non obtén rédito ningún da mudanza de liderado, nin sequera no seu feudo. Inda que igualaría en escanos autonómicos ós que acadarían AGE, Podemos e BNG xuntos, en votos situaríase 50.000 por debaixo. As decisións –e mesmo indecisións– de Besteiro influíron sen dúbida nesa impresión de continuidade e oficialismo. Vaille acaer ben o cambio de líder en Madrid pero precisa demostrar que ten un proxecto de seu propio para Galicia.
6. AGE sería a forza cunha conclusión menos definitoria. Perde 3,4 puntos porcentuais respecto das autonómicas, o cal non semella positivo nunha opción nova. Sen embargo, a caída é inferior á captación de voto de Podemos. A explicación tanto pode darse en termos favorables (perden menos do que lles quita Podemos) ou desfavorable (se estivesen ben, Podemos non tería acadado o resultado que acadou en Galicia).
AGE perde 3,4 puntos porcentuais respecto das autonómicas, o cal non semella positivo nunha opción nova. Sen embargo, a caída é inferior á captación de voto de Podemos
7. O BNG debería facer unha reflexión que non parece formar parte dos seus plans. O éxito de Podemos e AGE demostra que en Galicia hai unha predisposición cara a opcións nacionalistas e de esquerdas que o BNG non satisfai. Esa é a súa cruz. Agora, dito isto, os resultados non se deberían cualificar de desastrosos, quizais porque xa o levan sendo nas últimas convocatorias e non queda moito máis que perder. Tamén porque o tándem Vence – Miranda se nos antolla o máis sólido dos concorrentes. E sen embargo, nin sequera acadan o 8% dos sufraxios. Mal panorama.
8. Os datos de Compromiso por Galicia son tan determinantes que nin precisan análise. O discurso é consistente, os cadros poden competir con calquera, o perfil do candidato amosaba un alto potencial, o esforzo e a entrega foron incontestables, pero a resposta da cidadanía mesmo diminuíu respecto a xa anémica das autonómicas. As municipais poderían ser a última oportunidade desta alternativa que non termina de encontrar o seu espazo.
O PP non gobernaría ningunha das sete principais cidades galegas
9. De cara ás municipais do vindeiro ano, convén decatarse de que, cos datos de onte, unha posible alianza AGE, Podemos, BNG converteríase na principal forza política en A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra e Vigo, namentres que en Ourense (si, Ourense capital) e Lugo, con maioría progresista, o PSdeG quedaría por riba da imaxinada coalición. En calquera caso, o PP non gobernaría ningunha das sete principais cidades galegas.
De manterse a tendencia actual, semella factible o cambio de cor no goberno galego nas vindeiras eleccións autonómicas
10. Continuando co exercicio de política fición, coido que non demasiado fantasioso, de manterse a tendencia actual, semella factible o cambio de cor no goberno galego nas vindeiras eleccións autonómicas. En tal caso, así mesmo parece probable a alianza AGE – Podemos, non tanto a integración do BNG nesa suposta coalición dada a alerxia recente do Bloque a movementos desta caste con partidos non nacionalistas. En tal caso, o presidente da Xunta habería saír da disputa entre o PSdeG e AGE – Podemos. Coido que estas dúas últimas organizacións han empezar a buscar un candidato axeitado dende mañá mesmo.
E ata aquí as galiconclusións. Cada un terá as súas. En calquera caso, os datos de onte abren un escenario inédito para os dous vindeiros anos. A cousa estará, cando menos, entretida.