Cada día volvo máis indignado da rúa. Que un viandante teña que padecer rutinariamente tantas incomodidades e frustracións non me parece normal. Nalgunhas xornadas particularmente intensas, entro na casa como un refuxiado que se acubilla en lugar seguro despois dun insidioso axetreo. Coches e motos ocupando beirarrúas, mobiliario urbán a impedir o paso a persoas con dificultades, furgonetas vertendo paquetería en calquera esquina, pasos de peóns cronometrados, anuncios e ornamentos a entorpecer os arredores dos locais, trastos apoiados nos colectores de lixo, obras con desvíos impracticables, usuarios de terrazas usurpando os lugares de tránsito máis destacados e, como tendencia cool, centos de bicis e artefactos eléctricos a zigzaguear temerariamente entre a xente. Para o peón, a cidade do século XXI segue a ser un ecosistema histérico e desregulado no que resulta imposible algo tan sinxelo como camiñar pacificamente.
Para o peón, a cidade do século XXI segue a ser un ecosistema histérico e desregulado no que resulta imposible algo tan sinxelo como camiñar pacificamente
Fagan a proba. Anoten mentalmente o número de sobresaltos, molestias e riscos mentres fan un percorrido a pé. Pese aos numerosos regulamentos, gastos e dispositivos para organizar a vía pública, infrinxir as normas forma parte da normalidade. Son as consecuencias de vivir nun entorno que xa non pertence a unha comunidade corresponsable, senón a individuos competitivos e anónimos con altos requirimentos de prisa e benestar. Todo o experimentamos baixo a óptica do consumidor egoísta. Así, circular entre moreas de persoas nun artefacto moderno ou tomar un vermú no medio dun enclave histórico forma parte dos supremos dereitos ao confort e á liberdade de movementos. En cambio, camiñar por un barrio calmado ou dispor dun bo sitio para falar co veciño non é propiamente un dereito, senón un improdutivo hábito de vellos.
Son as consecuencias de vivir nun entorno que xa non pertence a unha comunidade corresponsable, senón a individuos competitivos e anónimos con altos requirimentos de prisa e benestar
Por máis que as propostas de mobilidade urbana prometan unha smart city sostible e humanizada, a prioridade segue sendo o fluxo ininterrompido dos coches, a promoción turística e o aproveitamento comercial. En xeral, os municipios esméranse en que poidamos almorzar nun local céntrico, movernos en novidosos aparatos, conducir un coche ata os núcleos comerciais, visitar unha catedral ou recibir mercancías na porta da casa. Sen dúbida, que miles de cidadáns logren desprazarse a pé se ter que atender mil obstáculos ou virar a cabeza 180 graos en cada cruce non forma parte das prioridades viarias.
Para colmo, chegan con forza novos desafíos. Destaca un exército de individuos nos seus Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) que comezan a proliferar por prazas e beirarrúas
Para colmo, chegan con forza novos desafíos. Destaca un exército de individuos nos seus Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) que comezan a proliferar por prazas e beirarrúas. Eu levo fatal o cinismo co que usan casco para ir máis seguros nos seus aparellos a 30 por hora pero ignoran o perigo de pasar a esas velocidades á beira de nenos e anciáns. Vostedes quizáis non o saiban pero, xunto coas bicis, xa están a causar o 40% dos atropelos nalgunas cidades como Barcelona. Así é. Os empoderados ciclistas, a ecoprogresía da mobilidade urbana, tamén están a converterse noutra das preocupacións dos camiñantes. Desde logo, non axuda que os pedaleantes adoiten alternar a capricho paseos de preferencia peonil, calzadas de varios carrís, pequenas beirarrúas, concorridos pasos de peóns ou mesmo pasaxes elevadas e subterráneas para persoas. Pero as normas aplicables son ambiguas e ignoralas rara vez se sanciona. Ademais, contan coa compracencia da cidadanía máis progresista, que os quere ver como a viva imaxe da mobilidade calmada. Calmada sempre que a un bípedo non se lle ocorra pisar o seu carril-bici, porque non tardarán en reaccionar con reproches e improperios.
Os vehículos a motor están a eludir as novas limitacións presionando aínda máis o territorio peonil e as áreas compartidas
O que ninguén discute é o predominio asoballante dos vehículos a motor, unha realidade que non precisa comentarios. Confórmome con destacar que, pese ás actuais tendencias que intentan restrinxir o seu uso, os motorizados mantéñense como os perigosos, ruidosos e contaminantes reis da cidade. E case me atrevería a dicir que están a eludir as novas limitacións presionando aínda máis o territorio peonil e as áreas compartidas. Parece que a cidadanía de a pé está pagar por adiantado o prezo da transición.
Nalgunhas vías anchas non é infrecuente que os viandantes deban pasalas en ringleira de un. O lamentable é a facilidade coa que un hostaleiro pode expander o seu negocio limitando sensiblemente o tránsito de nenos, anciáns, invidentes ou persoas en cadeira de rodas
En canto ás terrazas, outra fonte inesgotable de agravios aos transeúntes, o cambio lexislativo co tabaco e a crise pandémica deixaron ben claro o seu potencial invasor. Por aclararnos, eu chámolle terrazas a esas instalacións industriais da hostelaría que proliferan á conta do terreo público que mantemos entre todos, incluídos os que non consumen. Poden consistir nunha simple mesa con dúas cadeiras nunha beirarrúa estreita ou en amplos búnkeres con cuberta envolvente, xardineiras defensivas, sistemas de calefacción, pantallas xigantes e hasta refrixeración por auga. Nalgunhas vías anchas non é infrecuente que os viandantes deban pasalas en ringleira de un. O lamentable é a facilidade coa que un hostaleiro pode expander o seu negocio limitando sensiblemente o tránsito de nenos, anciáns, invidentes ou persoas en cadeira de rodas; ou mesmo anulando por completo a beleza dun enclave patrimonial. E todo a cambio dunha modesta taxa. Pero, que ninguén perciba iso coma un mecanismo para o lucro privado que fai a cidade menos habitable, senón coma unha fonte xeradora de “ambiente” e de riqueza, da idea do asentada que está a ideoloxía capitalista que privilexia o benefizo económico individual fronte ao interese colectivo.
Vostedes dirán que esaxero, pero botando un ollo ás estatísticas de atropelos, ansiedade, saúde pública ou retrasos e alteracións nos desprazamentos, pensar nun Día do Refuxiado Peonil xa non parece tan desatinado.